En agosto de 2014 nacía na Coruña o Autobán, un "minifestival de autoedición e cómic de autor". Nos dez anos seguintes a iniciativa medrou e consolidouse sen perder a súa esencia. No último ano converteuse en asociación cultural e creou o premio ao mellor fancine galego
En agosto de 2014 nacía na Coruña o Autobán, un "minifestival de autoedición e cómic de autor" que nesa primeira edición incluía un Combate de debuxantes, un Mercado de fanzines e BD de autor, un PechaKucha de autoedición e charlas e buscaba "recoller as propostas creativas fóra do circuíto comercial, difundíndoas nun espazo propio onde ensinar, promover e vender este tipo de proxectos".
Aquela iniciativa celebrou unha segunda edición e despois unha terceira e unha década máis tarde o Autobán celebra a vindeira semana o seu décimo aniversario, inserida xa como unha actividade paralela na programación do Viñetas desde o Atlántico, o Salón do Cómic da Coruña. Polo camiño o Autobán medrou e consolidouse sen perder a súa esencia, creou un festival de inverno (o Autobom) e o pasado ano constituíuse como asociación cultural e este mes de maio creou o Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, no que resultou gañador Luis Yang, con accésit para Gemma Pérez.
A edición 2024 do Autobán celebrarase o venres 16 e sábado 17, co xa habitual mercado de autoedición, o combate de debuxantes ou un evento de presentacións rápidas de fancines
A edición 2024 do Autobán celebrarase o venres 16 e sábado 17. O primeiro día, no Circo de Artesáns, comezará co acto de entrega do Premio Autobán as presentacións rápidas de 12 fancines en Autobombo e o xa tradicional Combate de Debuxantes. O sábado será a quenda do Mercado de Autoedición, na Praza de San Andrés. Ademais, haberá obradoiros, concertos, sesións djs e un festón final. Así mesmo, o luns 12 o Teatro Colón acollerá o Concerto Ilustrado, no que Xulia Vicente e Sekone debuxarán en directo coa música de Sangre de Muérdago. Falamos con Bernal Prieto sobre a traxectoria do Autobán e as actividades convocadas nesta edición do décimo aniversario.
Mirando cara atrás, cando puxestes en marcha o primeiro Autobán, hai dez anos, pensábades que unha década máis tarde ía ser un evento consolidado e que íades estar celebrando o décimo aniversario?
Cando creamos o Autobán, hai dez anos, dende logo non mirabamos a longo prazo. Puxémolo en marcha porque a autoedición e os fancines tiñan unhas necesidades específicas, ás que queríamos responder, e estaban poñéndose en marcha iniciativas semellantes no resto do Estado. O primeiro Autobán foi en realidade unha proba, a ver que saía. E saíu ben, quedamos contentos e continuamos nos anos seguintes, mesmo facendo unha edición de inverno, que lle chamamos Autobom. O Autobán foi medrando, incorporando actividades e tamén retirando outras e coido que agora, dende hai un tempo, temos xa un formato máis estable.
"Penso que o máis importante do Autobán é que hai un ano convertémonos en asociación, primeiro buscando unha certa profesionalización da actividade e tamén co obxectivo de que entrase xente nova e con novos pulos"
O Autobán foi medrando, pero mantendo a súa esencia. Cal é esa esencia? De todas as actividades que levades a cabo cal é para ti o núcleo imprescindible do Autobán?
Se a min me preguntas que é o que máis me gusta da programación do Autobán destes dez anos, diríache que o Brilé brutal, pero non todo o mundo está de acordo... (ri). Agora en serio, penso que o máis importante do Autobán é que hai un ano convertémonos en asociación, primeiro buscando unha certa profesionalización da actividade e tamén co obxectivo de que entrase xente nova e con novos pulos. A partir da creación da asociación vimos que había un tecido creativo na Coruña moi importante e que estaba un pouco orfo. Creo que o máis interesante é esa actividade asociativa: xente que queda para facer cousas xuntas, porque temos unha serie de actividades estables ao longo do ano, como o club de debuxo que está funcionando moi ben.
"O Autobombo é un formato que funciona moi ben e que é interesante porque xente que non consume habitualmente este tipo de produtos pode achegarse a eles e coñecelos en pouco tempo e de maneira amena"
E dentro da programación deste ano?
Dentro da programación do festival, penso que o máis importante é o mercado de autoedición do sábado, toda a actividade está enfocada a el. Refírome por exemplo, ao Autobombo, que consiste nunha serie de presentacións rápidas de fancines que a xente pode atopar ao día seguinte no mercado. O Autobombo é un formato que funciona moi ben e que é interesante porque xente que non consume habitualmente este tipo de produtos pode achegarse a eles e coñecelos en pouco tempo e de maneira amena. O combate de debuxantes do venres tamén e unha forma lúdica de dar a coñecer artistas novos que despois teñen moita proxección.
"As bibliotecas municipais da Coruña levan anos tentando crear un fondo de fancines propio e este concurso permite que se vaian depositando os fancines que participen, creando esta fancinoteca que despois poden consultar todas as persoas que queiran"
Este ano puxestes en marcha o Premio Autobán ao Mellor Fancine Galego. Con que obxectivo creastes o galardón? Como valorades a calidade dos traballos que participaron?
Hai moita creatividade, moitos creadores e creadoras moi interesantes e e obxectivo do galardón é destacar cada ano esa creatividade, recoñecendo a unha persoa que se autoedita. Ademais, as bibliotecas municipais da Coruña levan anos tentando crear un fondo de fancines propio, en concreto a Biblioteca de Estudos Locais, e este concurso permite que se vaian depositando os fancines que participen, creando esta fancinoteca que despois poden consultar todas as persoas que queiran. Ademais, conseguimos que no marco do Viñetas se poidan expor conxuntamente todos os fancines do ano.
A calidade dos fancines presentados nesta primeira edición foi moi alta. Un fancine pode ser algo producido moi rapidamente e fotocopiado, pero tamén pode ser un contido moito máis elaborado; é simplemente algo que non segue os procesos habituais de edición.
"Todos os cambios son difíciles, e paréceme un reto complexo, pero creo que Manel Cráneo pode facelo moi ben e os cambios que se introduciron este ano parécenme moi interesantes"
O Viñetas presenta este ano cambios, comezando por unha nova dirección. Que che parecen os cambios introducidos e a proposta da edición deste ano?
A min parécenme estupendos os cambios, creo que son necesarios. Encantábame o Viñetas dirixido por Miguelanxo, por suposto, pero ao igual que fixemos en Autobán coa creación da asociación, a entrada dun novo equipo pode facer que entren non só novas persoas, senón novos pulos e máis forza de cara ao futuro. Todos os cambios son difíciles, e paréceme un reto complexo, pero creo que Manel Cráneo pode facelo moi ben e os cambios que se introduciron este ano parécenme moi interesantes.
"Ao que máis ganas teño de ir é á parte do Viñetas Show, que se fai no Teatro Colón. Todos os días ao final da tarde levaranse a cabo unha serie de actividades, todas moi interesantes, que buscan elevar e dignificar o mundo do cómic"
De toda a programación do Viñetas, que eventos destacarías? Que lle recomendarías a unha persoa que lle gusten os cómics e non saiba moi ben onde ir?
Eu, persoalmente, ao que máis ganas teño de ir é á parte do Viñetas Show, que se fai no Teatro Colón. Todos os días ao final da tarde levaranse a cabo unha serie de actividades, todas moi interesantes, que buscan elevar e dignificar o mundo do cómic. A primeira ímola organizar nós, o Concerto Ilustrado (luns 12 ás 21:30 horas), no que porá a música Múerdago de Sangre, un grupo local, que estará acompañado por dous debuxantes, Xulia Vicente e Sekone. E o resto de noites hai proxeccións cinematográficas ligadas ao mundo do cómic e tamén as Late Night, que son conversas con xente do sector. Creo que estes formatos conseguen saír do habitual neste tipo de Salóns, que moitas veces non se moven das tradicionais presentacións de autores, exposicións...