A propiedade do Mosteiro de Oia prevé, por fin, comezar as obras en setembro, cun prazo de execución de ano e medio. Pasaron 21 anos desde a compra ao Banco Pastor
As pedras do Mosteiro de Oia viviron bos e malos tempos desde a súa construción no século XII. Aloxou beneditinos, xesuítas, presos republicanos da Guerra Civil e distintas familias adiñeiradas de Madrid, Asturias e Galicia foron propietarias con varias transaccións ao longo da historia en reais, pesetas e euros.
Desde que o grupo vigués Vasco Gallega se fixera coa propiedade en 2004 o mosteiro foise abrindo aos poucos ao público, con visitas guiadas e pequenos eventos culturais, mentres avanzaba lentamente a tramitación para convertelo nun hotel con spa. A propiedade prevé, por fin, comezar as obras en setembro, cun prazo de execución de ano e medio.
“Levamos 20 anos e o mosteiro non fai máis que gastar, cinco millóns xa investidos. Polo de agora non é un negocio moi rendible”. Sarah Barbará, responsable cultural do Mosteiro de Oia, detalla as dificultades que os propietarios do cenobio de Oia, a empresa Kaleido –antiga Vasco Gallega-, experimentan para facer posible o seu proxecto de restauración, rehabilitación e ampliación do Mosteiro de Oia. Mais agora, co recente visto e prace de Costas do Estado, encaran a recta final para obter a licenza municipal, e poder comezar as obras no mes de setembro.

O proxecto prevé un investimento de 30 millóns de euros nunha grande intervención paisaxística para que a actual ruína consolidade se converta nun hotel de cinco estrelas con spa. Albergará un museo, arquivo, e continuarán as actividades culturais
O proxecto prevé un investimento de 30 millóns de euros nunha grande intervención paisaxística para que a actual ruína consolidade se converta nun hotel de cinco estrelas con spa. Albergará un museo, arquivo, e continuarán as actividades culturais, segundo explican, co obxectivo de facer compatible o negocio hostaleiro coa apertura do lugar ao público, aínda que todo isto deberá ser consensuado coa empresa que explote o hotel.
Vasco Gallega, a compañía fundada por Juan Martínez, comprou a propiedade ao Banco Pastor en 2004, por 2,4 millóns de euros en estado ruinoso e con grandes expectativas. E 21 anos despois, a empresa mudou de nome e pasou a mans dos fillos, con Xoán Martínez á cabeza; creou unha fundación chamada Bretal, e mesmo unha editorial, Serra da Groba, co mosteiro e a súa contorna como protagonistas.
Nestes anos, mentres avanzaban, amodo, os trámites urbanísticos, fixéronse traballos de mantemento, con cubertas provisionais para evitar a entrada de auga e máis danos no edificio, e catas arqueolóxicas e diversas investigacións nas que se descubriron inscricións medievais ou canalizacións que se están a estudar. No claustro, por exemplo, acharon tumbas de nobres que pagaban para “garantir” a súa ascensión ao ceo. En total foron 49 catas en catro campañas nestas dúas décadas. E cinco millóns de investimento.

Unha vez conclúan os traballos de restauración, os grafitos cos debuxos dos presos republicanos pasarán ao museo previsto
Tan preto estivo do ceo para os nobres como do inferno para os presos da Guerra Civil, xa a finais dos anos 30 do século XX. Foron máis de 4.000 reclusos os que pasaron polo Mosteiro de Oia reconvertido en “Campo de Concentración do bando sublevado” entre 1937 e 1939. Deles quedaron para sempre mensaxes, despedidas, reflexións e debuxos nunha serie de gravados a lapis nas paredes do Mosteiro coñecidos como os “Guernicas de Oia”. Os grafitos dos presos conforman unha sobrecolledora exposición situada no refectorio abovedado, que forma parte das visitas guiadas que se veñen facendo ao cenobio. Unha vez conclúan os traballos de restauración, os grafitos pasarán ao museo previsto.
Como todos os mosteiros cirstercienses, segundo explican desde a Fundación Bretal, o de Oia ten pegado un río, neste caso o Lavandeira –e un muíño-, polo que requiriu do infome de Augas de Galicia. Ademais, o de Oia é o único mosteiro do Císter na Península á beira do Atlántico, un fito que fai indispensable o visto e prace de Costas do Estado, que chegou en febreiro, para que autorice a obra e o uso, que será residencial, “como leva sendo desde o século XII que comezou a construírse. É o único uso permitido”, detalla Sarah Barbará.

As debería comezar nos vindeiros meses para non perder a subvención dos Fondos Next Generation, que ascende a 4 millóns de euros
Co visto e prace das diferentes administracións implicadas por fin poden solicitar a licenza municipal. “Agora parece que estamos na recta final. Aínda que nunca damos nada por feito. Xa temos experiencia. É certo que estamos nun momento ao que nunca chegaramos, polo tanto todo parece encamiñado”, asegura Barbará.
Prazos
A responsable cultural do museo explica que van solicitar a licenza e esperan obtela en cuestión de semanas, ao tempo que van traballando no proxecto de execución, que tamén ten que ter a aprobación de Patrimonio. “Deberiamos ter a licenza máximo en dous meses. Nós estimamos que é posible que de cara a finais de verán podamos comezar, seguramente en setembro. Esa é a nosa previsión e máis aló diso sería un problema polo tema da subvención que temos asociada dos Fondos Next Generation da Xunta de Galicia vía Europa”, detalla, que ascende a 4 millóns de euros.
A previsión de execución, segundo o proxecto dos estudio de arquitectura Rodríguez+Pintos de Pontevedra é un ano e medio, comezando pola restauración do mosteiro.
O proxecto implica tamén ampliación da superficie construída, posto que o interior do mosteiro limita o número de cuartos hoteleiros que se poden facer. “Cando ti vas facer un hotel nun monumento con tantas bóvedas, salas nobres e moitísima estrutura que non se pode tocar, o número de habitacións no edificio é moi pequeno. Logo hai outras necesidades que ten un hotel que non son posibles instalalas no mosteiro porque hai que respectar a súa estrutura”, detalla Sarah Barbará.
Esta ampliación permitirá duplicar o número de habitacións que ofrece o mosteiro, cun peche no chamado Patio dos Laranxos. Aí irán, por exemplo, as cociñas industriais que precisan os hoteis para atender a moita xente e máis habitacións. “O mosteiro dá para 35 habitacións. Non hai plan de negocios que sosteña un investimento tan forte con só 35 cuartos, non dan os números. Con esta ampliación conseguimos chegar a 74, que é o mínimo, con moitos anos pero conseguiríase recuperar o investimento tan forte”, indica Barbará. “A sostibilidade económica é fundamental para que o mosteiro poida manterse por si mesmo para sempre, para que non volva ocorrer o destes anos de abandono”, engade.
“É un traballo de orfebrería, como di Xoán Martínez, pero tamén son 20 anos traballando con moito coidado para que o acceso público e o negocio hoteleiro sexan compatibles", di a responsable cultural do Mosteiro
Entradas separadas para turistas e hóspedes
A falta de concretar o proxecto de execución os arquitectos traballan coa premisa de compaxinar o acceso público ás instalacións coa actividade ordinaria dun negocio. O hóspede do hotel terá unha entrada pola parte da ábsida da cabeceira da Igrexa. E logo, o visitante do museo accederá pola praza de armas, e poderá percorrer o claustro que será un espazo para visitar e tamén a antiga enfermaría dos Xesuítas, onde estará o restaurante e bar, conectado co edificio e tamén coa praza de armas, para que poidan acceder os visitantes. “É un traballo de orfebrería, como di Xoán Martínez, pero tamén son 20 anos traballando con moito coidado para que esas dúas actividades sexan compatibles, porque deben selo, non hai outra opción para nós. Cremos que as dúas actividades se retroalimentan entre si”, subliña a responsable cultural do Mosteiro de Oia.

Ao longo da súa historia o Mosteiro de Oia tivo distintos usos e pasou por diversos propietarios, que lle foron outorgando distintos prezos en reais, pesetas e euros.
Subastado por 200.000 reais
Coa Desamortización de Mendizábal, en 1835, o mosteiro foi subastado en lotes e comprado por Fernando Fernández Casariego, veciño de Madrid, segundo a información da Fundación Bretal, por 200.000 reais.
A operación saíulle a conta a este primeiro propietario, que o vendería en 1870 por cinco veces máis, un millón de reais.
En 1910 foi alugado aos Xesuítas expulsados de Portugal, que o habitarían ata 1932, cando tamén se expulsaron de España.
Logo chegaría a época do campo de concentración para presos republicanos entre 1937 e 1939.
En 1945 o mosteiro volve cambiar de mans e pasa á familia Bouso por 60.000 pesetas.
En 1969 o cineasta Mario Camus rodou no mosteiro escenas da película “Esa muller”, con Sara Montiel.
A propiedade volvería mudar en 1974 cando pasa a mans de José González García por 6,4 millóns de pesetas e quince anos despois mércao o grupo asturiano Corporación Masaveu por 261 millóns de pesetas.
No ano 2000 o Banco Pastor faríase coa propiedade do Mosteiro de Oia por 200.000 pesetas, mais, apenas catro anos despois mércallo Vasco Gallega por 2,4 millóns de euros e crea a sociedade Real Mosteiro de Oia.
Estado actual do Mosteiro de Oia
-
Fonte dos cabalos, de Maxín Picallo, no Mosteiro de Oia. -
Edificio anexo ao Mosteiro de Oia, probable hospedaría para peregrinos ou do corpo de garda. -
Mosteiro de Oia, exterior. -
Mosteiro de Oia, exterior. -
Mosteiro de Oia, exterior. -
Mosteiro de Oia. Picota. -
Mosteiro de Oia. Claustro -
Mosteiro de Oia. Interior -
Mosteiro de Oia. Traballos na igrexa. -
Mosteiro de Oia. Vista exterior