Nas fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios.
Nas fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios. Tras Grial (1963) e Luzes (2013) continuamos a serie con Industrias Pesqueras, fundada en 1927 por José Barreras Massó pero á que moi pronto se incorporou Valentín Paz-Andrade. Tras o seu fillo Alfonso, á fronte da dirección está xa a terceira xeración dos Paz-Andrade, Valente, e é a revista máis antiga da prensa especializada marítima en todo o mundo, tras o peche en 2004 de Pêche Maritime fundada en 1922.
De carácter mensual, cun equipo de 12 persoas, cinco na redacción, tira 50.000 exemplares ao ano para 4.200 subscritores repartidos por todo o mundo: 37% en España, 31% en Europa, 23% en América e 9% en África.
Como sobrevive hoxe unha revista en papel?
Grazas ao compromiso e á fidelidade dos nosos subscritores, anunciantes e colaboradores, así como ao respaldo do conxunto do sector pesqueiro e transformador, e tamén naval. Industrias Pesqueras é, sobre todo, unha comunidade que reúne a todas as partes implicadas na industria do mar, actuando como nexo de unión para o debate e o intercambio dun coñecemento estratéxico, clave para a toma de decisións e a defensa dos intereses do sector.
Como é a distribución na época da desaparición dos quioscos e os peches de librarías?
"A subscrición segue a ser un valor engadido, pero o formato PDF facilita a distribución e a lectura en todo tipo de dispositivos, mesmo en alta mar"
A nosa distribución é exclusivamente mediante subscrición. A subscrición segue a ser un valor engadido da publicación dado o público tan especializado a que vai dirixida, e forma parte da propia identidade de Industrias Pesqueras. As novas tecnoloxías ampliaron as posibilidades, permitindo o acceso dixital á publicación non só a través da web, senón tamén en formato PDF. Isto facilita a distribución, especialmente a nivel internacional, e a lectura en todo tipo de dispositivos, mesmo en alta mar.
Xa non se pode non estar tamén en internet? Como é a relación coa rede?
"A dixitalización reflicte o espírito de adaptación que caracterizou a Industrias Pesqueras ao longo dos seus case cen anos de historia, en paralelo co propio sector pesqueiro"
A relación coa rede é boa porque a información en papel e a información que colgamos na rede compleméntanse. Industrias Pesqueras edítase en papel pero tamén é dixital. A información que xeramos retroaliméntase para ambos os dous canais. Desde hai case dúas décadas, Industrias Pesqueras conta cunha publicación dixital con actualización diaria de contidos, independente da edición mensual da revista, que se complementa cunha ampla presenza en redes sociais. Este proceso progresivo de dixitalización reflicte o espírito de adaptación que caracterizou a Industrias Pesqueras ao longo dos seus case cen anos de historia, en paralelo co propio sector pesqueiro. Poderíamos dicir que, ao igual que o conxunto do sector, a revista tamén está inmersa nun proceso de remuda xeracional. Hoxe, unha parte moi significativa dos nosos lectores procede do ámbito dixital, o que confirma que o online é xa unha canle irrenunciable. Porén, isto non implica necesariamente seguir o ritmo do xornalismo dixital de consumo rápido imperante nos nosos tempos. O noso xornalismo é especializado, moi de nicho, o que nos libra de ter que estar pendentes das cifras de lecturas ou dos algoritmos. Con todo, diferenciamos moito os contidos da nosa edición web dos da revista Industrias Pesqueras. Na edición web diaria seguimos a actualidade do sector, da administración e dos organismos científicos, entre outros ámbitos, cun enfoque estritamente informativo. Pola contra, na edición impresa apostamos por contidos máis profundos, de análise e contexto, na liña da tradición de Industrias Pesqueras.
Unha exclusiva salientable da revista ou un tema que veña sendo sinal de identidade.
Industrias Pesqueras ademais de ser un medio de comunicación que informa é un laboratorio de ideas no que se delibera, se publican estudos económicos, científicos, tecnolóxicos, medioambientais, etc., de interese para as empresas privadas vinculadas ao mar, a comunidade científica e as administracións, e promove debates e campañas que buscan o progreso do sector marítimo. Unha das exclusivas máis significativas de Industrias Pesqueras editada en papel é o especial que publica cada mes de abril coincidindo co seu aniversario. Son páxinas que conseguen agrupar tanto coñecemento experto como a todas e todos os referentes da pesca e da industria do sector. Outra das pezas máis relevantes son os "cafés de redacción" onde a partir de mesas redondas que unen a actores do sector que poucas veces coinciden, xéranse discusións moi produtivas que aportan solucións a problemas ou propostas para avanzar unidos, e son unha boa ferramenta de análise dunha situación sectorial que se transforman en contido.
Igual que nós entrevistamos a outros medios, que outras revistas ou medios en xeral consideran dignos de relevancia? Cales son as referencias internacionais para esa revista?
"O primeiro editorial de 1927 de Industrias Pesqueras xa explica a importancia de que os medios colaboren en beneficio do sector pesqueiro"
Industrias Pesqueras sempre mantivo unha estreita relación con outros medios peninsulares e internacionais. Xa no seu primeiro editorial, Palabras preliminares (do número 1 con data 15 de abril de 1927), que constitúe o seu ideario fundacional, explica a importancia desta colaboración en beneficio do sector pesqueiro. Sen embargo, ao longo dos case cen anos de existencia da revista, desafortunadamente temos asistido ao peche continuado de xornais e revistas especializadas no ámbito marítimo-pesqueiro. Na actualidade, e dado o noso vínculo como medio oficial das sucesivas World Fishing Exhibition celebradas en Vigo, World Fishing é a revista coa que mantemos unha maior relación.
Que futuro espera ao xornalismo artesán fronte a Intelixencia Artificial?
A IA é unha ferramenta moi potente que nos pode axudar moito no noso traballo diario porque recolle información dun xeito que ningún humano pode facelo, pero non serve de nada se non vai acompañada dun pensamento crítico. A única maneira que ten o ser humano de conservar o pensamento crítico é creando, construído futuro, que é precisamente o que non pode facer a IA. A IA crea a partir de datos que existen, non crea futuro. Se o xornalismo artesanal é substituído integramente por un xornalismo artificial non nos moveremos dun lugar que xa foi construído previamente. Industrias Pesqueras ten case un século pero segue viva porque sempre mira ao futuro e se deixamos que a IA constrúa os contidos, só miraremos cara ao pasado. A IA vén vestida cun fermoso traxe de modernidade pero pode levarnos a un deserto de ideas. En enxeñería ou medicina pode estar moi ben a súa aplicación, pode mellorar a produción ou afinar nos diagnósticos das enfermidades e o seu tratamento, pero no xornalismo pode ter efectos nocivos se a idea non parte do xornalista. O xornalista debe impoñer as súas facultades intelectuais e creativas cando traballe con IA. A linguaxe humana funciona por asociación de ideas pero a linguaxe da IA funciona mediante unha correlación de datos. A linguaxe da IA é finita, está limitada polos datos dos que dispón, mentres que a linguaxe humana é infinita, proporciónanos liberdade e singularidade que son dúas características da revista Industrias Pesqueras.
A revista colleu impulso co galeguismo dos Paz-Andrade, pero está en castelán. Cal é o papel do galego e de Galicia en Industrias Pesqueras?
"A maqueta de Industrias Pesqueras no seu nacemento nos anos 20 foi deseñada por Castelao
A revista sempre estivo en castelán. Durante a ditadura de Primo de Rivera, a Guerra Civil e a ditadura franquista, non podía ser doutro xeito. A comezos dos 80, baixo a dirección de Alfonso Paz-Andrade a revista internacionalízase e continúa en castelán por unha cuestión práctica: a grande maioría dos nosos subscritores españois, europeos e latinoamericanos len de xeito doado en castelán. A publicación sempre estivo en castelán e sempre tivo unha base galeguista que non abandonou nunca. A maqueta de Industrias Pesqueras no seu nacemento nos anos 20 foi deseñada por Castelao. Os seus primeiros colaboradores foron Valentín Paz-Andrade, moito antes de asumir a dirección, Lustres Rivas, Francisco Fernández del Riego, Manuel Martínez Risco, Filgueira Valverde, Xaime Illa Couto... Tanto Valentín Paz-Andrade, como Alfonso e Valente, actual director da Revista, fillo e neto respectivamente, asumen a defensa do progreso de Galicia baixo a premisa de traballos cunha forte base científica e tecnolóxica que permitan ao sector marítimo galego avanzar desde unha perspectiva construtiva e posibilista que aglutine ao maior número de actores que, desde diferentes ópticas, defenden a importancia do sector pesqueiro en xeral e o galego en particular. Sen abandonar os vencellos co aspecto cultural do galeguismo, apostan pola emancipación económica e unha visión pragmática de país.
Como publicación especializada sectorial, como se mantén a independencia da información a respecto dos posibles intereses comerciais?
"Non dependemos nin das administracións nin de subvencións públicas, a nosa misión é crear un espazo de debate e reflexión plural, e iso só é posible desde unha posición verdadeiramente independente"
Industrias Pesqueras é unha publicación por e para o sector pesqueiro. A nosa independencia editorial permítenos dar voz a todas as partes interesadas, mesmo cando estas non coinciden coa visión maioritaria do propio sector, como pode ocorrer no caso das ONG. Como altofalante do ámbito marítimo, os nosos intereses como medio de comunicación e os intereses comerciais dos nosos subscritores e anunciantes coinciden na defensa dunha información rigorosa e útil para o sector. Esa independencia, ademais, defínenos: non dependemos nin das administracións nin de subvencións públicas. A nosa misión é crear un espazo de debate e reflexión plural, e iso só é posible desde unha posición verdadeiramente independente.
- Seguinte entrega: Tempos Novos (1997)