"En Luzes sostemos que a actualidade, entendida como xerar ruído, está sobrevalorada"

Varios exemplares da revista Luzes © Luzes

Nas fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios.

Nas fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios. Tras falar sobre Grial, esta semana analizamos a revista Luzes, fundada en 2013 e co-dirixida desde aquela por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, o primeiro querendo tirar, por comparación internacional, cara a New Yorker e o segundo cara a Interview. Conversamos con Pereiro.

Como é a estrutura e tirada de Luzes?

Luzes Xornalismo que Conta S.L é unha sociedade de sete socios que edita unha revista mensual en papel, Luzes, cunha versión dixital en pechado, revistaluzes.com, e cunha web en aberto con contidos distintos, luzes.gal. Publicamos 12 números ao ano, cunha tirada media de 1.000 exemplares, dos que uns 700 son subscricións e 300 véndense en librerías e quioscos, ou na nosa tenda on-line. Temos tres traballadoras, todas mulleres, e unha media de 15 a 20 colaboradores por número, remunerados con tarifas fixas, sexan firmas de prestixio ou xente que empeza, tanto na revista como na web. Nos 12 anos e pico de andaina superamos de longo o milleiro de persoas que colaboraron na revista. Hai un comité de redacción que debate os contidos, que neste momento está formado por 16 persoas, con paridade de xénero.

Pereiro e Rivas, co-directores da revista Luzes © Luzes

Como sobrevive hoxe unha revista en papel?

"Están ameazados non só os medios impresos, senón os escritos en xeral, mesmo as redes sociais de 'ler' perden peso fronte ás de 'ver'"

O noso piar económico son as persoas subscritas, e moi en segundo lugar as vendas e a publicidade. Temos tamén subvencións da Secretaría Xeral de Medios, a máis baixa, ou das máis baixas que concede. E do Ministerio de Cultura, onde temos das puntuacións máis altas nos parámetros de interese cultural de todas as publicacións do Estado. En conxunto, as axudas roldan sobre 10.000 euros ao ano. Pero fóra dos tan necesarios como áridos números, o certo é que o que nos mantén a flote é a que chamamos tribo de Luzes: os que nos apoian en todos os aspectos, os que nos achegan propostas de todo tipo e os que aceptan de boa gana as propostas que nós lle facemos. Polo demais, o que consideramos un milagre e ao tempo a explicación de todo é que sobreviva unha empresa constituída por periodistas. De todas formas, quen están ameazados non son soamente os medios impresos, senón os escritos en xeral, se lle facemos caso ao último informe Reuters. Como fontes de información, mesmo as redes sociais de "ler" (Twitter, Facebook, Bluesky, Mastodon) perden peso fronte ás de "ver" (Instagram, TikTok, YouTube).

Luzes, como Praza.gal, naceu nun momento, hai década e media, de peche de numerosas publicacións en papel. Como é a distribución na época da desaparición dos quioscos e os peches de librarías?

"O custo de distribución é clave, pero cun fenómeno curioso, que a maioría dos subscritores fóra do Estado optan polo papel pese aos gastos de envío"

A distribución, máis que os custes de produción (o de impresión, porque custa o mesmo xerar contidos, independentemente do soporte) é o cabalo de batalla, en efecto. A nós non nos afecta tanto porque a maioría dos lectores son subscritores, pero tamén ten un custe achegar a revista a cada casa. De todas formas, pasa un fenómeno curioso, a inmensa maioría dos subscritores fóra do Estado optan pola subscrición en papel, pese a que encarece considerablemente os gastos de envío. 

Xa non se pode non estar tamén en internet? Como é a relación coa rede?

Nós estamos de dúas formas: o volcado da revista impresa, cos mesmos contidos e a mesma periodicidade (revistaluzes.com) e a web en aberto, con contidos específicos (luzes.gal). A primeira é unha opción para militantes do bit e para quen a prefire por razóns económicas. A segunda unha aposta por difundir opinión e, humildemente, crear axenda. No que se refire á revista de papel, a nós a rede axúdanos nas vendas.

Manifesto fundacional de 'Luzes' Dominio Público Luzes

A análise demorada segue ligando mellor co papel e a actualidade con internet?

"En Luzes sostemos que a actualidade, entendida como xerar ruído, está sobrevalorada"

En teoría é así, pero pode haber perfectamente, e de feito haina, análise demorada en internet, e aínda que tentar seguir a actualidade cunha revista mensual, que por riba hai que deseñar e imprimir, non é un obxectivo real, nós optamos por "crear" a nosa actualidade. Non é a primeira vez que publicamos temas que logo aparecen en medios de máis inmediatez. Camus dicía que non se trataba de ser o primeiro, senón o mellor, e que máis que rápido, había que ser verdadeiro. Nós sostemos que a actualidade, tal e como se entende, que consiste sobre todo en xerar ruído, está sobrevalorada. 

Saliente unha exclusiva, ou peza significativa pola súa relevancia, ou un tema concreto que ao longo dos anos veña sendo sinal de identidade da revista.

"Moitas reportaxes recibiron premios en Galicia, pero teño un afecto especial polos temas de internacional"

Hai moitas reportaxes que recibiron premios en Galicia, pero eu teño un afecto especial polos temas de internacional, como un que publicamos nos primeiros números, da experiencia dunha muller siria de 106 anos -que xa vivía cando Lawrence de Arabia entrou en Damasco!- que tivo que fuxir a Alemaña. Tamén fomos os primeiros, da man de Pablo L. Orosa, a quen seguimos estrañando, que demos a coñecer, polo menos no Estado, a traxedia dos rohingyas, os musulmáns perseguidos en Birmania.

Igual que nós entrevistamos a outros medios, que outras revistas ou medios en xeral consideran dignos de relevancia? Cales son as referencias internacionais para Luzes?

Eu creo que calquera medio que se publique en galego cun obxectivo periodístico é un referente e contribúe á necesaria biodiversidade mediática. Cando creamos Luzes non viamos un referente dese tipo no Estado, e penso que segue sen habelo, ou iso nos din por aí fóra. Daquela tiñamos un duro debate entre Manuel Rivas e eu. El dicía que tiñamos que tirar cara o New Yorker e eu cara Interview.

Unha reunión preparatoria antes da saída da saída de Luzes en 2013 © Luzes

Igual que Praza.gal colaborou con ElDiario.es e agora con infoLibre, Luzes colabora a nivel estatal co diario Público. O xornalismo faise mellor con máis mans? 

"Canta máis xente e máis diversa se sume a un proxecto, irá moito mellor, o pensamento é colectivo"

Nós colaboramos no seu dia con CTXT, cunha revista panafricana, ZAM, e tamén temos relación coa Revista Anfibia da Arxentina... Participamos na creación da Plataforma de Medios Independientes, que eu chamaba de 'Medios Indigentes', na que tamén estivo Praza, que conseguiu facer dúas enquisas moi completas sobre a Monarquía, antes de afundirse por esas liortas que medran como cogomelos en Madrid... A min o que sempre me prestou foi crear equipos, tecer redes, e estou firmemente convencido de que canta máis xente e máis diversa se sume a un proxecto, irá moito mellor. Nós se puidésemos crear tan só dous postos de traballo máis dariamos un salto cualitativo importante. O pensamento é colectivo. O que non creo é nos caixóns de xastre, en que todo vale. Os proxectos teñen que ter obxectivos moi meditados, e teñen que ter unha estrutura profesional. Creo que os comunistas lle chamaban a iso "centralismo democrático". 

O coidado da imaxe gráfica ten un peso importante en Luzes. Como son os debates na redacción entre o texto e a foto?

Feroces en ocasións (ri), sobre todo na elección da portada. Para nós a imaxe, tanto as fotos como as ilustracións e o deseño gráfico no seu conxunto son uns elementos esenciais, unha das nosas marcas características. 

Unha reunión da revista Luzes na súa actual sede co falecido Pablo L. Orosa © Luzes

Que futuro espera ao xornalismo artesán fronte a Intelixencia Artificial? 

"A IA pode axudar a medios pequenos para liberar de tarefas que requiren moito esforzo e achegan pouco valor, outra cousa é unha IA xenerativa que substitúa o traballo dun profesional"

Eu non estou en contra de usar ferramentas de IA. Os correctores lingüísticos no fondo eran unha especie de IA. Usar transcriptores de audio, ou os tradutores de idiomas son algo tan útil como creo que lexítimo. Igual que axudarse dunha LLM [tipo de IA para grandes textos] para debullar un sumario xudicial. Este tipo de ferramentas sempre necesitan unha supervisión humana e profesional e poden axudar ao que chamas "medios artesanais", porque estes teñen escasos medios humanos, e poden dedicar tempo e traballo a labores máis creativas se se liberan de tarefas que requiren moito esforzo e achegan pouco valor, como transcribir. É como internet, que deu un golpe case mortal ao xornalismo, á súa credibilidade e ao modelo de negocio dos grandes medios, pero tamén foi unha axuda para o medios pequenos e máis portátiles. Outra cousa é a IA xenerativa, que é facer que un algoritmo substitúa o traballo dun profesional de redacción ou de captación ou creación de imaxes. Creo que os medios deberían ter unhas normas que prohibisen o seu uso, e máis aínda o seu uso clandestino. Desafortunadamente, segundo un informe realizado por KPGM-Digital Journey o ano pasado, as empresas editoras queren implementar a IA para xerar contidos (o 68%), analizar datos (63%) e automatizar procesos editoriais e de produción (outro 63%). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.