Compostela acolle unha gala de boicot á celebración de Eurovisión en Israel

Cartel do evento ©

Pallasos en Rebeldía e BDS Galiza organizan o vindeiro mércores 3 de abril no Teatro Principal de Santiago unha gala de boicot á celebración de Eurovisión en Israel. Con entrada de balde, actuarán artistas e bandas galegas como Mónica de Nut, Jásper Nao, Zeltia Irevire & Neves Seara, o Mago Teo, Alba María e Queco Díaz, Somdolilá, Jano Costas, Culturactiva Producións e Check Point Clown.

“Participar activa ou pasivamente na organización de Eurovisión 2019 en Tel Aviv é pechar os ollos ao horror da ocupación, da limpeza étnica e do xenocidio que sofre o pobo da Palestina"

O evento, que conta coa colaboración da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Concello de Santiago, Jenin e Galiza por Palestina, foi presentado por Elvira Souto, membro do movemento social BDS Galiza, e Fran Rei, membro e fundador da asociación cultural e de cooperación internacional Pallasos en Rebeldía. Ambos os dous destacaron que “os países participantes no certame están confirmando implicitamente a súa disposición, en interese do espectáculo, a encubrir a ocupación de Palestina e a continua negación dos dereitos do seu pobo”

Os organizadores sinalan que Israel, como anfitrión da Eurovisión 2019, pretende “lavar a cara” a este apartheid "utilizando descaradamente o festival europeo como parte da campaña oficial Brand Israel, deseñada para mostrar ao mundo unha cara amable e desviar a atención da comunidade internacional dos seus crimes contra a humanidade". “Participar activa ou pasivamente na organización de Eurovisión 2019 en Tel Aviv é pechar os ollos ao horror da ocupación, da limpeza étnica e do xenocidio que sofre o pobo da Palestina a mans do poderoso estado nuclear de Israel”, dixo Elvira Souto.

Na gala tamén se proxectará un extracto da curtametraxe documental Gaza, dirixida por Carles Bover e Julio Pérez, peza gañadora do Goya á mellor Curto Documental en 2019. O documental conta como, trala última agresión israelí sobre a Franxa de Gaza, unha vez cesan os bombardeos, a realidade do conflito desaparece dos medios de comunicación.

Na gala tamén se proxectará un extracto da curtametraxe documental Gaza, gañadora do Goya

Ademais, ese mesmo mércores instalarase a partir das 17 horas un check point na Praza do Toural para distribuír información sobre a situación de Palestina. O día anterior, o martes 2, haberá igualmente unha palestra na Facultade de Xeografía e Historia da USC, coa participación de representantes de Jenin, BDS-Galiza e Pallasos en Rebeldía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.