Clara e a liberdade a través da danza: "No escenario síntome ben, libre"

Clara López na actuación de Experimentadanza na edición de 2021 do Festigual coa peza 'Habitados' © Rocío Cibes

Clara López ten 18 anos e é bailarina. Baila desde a cadeira de rodas coa que se move polo mundo pola súa parálise cerebral e participa no Festigual da Coruña coa peza 'Non me toques o segredo', dirixida por Carlota Pérez

Clara López ten 18 anos e é bailarina. Leva cinco anos involucrada en multitude de proxectos vinculados coa danza contemporánea. “De pronto chegou a un sitio no que todo o que fai encaixa, curiosamente ninguén lle di como ten que facer as cousas, os seus movementos valen e gustan”, explica Paula, nai de Clara. “Como unha persoa normal”, apunta ela. O que se considera normal ou non pode debaterse, pero esta rapaza compostelá, que ten parálise cerebral e non pode ser totalmente autónoma, sabe ben do que fala cando emprega a palabra normal.

Por que a danza? “O primeiro contacto foi por casualidade, falárannos dunhas probas que había no Auditorio de Galicia e decidimos probar. Alí sentiuse parte dun grupo por primeira vez. Formouse un grupo moi heteroxéneo e Clara era a máis nova”, conta Pío, pai de Clara. Naquela altura ela tiña 13 anos e, como calquera adolescente, buscaba a súa independencia e o seu espazo. Foi a primeira vez que podía facer unha actividade afastada dos seus pais.

Clara López abraza a Davide Salvado nun momento da representación de 'Habitados', de Experimentadanza, no Festigual 2021 © Rocío Cibes

O pai de Clara explica que coa danza contemporánea "sentiuse parte dun grupo por primeira vez"

“Pasou o que nós pensabamos que tiña que ser, pero que non atoparamos aínda, porque as actividades teñen que dar un paso máis na inclusión”, sinala Paula. “Esquece a palabra inclusión, había respecto por cada unha das persoas que estaban alí e cada unha ía aportar algo”, engade Pío. E é que as experiencias vividas nesta familia lévanlles a preferir que haxa ‘respecto’ e ‘diversidade’ a ‘inclusión’. “É un gusto ver como se valora e se respecta o que cada un pode aportar, sen presións”, celebran.

Despois do primeiro ano participando en actividades de danza contemporánea Clara contoulle aos seus pais que por primeira vez a respectaban e se sentía libre. “Tiña 13 anos, é moi tarde para sentir iso, pero atopou un sitio no que ela mola ou é guai por ser quen é, non ten que cambiar nin esforzarse para facer as cousas doutro xeito, senón que co seu falar e coa súa forma de moverse xa está aportando”, asegura súa nai. Isto é todo un contraste coas terapias ás que tamén acode, onde sempre a están corrixindo. Os exercicios terapéuticas son necesarios para Clara, o problema chega cando só pode acceder a ese tipo de actividades e non hai un tempo de verdadeiro ocio para ela.

"Ven nela que ten moita capacidade de conectar e de expresar", conta a nai de Clara

“No escenario síntome ben, libre”, afirma Clara. A cadeira de rodas que a acompaña é un instrumento máis en escena e nunca unha limitación. Así, ela só ten que deixarse levar e seguir –aínda que non de maneira estrita– os pasos que lle marca a coreógrafa e xestora cultural Carlota Pérez, da compañía Experimentadanza, coa que xa colaborou en varios espectáculos. Este venres, 25 de novembro, representan xuntas a peza Non me toques o segredo no CEIP Nosa Señora de Lourdes da Coruña no marco do Festigual, o festival das artes inclusivas.

Os pais de Clara eran totalmente alleos ao mundo da danza, chegaron a el na busca constante de estímulos e novos retos para a súa filla, a maior de tres e a que ten maior determinación. “Ven nela que ten moita capacidade de conectar e de expresar. Vaise quedando con todas as directrices e cando comeza actuar é outra persoa. Hai unha cousa moi chula, que é ver os movementos dunha persoa que non ten na cabeza metido como se ten que mover e que é o normal, e velo en persoas con todo tipo de corpos e idades á xente impresiónalle e gústalle porque ves outra maneira de sentir”, reflexiona Paula.

O 30 de novembro actúa no Teatro Principal de Santiago, ás 20.30 horas, coa peza coral Mi lugar, dirixida por Rebeca Ponte e Carlota Pérez

“Quero ser libre”, repite Clara en varias ocasións durante a conversa. E a palabra libre colle novos significados de cada vez, pois repasando aquelas primeiras experiencias coa danza chega o contraste coas horas que daquela pasaba no instituto, unha etapa que quizá non é doada para ninguén, pero sen dúbida tiña outras implicacións para ela polas carencias do sistema na inclusión –hai que empregar aquí esta palabra– e na atención á diversidade. “Apartábanme”, di Clara, e con iso chega para entender. Agora está matriculada nun curso de FP de preimpresión dixital ao que aínda se está acostumando, pero “é outro ambiente”.

Clara colabora con proxectos de teatro-danza en Santiago e Coruña, polo que as actuacións para ela estanse a multiplicar. O 30 de novembro actúa no Teatro Principal de Santiago, ás 20.30 horas, coa peza coral Mi lugar, dirixida por Rebeca Ponte e Carlota Pérez, e na que contaron coa formación de Víctor Duplá e María Vázquez. Pero Clara tamén participa en pezas profesionais como a de Non me toques o segredo, coa que xa leva cinco representacións e coa que volve participar no Festigual despois do éxito do ano anterior coa peza Habitados, tamén dirixida por Carlota Pérez e na que traballou con outros artistas como Davide Salvado.

"Ela, pola súa circunstancia, por muller e por moitas cousas que todos sabemos, ten que estar permanentemente demostrando", di Paula, nai de Clara

Non me toques o segredo, a peza coa que estará no Festigual, estreouse nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña e Pío lembra que foi “impresionantemente ben”. En escena hai tres protagonistas: Carlota, Clara e a cadeira de rodas de Clara. E Pío entra en acción para mobilizar a Clara. “A coreógrafa pediulle permiso a Clara para contar co seu pai”, apunta a nai, “pois el é a persoa coa que ela ten máis confianza no mundo, el pode collela e sostela no aire e ela está cómoda. Así pode centrarse só en expresar e moverse”. “Eu non sabía nada de danza contemporánea pero explicáronme que é emoción. Vexo como no escenario esquecémonos de todo e, sobre todo elas, chegan a conectar tanto co público que se crea unha enerxía moi intensa”, describe Pío.

Estas experiencias coa danza están reforzar a seguridade que sente: “Os demais apóianse en min e respéctanme”, afirma. “Ela é unha tía moi segura de si mesma, pero o da danza dálle máis seguridade porque sabe que iso o fai ben. O que nos transmite é que aí sente que os demais pensan que vale para algo. Ela, pola súa circunstancia, por muller e por moitas cousas que todos sabemos, ten que estar permanentemente demostrando”, agrega súa nai. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.