Un público amplo e heteroxéneo, non formado na súa maioría por habituais da danza contemporánea, acudiu ao cemiterio de Bonaval (Santiago) nun dos últimos días do Festival C para ver Extravíos, a peza que a compañía Vacaburra comparte coa Ukestra do Medio. E foi unha das ocasións nas que, como di Andrea Quintana -a metade de Vacaburra-, se viu que si hai xente que quere ir ver danza. Aínda que, programándose tan pouco, non é moi fácil facelo. Nesta entrevista repasamos con Quintana a súa traxectoria.
Hai pouco fixestes Extravíos no Festival C. Como xurdiu a peza?
Os traballos que fixen ultimamente son de Vacaburra, a compañía que comparto con Gena Baamonde. Gena e Ukestra do Medio coñécense de hai tempo e xa falaran de facer unha colaboración. Saíu entón o programa Propulsa, de danza e patrimonio en espazos singulares. E esta peza foi pensada así, como unha creación para espazos non convencionais. Xurdiu así e este verán levámola ao festival C.
Había moito público e moi heteroxéneo no cemiterio de Bonaval, no Festival C. É unha peza divertida…
Si, e estamos moi contentas de que houbese tanto público e tan variado. A idea era facer un extravío, un percorrido desviado. Escoitamos as cancións da Ukestra e escollemos as que tiñan máis que ver coa viaxe. Fomos traballando coas músicas e probando. Traballando desde un lugar divertido, relaxado, desde a idea de paseo, de camiño: por iso empezamos e acabamos camiñando. Queriamos facer un tránsito, fronte á idea da danza frontal, escénica… Por iso entramos por un sitio e saímos polo outro. Xogamos cos elementos que haxa en cada espazo.
Falamos do divertido. É un elemento que sempre está nas pezas de Vacaburra…
Si, é unha ferramenta fundamental de traballo para nós. É clave para falar das cousas, para poder chegar de xeito máis directo á xente e porque é fundamental rir de nós mesmas e con nós mesmas. Ou iso ou acabar mal do fígado…
En Festina Lente, coprodución co CCG que presentastes na feira das artes escénicas, tamén está o lúdico. O mambo…
“Decidimos traballar desde aí: o ritmo desenfreado, a ausencia de tempo para mirarnos aos ollos ou para escoitarnos”
Festina Lente afonda na reflexión que presenta ao final O raro é que bailar sexa raro. Queriamos poñer o foco na forma de vida extenuante que levamos. A investigación inicial partiu da idea de parada, de encontro. Pero o que acontecía precisamente foi que non podiamos parar, polo ritmo de vida que todo o mundo se ve obrigado a levar. Decidimos entón traballar desde aí: o ritmo desenfreado, a ausencia de tempo para mirarnos aos ollos ou para escoitarnos.
Partindo dunha pregunta: como paramos? Por iso a peza consiste en 50 minutos de baile non-stop. Hai un microsegundo de parada. É todo mambo, cun ritmo imparable. A música fixémola con Menina Arroutada e Les Silva fixo a posprodución sonora. Primeiro está o mambo, logo uns sós de batería e logo outra vez o mambo. Cara o final vese como o corpo se vai deformando co cansazo, como acaba no descontrol absoluto. É a violencia do capital sobre o corpo, a obriga de ter sempre a máquina funcionando a tope. A sensación de non poder máis. Nesta peza estamos en escena a bailarina Clara Ferrao e mais eu, coa que foi e é un gustazo crear e compartir mambo.
O raro é que bailar sexa raro falaba do dereito a dicir que estás cansa. E a parar. Tamén está a idea dos corpos non normativos que bailan.
“Quería reivindicar que todos os corpos poden bailar, que precisamos corpos diversos enriba do escenario”
A peza ía chamarse Bailar cansa. Porque ten que ver co cansazo colectivo. E, si, co dereito a mostrarse vulnerable e coa falta de tempo para falar de verdade, sentir de verdade. Pero o cansazo é máis o subtexto, porque o eixo é a bailarina antinormativa que son eu. Ao principio a idea era facer unha louvanza da danza. Xurdiu, ademais, durante a pandemia, nun momento en que eu sentía necesidade de facer unha revisión da miña propia traxectoria, de reflexionar sobre o que é bailar, que para min é un xeito de pensar e de falar co corpo. Ademais, quería reivindicar que todos os corpos poden bailar, que precisamos corpos diversos enriba do escenario. Partín da miña propia experiencia como bailarina lesbiana, antinormativa, con pelos nas pernas e regordecha.
A presión para adaptarse ao canon debe ser maior na danza clásica…
Sempre hai un canon imposto pola sociedade patriarcal porque, en que pensas cando pensas nunha bailarina?
Nunha persoa grácil e case etérea.
Claro. Por iso nós dicimos que non queremos ser Giselle. Que baila non unha pantasma voadora, senón un corpo vivido, con experiencias de violencias normativas. Eu quería, ao respecto, falar desde a miña propia experiencia, pero sen facer unha autobiografía. Quería unha coreobiografía pirata na que moitos outros corpos atravesasen o meu. Nós facemos unha danza política, posicionada sobre a diversidade sexual, cuestionadora da identidade.
Que é para ti unha danza política?
“O corpo sempre foi un lugar de control político, mais tamén pode ser un espazo de rebelión, de subversión”
O corpo é político e danzar é algo político. O corpo sempre foi un lugar de control político, mais tamén pode ser un espazo de rebelión, de subversión. A danza é unha ferramenta moi poderosa que rompe coa hexemonía da palabra, coa linealidade narrativa á que estamos afeitas.
Metodoloxías carroñeiras para corpos invertidos, a peza-relatorio que presentastes no Festival Plataforma, ten que ver con iso tamén.
Metodoloxías é, en realidade, unha presentación da tese doutoral de Gena, Sexualidades de-xeneradas na práctica escénica contemporánea. O traballo académico moitas veces non sae do contexto académico e nós quixemos sacalo de aí. Este é, en realidade, un proxecto de Gena no que eu a acompaño. A primeira parte é o marco teórico da tese e a segunda son as xenealoxías dislocadas. Na primeira parte están Foucault, Paul Preciado, Judith Butler, etc. Despois están as prácticas dexeneradas, é dicir, exemplos de práctica escénica non heteronormativa. Por iso as xenealoxías dislocadas, é dicir, unha historia alternativa á Historia hexemónica. Para facer iso fixemos un traballo de tirar de fío a partir do que nos gusta. Por iso está a película Me siento extraña, Mikky Blanco recitando a Zoe Leonard dicindo que quere unha lesbiana como presidenta, a compañía Takarazuka Revue.. Os nosos referentes como bailarinas.
Na túa traxectoria fixeches bastantes colaboracións con outras bailarinas e bailaríns. Tres, de Pisando Ovos, por exemplo, ten certa conexión temática co que facedes agora. Xa estaba o corpo desde unha perspectiva feminista.
A medida que fun crecendo na miña traxectoria foise conformando una ollada feminista cada vez mas clara, tanto no meu traballo creativo como colaborando como intérprete para outras compañías. Gústame traballar como intérprete en compañías nos queda espazo para a creación, e tamén en colaboración con outras creadoras, facendo co-direccións ou coreografiando xuntas, a verdade. Tres foi unha confluencia moi linda con Janet Novás e con Rut Balbís. Con Janet Novás xa colaborara antes: traballamos xuntas con Daniel Abreu, con Voadora e con Arrieritos. E xa estando as súas estudando con Carmen Senra fixeramos Come corazón, que tivo moito percorrido. Despóis de vinte anos de traxectoria teño a sorte de ter colaborado en moitos proxectos e moi diversos como pode ser o caso aquí en Galicia como intérprete da peza Neorretranca e Posmorriña, do CDG, onde interpretaba a Aurelio Aguirre ou en O soño dunha noite de verán de Voadora, donde interpretaba a Lisandro…
Con LaMacana fixen Together para o Corpo(a)Terra… Con Nuria Sotelo (Licenciada Sotelo) traballei máis coa dramaturxia e como acompañante de movemento, igual que con Ánxela Blanco. Máis atrás eu empezara con Daniel Abreu, con Carmen Werner, Patricia Ruz, Igor Calonge ou con Arrieritos, cos que fixen Trece Rosas sendo unha adolescente… Con Alberto Cortés fixen Hollywood, unha peza que cuestiona a idea do triunfo e do fracaso… E máis cousas.
Tes traballado bastante en mediación cultural. Por que che interesa?
Interésame o traballo que pode facerse máis alá da práctica escénica. As bailarinas temos unhas capacidades que podemos levar fóra do escenario. O primeiro proxecto de mediación que fixen foi La Buena Aventura, en Málaga. Eu estaba en Málaga estudando ilustración. Antes estudara en Donosti e na Academia de Belas Artes de Bruxelas. Estando en Málaga pensei, que podo achegar eu? Entón en colaboración co conservatorio propuxen obradoiros de danza, nos que abríamos o espazo a colectivos que non viñan da danza, senón das Belas Artes: do debuxo, da fotografía, do vídeo, etc, para que viñesen ver como traballabamos nas aulas de danza como espazos de aprendizaxe e experimentación. Aí xurdiron confluencias moi positivas.
“Interésame o traballo que pode facerse máis alá da práctica escénica. As bailarinas temos unhas capacidades que podemos levar fóra do escenario”
No TRC Danza, dentro da programación expandida traballamos en ver que podían propoñer os artistas para a cidade, máis alá da representación no teatro. É moi importante, como dicía antes, compartir o traballo de xeito práctico, e dende outros lugares, buscando confluencias e relacións. É sobre todo un traballo de escoita do público e do artista. Ver que actividades se poden propoñer. Despois estiven tamén no colectivo RPM e nas Residencias Paraíso, a primeira e o xerme do colectivo foi Campo Magnético, unha peza que dirixíu Félix Fernández xunto a un grupo grande de artistas da Coruña. A partir de aí xurdiu o colectivo RPM,cos que estiven colaborando os catro primeiros anos e xerando dinámicas desde o corpo para a cidade. Por exemplo, o proxecto Ghastas Pista, que foi un concurso de baile no Campo da Leña. E a partir de aí xurdiron as Residencias Paraíso, que son residencias de creación organizadas en espazos que puidesen ter sensibilidade para as artes vivas.
Tamén fixeches varios sós de danza.
Si. Garabato, que estreei no festival Empape, gañara o premio Injuve 2012. O raro é que bailar sexa raro foi o último. É unha peza que, como dicía antes, fixen moi desde dentro, revisando a bailarina que eu era. O resto dos sós que fixen foron por encargo. Ana Vallés propuxérame facer algo para o festival En Pé de Pedra, e fixen Polo camiño de Belvís. No Teatro Ensalle fixera A man para o festival 6cordas. No Festival Costa Contemporánea, en Cabo de Gata, Almería, fixen Ángel Cojo. E no festival El Quirófano, tamén en Andalucía, fixen Nada.
O raro é que bailar sexa raro, Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, Extravíos e Festina Lente xa os fixeches con Gena Baamonde. Por que xurdiu Vacaburra? Igual formar compañías é menos habitual na danza que no teatro.
“Foi unha evolución bastante orgánica desde o traballo que fixera soa. A compañía con Gena é froito da unión de forzas”
Foi unha evolución bastante orgánica desde o traballo que fixera soa. A compañía con Gena é froito da unión de forzas. E foi fácil porque ética e esteticamente entendémonos ben. En realidade si hai máis colectivos de danza: Pálido Domingo, Elahood, LaMacana, Colectivo Glovo, etc. Pero si que é máis difícil ter unha compañía de danza que de teatro porque a danza prográmase menos.
Foi saíndo xa o tema da túa formación. Estudaches na Coruña, en Madrid, en Bruxelas…
Fixen danza clásica no conservatorio da Coruña. Había unhas bolsas para facer cursos no verán. Un ano decidinme por probar danza contemporánea e foi brutal. Cheguei á Coruña de volta sabendo que quería facer iso. Aos 17 anos xa lles dixen aos meus pais que quería dedicarme á danza. Fun estudar á escola de danza de Carmen Senra, en Madrid, onde tiven a sorte de confluír cun grupo de mulleres moi creativas. Aí xurdiu xa a primeira compañía na que estiven, Malas Herbas, e fixen Come Corazón con Janet Novás. Foi tamén a época na que traballei con Carmen Werner, Daniel Abreu e Cía. Arrieritos. Despois estudei en Donosti, Bruxelas… Cando eu estudei non había ciclo superior de danza, que o estou facendo agora en Madrid.
Dicías que a danza prográmase pouco. TRC Danza, no Teatro Rosalía, é de feito un dos poucos programas estables que hai. Xunto con algúns festivais de verán… Que habería que facer para estruturar un pouco a danza en Galicia?
Penso que a ausencia de políticas culturais é un problema de raíz, tanto a nivel galego como do estado español. Non se pode obviar que hai avances institucionais, pero son froito da iniciativa, o esforzo e a precariedade das bailarinas. Non hai unha política de apoio de base. A situación é, en xeral, tan dura que mesmo ás veces parece que nos conformamos con case nada… Hai pouco dende a PAM, a plataforma das artes do movemento, fixemos diversas reunións coa institución e con diversos colectivos e perfís dentro da profesión para facer un plan integral de danza que agardamos que axude na construcción desas políticas culturáis. Penso que somos unha profesión bastante unida, pero o que acontece é que conseguir cousas custa o dobre cando non hai case nada.
“Un ano decidinme por probar danza contemporánea e foi brutal. Cheguei á Coruña de volta sabendo que quería facer iso”
Agora hai coproducións co CCG pero xa non hai producións como había antes. E despois hai un problema que é a desatención da distribución. Estamos a producir pezas que despois non teñen traxectoria. Entón, hai que crear todos os anos? Porque se cadra era mellor producir menos e mover máis o que facemos, que público si que hai. Eu traballo máis fóra de Galicia que en Galicia, e non me queixo do que traballo en Galicia, pero era mellor poder mover máis por aquí pezas coma O raro. Porque é o lugar do que sae o traballo, polo que o lóxico sería poder compartilo máis.
Quizais cabe sospeitar que esa falta de apoio e continuidade ten que ver con que a danza, unha disciplina que parte do corpo e da linguaxe do corpo, que é un estar no mundo fora da normatividade e ademais foi e é na súa maior unha arte realizada por mulleres.
E o mesmo pasa coas residencias, que son fundamentais para que poidamos producir, pero conviría poder despois distribuír mellor as pezas. Porque se non vémonos obrigadas ao que falabamos ao principio: a un ritmo frenético de produción que non che deixa tempo para pensar sobre o que queres falar, sobre o que te move, sobre o que podes ter que dicir. Ademais é todo como un paso adiante e tres atrás: a sala Galán acabou pechando, o Corpo(a)Terra tivo que mudar de lugar… Nós facemos, ademais, activismo desde a práctica artística. Facemos, como falabamos ao principio, unha danza política que cuestiona a realidade… Teriamos que ter máis oportunidades para chegar ao público que, insisto, existe, como se viu no cemiterio de Bonaval na nosa peza Extravíos.