"Compartir coa comunidade é un xeito de facer florecer as palabras que se están baleirando"

Nuria Sotelo na representación de 'Mortais e vulnerables' © Furia Sotelo

 

"Ser interdependentes está ben porque é así como somos como seres humanos"

Ser con. É o título dun dos proxectos de Nuria Sotelo: bailarina, coreógrafa, directora de Licenciada Sotelo e de Furia Sotelo, docente e impulsora do proxecto de creación artística no rural Casa Vella. Mais Ser con podería ser, tamén, o lema de todo o seu traballo. Ser cos demais. Construírse a través dos demais. Desde a interdependencia como parte do que nos define como seres humanos. Falamos con ela de toda súa traxectoria a partir da súa participación recente no Festival C, onde presentou con Clara Ferrao a peza Vestirme de ti, coa que anteriormente estivera no Galicia Escena Pro.

Fixeches recentemente Vestirme de ti no cemiterio de Bonaval, en Santiago. Esa mesma peza xa estivera noutros lugares. Como xurdiu? Muda moito segundo o espazo? Clara Ferrao e ti vestídesvos unha da outra no que parece unha peza sobre os afectos.

O que máis cambia, máis que a nivel de concepto, é o puramente físico, en canto á adaptación ao terreo. Varía segundo o tipo de chan que sexa. Para crear esta peza, Clara e eu empezamos a traballar con Maximiliano Sandford sen levar ningún concepto previo. Traballamos coa fisicalidade, coa relación entre nós. Foi despois cando apareceron tanto o título como o concepto. E si que ten que ver coa interdependencia entre as persoas. Que é algo propio das relacións humanas.

En calquera tipo de relación non estás ti só/a. Acabas sendo o/a outro/a, constrúeste co/a outro/a, parte de ti acaba sendo o outro e parte do outro acabas sendo ti. Ao sistema de consumo vénlle moi ben o discurso da independencia, que leva ao illamento e á insatisfacción porque os seres humanos non estamos feitos para iso. Polo que esa insatisfacción súplese consumindo cousas. Ser interdependentes está ben porque é así como somos como seres humanos. E renegar diso lévanos a mal sitio.

'Ensaio Amor' © Ruben Vilanova

"Ana Vallés é moi boa sacando o mellor de ti"

Entre os teus últimos traballos está a interpretación en Inloca, de Matarile. Pero con Matarile levas anos traballando. Como empezou esa relación e que importancia ten na túa traxectoria? Porque parece moi relevante.

Si que o é. Eu coñecía o traballo de Matarile e encantábame. Pensaba: isto é o que quero facer! Coñecín a Ana Vallés nun curso de Manicómicos. Eu comecei a bailar profesionalmente no Centro Coreográfico Galego polo ano 2008. Traballei con outras compañías, como Elefante Elegante e Experimenta Danza, e chegou un momento en que quixen facer un só. Cando estaba facendo o curso comenteillo a Ana. Cando acabou o curso, ela ofreceume a súa axuda. Díxome: aquí estou se precisas axuda.

Foi a época en que Matarile estivo pechado despois de Pechado por aburrimento. Eu tardei uns días en chamala porque non podía crer que Ana Vallés se ofrecese para axudarme… Ao final chameina e empezamos a traballar en Métase nos seus asuntos. Aí naceu a miña compañía, Licenciada Sotelo. Para min foi un antes e un despois. Ana é moi boa sacando o mellor de ti. A partir de aí empecei a traballar con Matarile de xeito habitual, cando retomaron a actividade. Practicamente en todas as súas producións. Menos cando parei porque tiven á miña filla.

"En Ensaio amor eu estaba coa idea de que quería seguir traballando como artista pero tamén quería estar coa miña filla"

Mortais e vulnerables foi tamén unha das túas últimas creacións. No Teatro Principal de Ourense houbera ao final algo que non che funcionara… Esta peza falaba tamén do encontro e de construírse a través da relación cos outros, como Vestirme de ti.

Si, en Ourense quedara toda frustrada por ese fallo do final e quixen compartilo, porque polo menos así quedei liberada. É unha pena que non o puiderades ver. Pero si, con Mortais e vulnerables naceu Furia Sotelo. E si ten que ver coa interrelación e coa vulnerabilidade ante os demais. Xurdiu dun artigo do sexólogo Efigenio Amezúa. Eu fixen un mestrado en sexoloxía que me cambiou a forma de ver moitas cousas sobre as relacións. Mortais e vulnerables naceu diso, desa reflexión sobre a interdependencia, sobre construírse a través do outro. Co paradoxo de que era un só.

Foi, de todas maneiras, unha creación colectiva con Babirusa Danza, con Mónica García, con Alejandra Balboa e con Nacho Cárcaba. Despois da estrea tiñamos outro bolo pero a técnica non puido facelo. Despois de estar eu preocupada sentada na miña oficina -que traballo de oficina é o que máis fago- pensei que quería deixar de angustiarme e pensei, por que non me encarna Alejandra Balboa? Porque, ademais de ser a miña amiga, é unha fantástica bailarina. Entón eu pasei a encargarme da parte máis técnica, da produción, sendo ela a que baila. Porque non se pode estar a todo. Cando tes que bailar tes que estar no corpo. E para min é moi bonito verme encarnada en Alejandra.

Hai unha conexión entre esa peza e a que fixeches en Escenas do Cambio tocando unha trompeta subida nun terraplén…

Chameina Entre e foi unha peza feita especificamente para ese espazo da Cidade da Cultura. Si que hai algunha conexión con Mortais e vulnerables, como a aparición da trompeta. Foi, de feito, parte do proceso. Ao final, cousas dunha peza acaban sendo parte da seguinte. É un continuo.

De feito en Vestirme de ti hai un inicio de exploración do espazo -en Santiago, as tumbas do cemiterio de Bonaval- que tamén está en Entre -ti alí no medio da rocha-.

É que iso gústame moito. Ese momento de interacción co espazo escénico encántame. Na primeira peza que fixen con Mounqup, Estado de gracia, no festival Corpo a Terra, xa estaba ese aproveitamento do espazo. Unha adaptación dos materiais ao espazo.

'Entre' © Furia Sotelo

Con Mounqup fixeches, de feito, varias pezas. Igual que con Macarena Montesinos. Ambas son músicas. Como se produciu o encontro con elas?

Con Macarena Montesinos o encontro foi no Alg-a Lab, en Vigo. Un proxecto moi interesante no que nos coñecemos xente que estabamos experimentando co son, coa improvisación, co corpo… Eu estaba pensando en facer Silencio, por favor. Mounqup e eu fixemos unha primeira versión e a partir de aí xurdiu outra cousa, xa con Macarena e con Rut Balbís e con Clara Ferrao. Despois naceu Ensaio amor, que ao principio tamén ía ser outra cousa, Omnio, unha peza sobre a resistencia.

Ensaio amor era unha produción que ía facer con Clara e con Macarena. Pero entón quedei preñada. Chegou un momento en que tiñamos que estrear, porque tiñamos que cumprir prazos porque tiñamos unha axuda, pero non houbo maneira. Despois de ter eu a nena Macarena e Clara propuxéronme seguir con ese traballo. Pero eu xa tiña á miña filla e o meu corpo non estaba xa para o tema da resistencia. O proxecto foi orientándose cara o tema dos coidados. A nena estaba sempre por alí e ao final acabou sendo parte da peza. Así naceu Ensaio Amor. E despois Macarena e eu fixemos Quen canta o seu mal espanta por un encargo para o día da música en Pontevedra.

En Silencio, por favor había unha crítica á sobreinformación e o ruído. En Ensaio amor estaban o corpo, a palabra e a música e as mulleres como artistas, nais e amantes.

En Silencio, por favor eu estaba aí. Farta de tanto ruído. Precisaba un pouco de silencio. En Ensaio amor eu estaba coa idea de que quería seguir traballando como artista pero tamén quería estar coa miña filla. Era un pouco como conciliar todo, non só no sentido de conciliar a crianza coa vida laboral. Que ao final ten que ver co que falabamos antes, con ser cos outros.

"Claro que nos inflúe o patriarcado. Quen se libra diso? Pero o que non ten sentido é xulgar as mulleres polo que fan co seu corpo"

Estado de gracia tiña que ver coas iconografías -facíase diante dunha Igrexa- e coa resignificación de corpos e símbolos.

Foi un encargo de Corpo a Terra. Eu a Mounqup non a coñecía de antes pero había aí unha intuición de que iamos entendernos. E funcionou moi ben, por iso seguimos traballando xuntas. O emprazamento era diante da Igrexa de Santa Eufemia. Tratamos de empaparnos do lugar. Buscando un estado de gracia que non é o da pureza e a castidade, senón o da enerxía feminina en toda a súa expansión. Eu viña de traballar no CCG e con Ana Vallés e estaba a tope de enerxía. Estaba realmente en estado de gracia...

Non lembro que peza foi a que escandalizou a un xornalista de El Correo Gallego porque se vían tetas.

Foi esta. Foi moi curioso porque nunca tantas mulleres se me achegaron para darme as grazas como nesta peza. Polo que si causou un impacto esa enerxía feminina da que falabamos. Esa resignificación do acto de dar o peito. Mounqup e eu acababamos de ter as nosas fillas, que se levan un ano. E eu pensei, pois acabamos e dámoslles a teta ás nenas. Houbo esa reacción negativa que citas pero tamén esas reaccións positivas, sinal de que a peza lles chegou. E, non sei, quizais enviar a ver unha peza de danza contemporánea a aquel xornalista é como mandar a alguén que non sabe nada de fútbol para que escriba que eran un grupo de tipos dándolle patadas a un balón.

Todo o que eu podería escribir sobre un partido de fútbol. Mais aquilo foi significativo. Que unha muller ensine unha teta resignificada, non sexualizada, pode ser escandaloso. E, no outro sentido, tamén pode ser socialmente sancionada por decidir ensinar unha teta ou a vulva nun escenario porque iso supostamente ten que reforzar o patriarcado.

Aí poderiamos estar falando ata mañá. O que eu creo é que é lícito que unha muller faga co seu corpo o que lle saia dos ovarios. Somos seres complexos e claro que a sociedade inflúe no que somos. Claro que nos inflúe o patriarcado. Quen se libra diso? Pero o que non ten sentido é xulgar as mulleres polo que fan co seu corpo. Quero dicir, que ninguén ten autoridade para dicirlle a unha muller o que está ben e o que está mal. Ninguén é quen para criticar o que unha muller faga co seu corpo libremente. E nese libremente claro que nos inflúe a sociedade. Pero non ten sentido infantilizar as mulleres, colocalas sempre como vítimas.

'Estado de gracia' © Rubén Vilanova

"Ninguén ten autoridade para dicirlle a unha muller o que está ben e o que está mal"

En relación co xénero, na túa peza Espida está o non binario. En A Rosa está a intersexualidade. Que tamén están en moito do traballo de Matarile. Non tanto no sentido biolóxico da mestura de caracteres femininos e masculinos, senón da non rixidez dos xéneros como construción social.

Como comentei antes, influíume moito o mestrado en sexoloxía. Marcoume na vida e na creación. Penso que esa intersexualidade non é un estado dunha persoa en concreto, senón que todos somos unha mestura ao respecto. E facerte consciente diso é un xeito de darse conta da diversidade sexual. Pode haber persoas nas que a intersexualidade se evidencia máis, pero penso que todos somos intersexuais.

Non son algúns raros e outros normais. Todos somos raros. E saber iso cambia a nosa relación cos demais e con nós mesmos. Antes había unhas normas moi ríxidas sobre o que era ser home ou muller. Agora hai unhas normas moi ríxidas sobre o que deben ser a masculinidade e a feminidade. E eu o que non quero é que me digan o que teño que ser. Todos somos unha mestura de bioloxía, cultura, vivencias persoais, circunstancias… E ver iso axuda na nosa relación cos demais e contigo mesma.

Hai un aspecto definitorio do teu traballo que é o lado social -incluíndo o tema do xénero-. A Rosa estivo no programa Violencia Zero, fixeches cousas no festival Deltebre, coa Compañía5s…

A vida foime levando por aí. Teño moito interese en compartir, en non facer as cousas eu soa. Cando fas unha peza e queres compartila hai unha parte importante da poboación que dificilmente vai ter acceso. E quen ten a experiencia de participar nunha creación como non profesional vaise achegar despois dun xeito diferente como espectador/a. Ademais, ao traballar con non profesionais xorden vivencias que doutra maneira non se xeran. É un xeito de crear comunidade, de favorecer un achegamento non competitivo, de todos a unha.

Nunha creación que mestura xente heteroxénea: novos e maiores, profesionais e non profesionais, etc, todos aprenden uns dos outros. Cando estás metida, como profesional, nunha maquinaria de produción constante podes acabar esquecendo por que estás aí. Pero ao traballar con non profesionais baixas á terra, lembras por que fas o que fas. Porque volves conectar con aquilo que te levou a comezar a bailar. Porque volves velo neles.

"Non son algúns raros e outros normais. Todos somos raros"

Con iso tiña que ver Ser con, outro dos teus proxectos. Que fixeras antes no Deltebre?

O Deltebre lévao Roberto Oliván, o coreógrafo co que bailei por primeira vez profesionalmente, no CCG. É un festival que se fai en Cataluña do que eu fora antes alumna. Empecei a traballar con Carlota Pérez, de Experimenta Danza, e propuxémoslle a Roberto realizar unha experiencia inclusiva con xente con trastornos mentais, con xente maior do pobo e con bailaríns do propio curso. Saíu moi ben e seguiu facéndose despois. Eu xa non estou, de feito, pero a iniciativa continúa. Como dicía antes, todos aprenden de todos. Os bailaríns profesionais, os estudantes de danza, a xente con diversidade funcional, a xente maior… É moi bonito. Créase unha enerxía moi emocionante. Cando comprobas que tendes a pensar na xente con diversidade funcional como “pobriños” decátaste de que somos nós mesmos os que temos unha discapacidade na nosa relación con eles.

A Casa Vella, en Allariz, é un dos teus maiores proxectos. Facedes cursos, espectáculos…

A Casa Vella é un proxecto profesional e de vida creado por Rubén Vilanova e por min. Decidimos vir vivir a Amiadoso, en Allariz, á casa familiar de Rubén. Ao lado había outra casa vella que estaba caendo. E eu vin a oportunidade de conxugar as miñas dúas grandes paixóns, o medio rural -son veterinaria- e a danza. Comezamos a facer obras para montar un espazo de creación. O que ofrecemos aos artistas neste espazo é compartir unha mediación, a cadaquén segundo as súas necesidades. Pode ser, por exemplo, unha forma de compartir o proceso coa comunidade. Foi o caso de Guillerme Morais, por exemplo, que compartiu o seu proceso coa xente do pobo e sacou de aí material para a súa peza. E poden facerse distintos tipos de aproximación á comunidade: ir ao instituto, ao colexio, ao Concilia Verán…

"Ao traballar con non profesionais baixas á terra, lembras por que fas o que fas"

Ademais, as mulleres do pobo, que teñen máis de 60 anos, son xa as maiores expertas en creación contemporánea. Veñen a todo e ven de todo. Antes había outros espazos de encontro: o fiadeiro, o baile, o entroido… Varios espazos para crear comunidade que agora non hai ou hai doutra maneira. E a Casa Vella axuda a reconstruír iso. A xente pode ver cousas diferentes, propostas que non ve noutro lado. E aí xorde algo, pasa algo, aínda que non sabería definir o que é. Non sei precisar o que achega, pero creo que moito. O que teño claro é que o rural é unha aposta de futuro cen por cen. A min preocúpame o baleiramento das palabras, a apropiación polo sistema de palabras como a sustentabilidade. Porque non é poñelo todo ao servizo do mercado. Nós vivimos aquí e tentamos facelo do xeito máis honesto posible: coidamos as nosas leiras, limpamos o monte… Compartir coa comunidade é un xeito de facer florecer as palabras que se están baleirando.

'Silencio por favor' © Rubén Vilanova

"Preocúpame o baleiramento das palabras, a apropiación polo sistema de palabras como a sustentabilidade"

Estudaches danza clásica, despois traballaches como veterinaria e logo empezaches a dedicarte á danza contemporánea. Como foi o paso dunhas a outras?

Non son cambios que viñesen de repente, senón que te conectan co que te acompañou toda a vida. Eu fixen ballet clásico dos 6 aos 18 anos. E sempre me encantaron a natureza e os animais, polo que estudei veterinaria. Cando estudaba ballet clásico había esa idea rancia de que se non estabas no cumio aos 13 anos xa non ías facer nada porque empezaba a conta atrás. Eu seguín bailando, estudei veterinaria e entrei en contacto coa danza contemporánea na Universidade. Facía cousas na Sala Galán e con Cristina Cameselle. Cando empecei a exercer como veterinaria botaba de menos a danza. Aos 29 anos pensei que, igual que o que me dicían aos 13, se antes dos 30 non facía nada en danza, sería a miña última oportunidade.

Pensei en marchar para Madrid ou Barcelona. Pero Amparo Novas díxome que non fose a Barcelona ou Madrid para volver igual e sen cartos. En vez diso recomendoume que fose estudar á Coruña con Armando Martén e Betty Pérez. Xente moi xenerosa, bailaríns estupendos e boísimos docentes. Empecei a facer tamén cabaré con Femme Fatale… De xeito que polas mañás facía campañas de saneamento como veterinaria e pola tarde facía danza contemporánea e cabaré. Unha vez presenteime a unha audición no Centro Coreográfico Galego e colléronme. Había 200 candidatos e eu ía tranquila porque pensaba que non ían collerme… Aí empecei. Durante uns anos combinei as dúas cousas, pero acabei deixando a veterinaria porque se me fixo inconciliable. Pero como botaba de menos a veterinaria, a Casa Vella foi tamén unha oportunidade de volver conciliar ese amor pola danza e polo rural.

"O CCG debería ter, en primeiro lugar, un orzamento que lle permitise ser algo"

Citaches varias veces o CCG, do que agora pouco sabemos. Que debera ser?

Non sabería contestar a iso. O CCG debería ter, en primeiro lugar, un orzamento que lle permitise ser algo. Porque con 100.000 euros non pode ser nada. Un espazo que apoie a creación, que cree rede. Pode ser moitas cousas: apoio á creación, á investigación, á distribución… Que funcione como centro de produción está ben se hai diñeiro, pero non creo que sexa o fundamental.

Traballaches con varias compañías. Citaches a Femme Fatale, Elefante Elegante… Tamén estiveron Aporía Escénica -en Soga e Cinsa foi unha pena non poder verte bailar-, Teatro Resoarte…

Soga e Cinsa foi moi bonito polo encontro coas compañeiras. Pero supoño que a compañía que máis forma parte de min é Matarile, coa que levo traballado máis. Con Elefante Elegante traballei en In. O traballo que fixen con Femme Fatale, tamén cando empezaba, axudoume moito porque me sacou moitas parvadas de enriba. Quitoume moitas vergoñas, reconcilioume con partes de min que eu rexeitaba. Con Teatro Resoarte -Manuel Cebral- fixen A Caverna de Platón a partir dun encontro no Alg-a Lab tamén. Coa Compañía5s, con Carlota Pérez, de corte inclusivo, abríuseme un campo que me enchía moito. Fixemos xuntas Danza Homo Natura.

"Eu traballo en algo que me encanta e no que creo. Son unha privilexiada nese aspecto"

Despois tes moitas colaboracións con artistas individuais. Mikel Arístegui, Magdalena Arau, María Move, Beka Iglesias, Jordi Cortés…

Unha vez falando coa técnica de Cultura do concello de Allariz díxome que había outro bailarín que vivía en Allariz. Era Mikel Arístegui. Chameino, quedamos e empezamos a bailar xuntos. Houbo feeling inmediato en canto a maneira de entender o corpo, o movemento, a creación.... Primeiro participei nunha creación súa, In Between, e despois el dirixiume na peza Ser Con, que fixen co apoio do Art por Change, un programa da Fundación La Caixa. A Jordi Cortés, con quen fixen Lo que callo, coñecino a través de Carlota Pérez, de Experimentadanza. Con Carlota, con Experimentadanza fixen Xogando coa arte ou A ollada nas mans. Con Magdalena Arau fixen Ese afuera que no es naturaleza.

A Beka Iglesias tamén a coñecín a través do Alg-a Lab, onde tiñan un laboratorio de antropocode. Fixen con ela Magia Augmentada, unha performance interactiva transfeminista que utilizaba tecnoloxías baseadas no tacto en interacción con software libre. Con María Move fixen Muun máis danza e Toda a beleza do mundo. María é moi interdisciplinar: interésalle a danza, o circo, a música… Con Cris Vilariño fixen Incerteza e A Gala -sobre Maruja Mallo-, na que tamén estaban Rebeca Carrera e Andrea Quintana.

Erick Jiménez era asistente de dirección en Kiosko das almas perdidas, a obra dirixida por Roberto Oliván na que traballei para o CCG. Despois coincidín con Erick en Deltebre, onde fixen tamén Easy con asistencia de dirección de Roberto Magro. Erick é quen leva agora o proxecto inclusivo de Deltebre do que falabamos antes. Tamén colaboro con Sólodos en danza, de Erick e Maruxa Salas, que se moven entre Costa Rica e Ourense. Son artistas, xestores, produtores e distribuidores. Colaboramos en traer xente de aquí para alá.

'Quen canta seu mal espanta' © Furia Sotelo

Dicías ao principio que o que máis facías era traballo de oficina. Moitos artistas levan iso bastante mal. Producir, distribuír, promocionar…

É que é esgotador. Eu porque estou na Casa Vella, que se vivise pechada nun piso non o soportaría. Isto é como unha xincana. Vives cargada de curro. E hai días que traballo ata as 3 da mañá ou toda a noite, pero tamén hai moita xente que se levanta todos os días ás 5 da mañá para facer algo que non lle gusta. Eu traballo en algo que me encanta e no que creo. Son unha privilexiada nese aspecto. Gustaríame atopar un equilibrio máis vivible, pero estou agradecida por poder facer este traballo.

A Casa Vella forma parte da Rede Aldear. Aí están pasando moitas cousas de cultura.

Na Rede Aldear atopámonos varias iniciativas culturais no rural que teñen que ver con como habitar o rural e non só con facer eventos culturais no rural e volver marchar para a cidade. Somos proxectos das provincias de Ourense e Lugo, do eixo occidental. Que non todo ten que pasar polo Eixo Atlántico. O ano pasado conseguimos as axudas de Territorio Cultura. Pero o máis importante é a interacción, as sinerxias, as postas en común de cousas que acontecen no rural.

"Na Rede Aldear atopámonos varias iniciativas culturais no rural que teñen que ver con como habitar o rural e non só con facer eventos culturais no rural"

Citamos o festival Corpo a Terra. Tamén estiveches no festival Alt, no FITO ou no Escenas do Cambio. Outro soporte do teu traballo é a propia Agadic, claro.

No Corpo a Terra estiven desde a primeira edición. A colaboración sustentouse na proximidade xeográfica e afectiva. O Alt foi un festival moi importante que sempre apostou pola creación. E non tanto polo seu apoio económico, que tamén, senón porque son xente que cre en ti, coma o FITO, onde estreei Mortais e Vulnerables. Escenas de Cambio coproduciu Ensaio Amor, coa que estiven de residencia no espazo Azala. A Casa Vella ten dous referentes, que son L’animal a l’esquena, da compañía Mal Pelo, en Celrà (Girona), e Azala, en Lasierra (Álava), de Idoia Zabaleta e a súa parella.

Se todas as artes escénicas teñen un problema de distribución, na danza aínda é peor. Non sei se é a túa experiencia. Prodúcense pezas que logo non hai oportunidade case de mover en teatros.

É moi difícil distribuír, si. Iso vai cambiando algo, pouco a pouco. Pero o que conseguimos vender agora é danza de rúa. Ir a teatros é moi complexo. De rúa hai algúns festivais, algún concello que programa algo… E ademais á xente, cando vai ver danza de rúa, gústalle. Pero logo igual non están afeitos a ir ver danza a un teatro. A min a distribución lévama unha empresa, Amarelo. Vender é moi frustrante e moi cansado. A ver se pouco a pouco imos camiñando niso.

Non sei se preguntarche por Galicia Caníbal. Teño que dicir que non me gustara nada.

Pois eu paseino moi ben e ademais economicamente nese momento deume a vida. Foi unha experiencia moi boa compartir este espectáculo cos compañeiros. Eu bailaba con Janet Novás e Mónica García e fora moi guai. En Madrid fora algo loucura porque actuabamos sete días á semana, pero as condicións eran economicamente boas. Aí foi onde coñecín a Clara Ferrao, ademais. Como foi para os espectadores, aí xa non me meto. Pero eu pasárao moi ben.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.