Dolores Vilavedra, nova presidenta do Consello da Cultura

Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega © CCG

A catedrática de Literatura Galega, que substitúe no cargo a Rosario Álvarez, foi elixida nunha sesión plenaria de carácter extraordinario na que a súa era a única candidatura

Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) é a nova presidenta electa do Consello da Cultura Galega, pendente do seu nomeamento oficial polo Consello da Xunta tras pasar polo Parlamento. A catedrática de Literatura Galega, que substitúe no cargo a Rosario Álvarez, foi elixida nunha sesión plenaria de carácter extraordinario na que tomaron posesión os novos membros da institución (Eduardo Corbelle, Ramón Nicolás e Susana Reboreda).

Representante do Instituto da Lingua Galega no Plenario do Consello, ocupaba dende o ano 2024 a vicepresidencia do CCG. A súa elección, que non foi unha sorpresa, pois tratábase da única candidatura á Presidencia, convértea na sétima persoa que ocupa o cargo, tras Ramón Piñeiro (1983-1990), Xosé Filgueira Valverde (1990-1996), Carlos Casares (1996-2002), Alfonso Zulueta de Haz (2002-2006), Ramón Villares (2006-2018), Rosario Álvarez Blanco (2018-2026).

Asistentes ao plenario do Consello da Cultura galega este mércores CC-BY-SA Praza Pública

É a sétima persoa que ocupa o cargo, tras Ramón Piñeiro, Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares, Alfonso Zulueta de Haz, Ramón Villares e Rosario Álvarez

Vilavedra é profesora titular de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en narrativa galega contemporánea, coordinou a elaboración do Diccionario da literatura galega e entre as súas publicacións salientan Historia da literatura galega (1999), Sobre narrativa galega contemporánea (2000), A narrativa galega na fin de século. Unha ollada crítica (2010). Ademais, foi membro do consello de redacción da revista Grial.

Tras coordinar a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, en 2015 foi elixida membro do Plenario da institución; en 2019 foi escollida secretaria da Comisión Executiva e responsable da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais. Dende o 2024 ocupaba a Vicepresidencia da institución, ademais da coordinación da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación.

A súa elección este mércores foi por unanimidade dun pleno do Consello da Cultura especialmente numeroso e tras o que Vilavedra dixo estar "moi satisfeita". "Isto compromete a dar contas" do traballo, dixo, para reiterar que será "continuadora" do traballo de Rosario Álvarez, da que xa era vicepresidenta, pero cun novo plan de traballo para "preparar a institución para afrontar os retos de futuro". "O Consello é unha sorte de Titanic e non vira da noite á maña", dixo.

Plenario do Consello da Cultura galega este mércores CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.