Empresas e profesionais do sector cultural reclaman ás administracións galegas o cumprimento dos prazos legais de pago

Imaxe dun concerto © Revenidas

A AGPXC (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural) e a AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), denuncian o incumprimento por parte das administracións galegas dos períodos fixados pola lei para o pagamento das facturas e subvencións públicas

A AGPXC (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural) e a AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), veñen de denunciar publicamente o incumprimento por parte das administracións galegas dos períodos fixados pola lei para o pagamento das facturas e subvencións públicas e alertan que de o atraso nos pagamento "está afectando á viabilidade económica dun número importante das empresas e profesionais do sector".

As dúas entidades explican que o feito de que un número elevado de contratacións no sector teñan lugar durante os meses de xullo, agosto e setembro provoca que no momento de pago de impostos do terceiro trimestre e tamén do cuarto trimestre (que se está a aboar estes días de xaneiro) son numerosas as empresas e profesionais "que teñen serias dificultades para afrontar os pagamentos debido a facturas sen pagar". 

Actuación musical CC-BY-SA Xunta

Alertan que de o atraso nos pagamento "está afectando á viabilidade económica dun número importante das empresas e profesionais do sector", que "teñen serias dificultades para afrontar os pagamentos debido a facturas sen pagar". 

Estas facturas aínda non cobradas corresponden mesmo "a servizos emprestados polo entroido", o que as obriga a recorrer a préstamos de entidades bancarias ou a persoas da súa contorna para faceren fronte a pagos a outras administracións, "requisito imprescindible para non quedar fóra de futuras contratacións, xa que en todo momento se require documentación conforme se está ao día das obrigas coa Seguridade Social, Axencia Tributaria Galega e Axencia Tributaria do Estado".

Engaden que "o feito de que ata decembro de 2023 non se cobrasen subvencións correspondentes ao exercicio 2022, xustificadas meses atrás, é outra anomalía que afecta ao día a día de entidades con e sen ánimo de lucro que en ocasións non teñen outra opción que avalar con fondos propios operacións crediticias para non cesar a súa actividade e pagar o seu persoal e proveedores".

Engaden que "o feito de que ata decembro de 2023 non se cobrasen subvencións correspondentes ao exercicio 2022, xustificadas meses atrás, é outra anomalía"

Para AGPXC e AGEM, "resulta vital a concienciación do funcionariado e do persoal político e de asesoría de realizaren os procedementos correctos ao longo de todo o proceso de contratación pública para evitar demoras que teñen efecto dominó no sector". "Se unha empresa non cobra a tempo é moi probable que a parte artística tamén se vexa afectada e así unha longa cadea de profesionais que están conectados", explican.

A actuación de Peter Punk © Óscar Pinal

Formación específica para as contratacións do sector cultural

"Se unha empresa non cobra a tempo é moi probable que a parte artística tamén se vexa afectada e así unha longa cadea de profesionais que están conectados", explican

As dúas entidades sinalan que cada vez se fai "máis necesaria unha formación específica para as contratacións do sector cultural do persoal administrativo e de intervención das administracións públicas". "Un exemplo disto sería o feito de que alguén presenta unha idea innovadora ou singular que ten rexistrada e a administración receptora pretenda sacar a concurso público esa idea e que calquera que o desexe poida presentarse para executala", comentan. "Resulta curioso que se incentive a innovación en todos os sectores e semella que no cultural non hai ningún tipo de amparo legal para eses proxectos innovadores por falta desa formación que citamos", engaden.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.