Hai unha serie de fíos que unen os distintos espectáculos de Matarile. Temáticas, enfoques dramatúrxicos, xeitos de traballar cos intérpretes ou imaxes que se amosan facilmente como nexos. Inloca, que puido verse este verán no Teatro Principal de Santiago, podería considerarse un punto de chegada de reflexións antes apuntadas, entre elas Europa e a mirada que, como europeos e europeas, temos do mundo. En relación co noso pasado e con como o construímos. E co continuo cambio. Falamos con Ana Vallés.
Tedes funcións próximas de Inloca?
Temos unha en outubro no Teatro Jovellanos, en Xixón, e estamos vendo se sae algo máis. É un espectáculo difícil de mover porque é de grande formato. Coa maquinaria e con todo a verdade é que é complexo.
Nese sentido, foi unha volta a un grande formato que nos últimos anos non fixerades.
Claro, aproveitamos o marco do CDN e do teatro María Guerrero para facer algo que non podiamos facer noutro tipo de producións. Utilizamos os recursos que pode ofrecer un teatro á italiana como o María Guerrero, que ademais encaixa moi ben coa temática da vella Europa. Este tipo de teatros son unha caixa de ferramentas enorme.
O reparto é grande, como diciamos. Hai intérpretes habituais e outros novos…
Si. Antón Coucheiro, por exemplo, estivera con nós en Illa Reunión e tamén fixo algunha substitución, pero había tempo que non traballamos xuntos. En Inloca hai habituais de Matarile, coma Celeste González, Ricardo Santana, Ana Cotoré ou Nuria Sotelo. Logo Fredi, Alfredo Pérez, veu dunha audición que fixemos no CDN no 2020. Fixemos contactos moi interesantes e acabamos contratándoo a el, o único galego que se presentou. Claudia Faci xa estaba en El Diablo en la Playa e con Alfredo Rodríguez si que non traballaramos antes.
Son intérpretes moi diferentes.
É unha paleta moi variada. Un grupo brutal humana e profesionalmente. Foi un espectáculo moi difícil, moi exixente. E o nivel de xenerosidade co que se implicaron foi un agasallo. Foi difícil porque era a época da covid, houbo cancelacións, houbo que parar ensaios, houbo folga de técnicos… Pasou de todo. Os intérpretes fixeron un enorme esforzo. Estou encantada. E están todos fenomenal. É algo que me comentan: o ben que funcionan como equipo e individualmente.
“Os intérpretes fixeron un enorme esforzo. Estou encantada. E están todos fenomenal”
Que significa Inloca?
É un xogo de palabras. Todo xorde da expresión latina In loco, nun lugar, como in situ. A min gustábame xogar coa forma feminina, Inloca, que sería aos lugares, e eu propoño unha versión que sería lugares a onde, no sentido de lugares soñados. Así serve como metáfora da Europa que queremos, relacionada coa utopía da fuxida. Esa necesidade dos europeos de fuxir, de buscar estímulos fóra, que é tan común na arte. Buscar fóra a forza vital. Rexeitar Europa para buscar o estímulo e despois volver a Europa.
A expresión fai tamén referencia á loucura, no sentido de estar ao borde a, que é onde está a arte, a creación: sempre ao lado do caos, do descoñecido. Inloca é a segunda parte dunha triloxía que comezou con El Diablo, na que falamos do caos como motor de impulso. Deleuze di que a filosofía protéxenos do caos pero a arte abre unha fenda nese paraugas protector, deixa pasar o caos para que entre a luz. Queremos ter todo ordenado pero tamén precisamos o estímulo, o misterio, o que está fóra da lóxica.
El diablo en la playa achegábase á necesidade de atoparmos un camiño para integrar o azar, o irracional, o raro, nas nosas vidas. Tamén en Daimon y la jodida lógica estaba o que escapa da lóxica. A reflexión sobre Europa está presente desde bastante atrás -Daimon, Antes de la metralla, Staying alive…-. E quizais este espectáculo completa o dito ao respecto nos anteriores…
“Habería que formularse unha apertura para ver a Europa desde a distancia, desde fóra do eurocentrismo”
Europa para min é fundamentalmente unha pregunta: onde estamos situados. Desde onde falamos, desde que lugar ollamos o mundo. Europa é o lugar que condiciona a nosa mirada do mundo e a nosa forma de vivir. Por iso o texto de Cărtărescu. A Europa que nos moldeou á súa imaxe e semellanza. Temos un pasado de pensamento, de arte, que condiciona moito a nosa forma de mirar e pensar o mundo. Somos europeos e a nosa mirada é europea.
Habería, por iso, que formularse unha apertura para ver a Europa desde lonxe, desde a distancia, que é outro dos temas que me interesan. Neste caso desde fóra do eurocentrismo. É un tema inesgotable porque, por moito que a nosa historia estea marcada pola utopía da fuxida, por moito que reneguemos de Europa ao fuxir dela, somos europeos e cando vamos a outros lugares somos absolutamente europeos.
Sempre levamos a nosa mochila europea. E hai que asumilo. Cărtărescu di tamén que Europa, como entidade global que nos une, está sempre dividida. El realiza un alegato por romper as fronteiras. Pois, sexas de onde sexas, tes un mesmo cerebro cargado do mesmo. Non lemos a autores ou autoras concretos, senón unha biblioteca de libros que veñen xuntos, e iso inflúe na nosa forma de ver o mundo e é unha riqueza: a literatura, a filosofía, a iconografía, a arte…, que crean imaxes comúns de Europa.
A fraxilidade é un tema moi presente no texto. Por que?
“Asumir a fraxilidade é o que nos fai humanos. Pois a partir de aí é cando podo entenderme con un outro, e non desde conceptos pechados”
Porque todo é absolutamente fráxil e a consciencia da fraxilidade fainos aos humanos máis fortes. Estamos cargados de conceptos inamovibles que son como piares, xuízos, prexuízos. Ideas que nos permiten loitar contra o caos. Pero estes conceptos tamén son inestables porque o pensamehto cambia, a ciencia cuestiona os conceptos que dabamos por supostos. Asumir a fraxilidade é fundamental.
Porque todo está en continuo cambio. E asumir a fraxilidade é o que nos fai humanos. Pois a partir de aí é cando podo entenderme con un outro, e non desde conceptos pechados. Cando nos aferramos a uns conceptos estamos marcando límites, limitándonos a nós mesmos. A identidade é tamén límite, e cando é pechada pode facer que esteamos demasiado mercados por un límite. Europa está cargada de ideas, conceptos, prexuízos, etc, que nos fan pecharnos.
O propio teatro é outro dos temas que tratas moito, como en Staying alive e Teatro Invisible. Nesta obra fálase de deixar o teatro para reivindicar o teatro.
Falo de teatro pero enténdase que falo en realidade da arte en xeral. Porque hai que poñer en cuestión o que estamos facendo. Non sabemos ben o que facemos e o que vamos facer. Nun dos textos Claudia di que non sabe que é o teatro, que está aprendendo. Non sabemos o que é o teatro igual que non sabemos o que é a vida. Ninguén sabe nada. A cada paso metes a pata. Hai que asumir que non sabemos nada, pola fraxilidade das cousas, polo continuo cambio do que falabamos antes. E iso é un xeito de reivindicar o presente, o aquí e agora compartidos que significa o teatro, que sucede cada vez que se fai.
Tamén se fala, en relación co teatro, non de transmitir senón de crear sentimentos reais.
“Non se trata de mostrar un sentimento meu, senón de provocalo”
Porque para min é o único que ten sentido á hora de compartir, de relacionarme coa xente. Non se trata de mostrar un sentimento meu, senón de provocalo. Eu dígolles aos intérpretes: a min non me interesa que ti esteas emocionado, senón que a persoa á que te dirixes poida emocionarse. Trátase de tocar o espectador, como diciamos en El Diablo. Tocar sen estender a man. Tocar a ser tocado. Podo tocarte polo que digo, polo movemento… Pero, como consigo tocarte? Ultimamente estou obsesionada co tacto e coa distancia.
Iso ten que ver coa comunicación co público e coa posición do espectador e do artista, temas que estaban por exemplo en Métase nos seus asuntos e El cuello de la jirafa. Hai, en relación, con iso, un elemento escenográfico moi presente no voso traballo, que é a mesa. Que papel xoga en Inloca?
Para min Inloca é unha paisaxe. Hai unha mesa alongada ao fondo, que está lonxe, en segundo plano, que me encanta. A mesa é sempre un escenario dentro do escenario. Pasamos a metade da vida sentados nunha mesa: na mesa comemos, traballamos, compartimos tempo cos amigos. É o lugar de reunión por antonomasia. E si está moi presente nos nosos espectáculos. Xa vén de Historia natural.
Xa saíu a idea do pasado e do presente, tamén importantes en Inloca. En Antes de la metralla falábase dunha Europa ancorada no pasado.
Deleuze fala disto, da nosa relación co pasado e co presente. Estamos sempre cargados co pasado e proxectándonos cara o futuro. E quizais a pandemia nos axudou a pensar máis no presente. É moi curiosa a relación que temos co tempo. Construímonos a través do noso pasado, do que fomos. Por iso o texto di que en vez de dicir eu son deberiamos dicir eu fun. Porque o eu son está baseado no que fomos, esquecéndonos do que somos agora. E tamén é algo moi europeo, claro. Ese vivir cargados dunha herdanza, do noso currículo. Mais cando un sae do seu lugar non é recoñecido polo que foi. Aí si que temos que relacionarnos co mundo a través do presente.
O texto fala tamén de crear desexo. Celeste falaba en El Diablo de comer e ser comida. De baleirarse, expoñerse no escenario, nun querer total, sen un obxectivo máis alá.
“A realidade está formada tamén polo que desexamos”
O desexo implica precisamente un querer ir máis alá. O desexo de crear, o desexo de coñecer, de atopar formas novas de facer, do misterio, do descoñecido, do que está máis alá da torpe realidade. O que nos move a descubrir cousas, a desfrutalas, a soñar, é o desexo creador. É o anxo caído pola súa ousadía, desterrado polo seu desexo de crear coma Deus, coma en Daimon. E iso é a base da arte, da ciencia, do pensamento… A realidade está formada tamén polo que desexamos. Na nosa cultura valórase moito o concreto: “isto é así”. Pero sabemos que non, que hai distintas versións da realidade e que podemos soñar, crear, intuír outro mundo.
En relación tamén con iso, toda experiencia é desexo inalcanzable, di o dossier deste espectáculo. Por que?
Cremos que a experiencia nos serve para desenvolver o coñecemento e que o coñecemento é inmutable. E non é así a nivel vital, nin científico, nin de pensamento nin de nada. A experiencia forma parte do noso presente pero é irrepetible. Non nos serve para acumular coñecemento desa forma que pensamos. A mesma memoria é unha ficción: rememoramos o pasado modificándoo. Steiner dicía que todas as lecturas son malas lecturas porque non hai unha lectura única. Volves ao mesmo libro noutro momento e xa non vas lelo igual porque ti cambiaches e o contexto cambiou. Todo está en continuo cambio, como diciamos antes. E iso pon en dúbida a idea de que as cousas son así, de que obedecen a unhas causas e teñen unhas consecuencias. È máis complexo. A memoria é recordo do recordo. Recordar é volver pasar polo corazón, polo sentimento.
“Todo está en continuo cambio, como diciamos antes. E iso pon en dúbida a idea de que as cousas son así, de que obedecen a unhas causas e teñen unhas consecuencias”
Falabamos antes da mesa, na que se produce unha imaxe dunha muller camiñando en botas de tacón. A creación de imaxes coma esta é moi importante nos vosos espectáculos. E aí hai conexións, aínda que ti vaias cambiando. Como hai nexos nas temáticas.
O cambio non quere dicir que deixes de ser o que fuches, pero tampouco es algo completamente diferente. É como unha evolución. Nesta triloxía, ademais, si quero que haxa imaxes que funcionen como conceptos que saltan dunha parte a outra. A escena que dis, do corpo que camiña coas botas sobre a mesa, xa estaba en El Diablo. Tamén nunha mesa alongada e coa mesma música. A última imaxe de El Diablo, que son elas dúas cos pés no mar, é a primeira de Inloca. A terceira parte estrearémola o ano próximo. Estamos en preprodución, buscando o elenco. Antes vaise estrear outro espectáculo que vai dirixir Baltasar Patiño.
Algo máis que queiras subliñar?
Pois a importancia da luz, do empaque visual que achega Baltasar Patiño, esta vez coa axuda de Miguel Muñoz. Cando comezamos co proxecto para o CDN eu quería facer un díptico, unha peza en dúas partes. A primeira máis íntima, máis próxima, e unha segunda con máis elenco, máis paisaxe, máis explosión visual. Ao final será un tríptico, no que Inloca é esa parte máis de explosión visual, de derroche de luz, de importancia da imaxe, do espazo… Un espectáculo máis coral, fronte a El Diablo, que eran elas dúas, na proximidade.