Curtopia: O audiovisual como arma social

Cartaz do evento Dominio Público Curtopia

Este sábado e domingo celébrase no alg-a lab de Valadares (Vigo) o Festival de Curtametraxes Curtopía, organizado pola Asociación Cultural Abarlovento e centrado na curtametraxe social.

Curtopía busca achegar unha mirada ao social e ao experimental da creación audiovisual mais comprometida: Perspectivas das loitas e debates sociais que abranguen os procesos de transformación urbana (As primaveiras do Barrio do Cura, Xavi Xardón), o intento de control do noso corpo, os desfiuzamentos e a PAH; ou os debates sobre a nova toma de conciencia da cidadanía..., tanto de Galicia como doutras realidades. Tamén inclúe miradas experimentais sobre a emigración, a través da busca de novas e vellas xeracións emigradas en Berlín (Videocarta GZ-Berlín), e sobre os traballos en torno ao peoma Nimbos de Diaz Castro (Proxecto Nimbos)

Ademais, permitirá ver unha retropectiva documental ao redor do Val Miñor co cineasta Antonio Caeiro e o proxecto Super 8 Valadares de recuperación da memoria da parroquia. Por último, na sobremesa do domingo repasará algunhas das máis recentes webseries: Interfecto e PIB.

Ademáis das mostras, o Festival se complementa cos concertos de David Regueiro Quartet, Phamtom Dragsters e Alg-a DJs; e dúas obradoiros audiovisuais. Así mesmo a Radio Piratona, 99.7 FM, emitirá unha programación especial sobre o festival, con novas e entrevistas aos autores convidados.

Entre os contidos máis destacados están a sesión que este sábado se dedicará ás Perspectivas das loitas sociais, con voces de Barcelona, Sevilla e Porto, e visións da "fraternidade ante os desfiuzamentos da PAH, accións performativas e jooondas ante institucións en quebra como a banca ou o parlamento andaluz, e por fin reflexións sobre xeitos de vida en común como cidadanía". O domingo haberá un apartado especial para os procesos de xentrificación nas cidades, con especial atención ao caso vigués, pero tamén a outros, coma o de São Paulo. Ficção Imobiliária achegan os conflitos sociais e urbanos propios da lóxica capitalista e de como esta entende a cidade, recompila material formado por películas de ficción onde as problemáticas asociadas á cuestión da vivenda aparecen na trama principal ou cruzada con esta. Pola súa banda, Luz amosan a realidade do barrio histórico da Luz de São Paulo, onde máis do 30% do seu rueiro está baixo a ameaza de demolición debido a novos plans urbanísticos.

Programación do festival Dominio Público Curtopia
Cartaz do evento Dominio Público Curtopia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.