"Tempo Exterior ten un valor cultural e intelectual incalculable, merece a protección das institucións"

Primeiros números de Tempo Exterior CC-BY-SA Praza Pública

Nas fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios.

Nas fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios. Tras Grial (1963), Luzes (2013), Industrias Pesqueras (1927) e Tempos Novos (1997) rematamos a serie con Tempo Exterior, revista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), os dous proxectos impulsados por Xulio Ríos. Tras unha primeira etapa previa con outro formato, Tempo Exterior comezou a editarse en 2000 con carácter semestral e deseños de Pepe Carreiro. Na actualidade o seu director é o profesor da USC e doutor en Economía e Empresa Diego Sande Veiga.

Cómo é Tempo Exterior e a súa difusión?

É a única publicación de carácter científico e temática internacional publicada en galego. Analiza conflitos, economía, política, relacións e problemas internacionais de actualidade, empregando como fío condutor a visión do mundo desde Galicia. Tras máis de dúas décadas baixo a dirección do experto sinólogo Xulio Ríos, fundador e presidente de honra do Igadi, en 2020 a revista iniciou unha nova época baixo a dirección do profesor Celso Cancela, da Universidade de Vigo. En 2026, tras ese período de transición, asumín o relevo como director co obxectivo de manter vivo o proxecto e sentar as bases para mellorar o posicionamento científico da revista. Púxose en marcha un fondo proceso de renovación e internacionalización da revista, incluíndo o consello editorial e o seu consello científico. Hoxe Tempo Exterior abrangue todas as tendencias e correntes de pensamento e conta coa colaboración de especialistas de recoñecido prestixio de todas as universidades galegas e de múltiples universidades internacionais, con presenza en catro dos cinco continentes. A difusión realízase por medios electrónicos e en formato físico, un formato que chegou nalgúns momentos a alcanzar o conxunto de España, ademais de Portugal e unha ducia de países de América Latina, en boa medida grazas á diáspora galega. 

Presentación dun dos primeiros números de Tempos Exterior con Xulio Ríos acompañado por Abel Losada (PSdeG), Ana Miranda (BNG) e Aurelio Miras Portugal (PPdeG) © Igadi

Como sobrevive hoxe unha revista en papel? 

"Tempo Exterior, única publicación científica en galego de temática internacional, ten un valor cultural e intelectual incalculable, merece a protección e o interese das institucións"

No caso de Tempo Exterior, non hai unha fórmula máxica. A revista sobrevive grazas ao traballo e á colaboración de moitas persoas. Desde os membros do consello de redacción e do consello científico, pasando pola secretaría da revista, os socios e lectores do Igadi, e todas as persoas da comunidade científica, institucional, empresarial e do terceiro sector que apostan por Tempo Exterior como fonte de información para entender o mundo desde Galicia. A todos eles, desde a dirección da revista amosamos o inmenso agradecemento polo apoio á creación de contidos científicos do ámbito internacional e de calidade contrastada, convertendo a revista nun proxecto único no noso país, cun valor cultural e intelectual incalculable e que merece a protección e o interese das nosas institucións. Gustaríanos atopar máis colaboracións futuras, como que as bibliotecas públicas se puidesen facer socias do Igadi para recibir os exemplares. Tamén nos interesan as achegas en forma de publicidade, tanto de organismos públicos como de empresas ou entidades do terceiro sector. Estamos abertos a posibles doazóns, xa que a revista forma parte dunha entidade que está tramitando a súa utilidade pública, polo que se poderán desgravar. E tamén contemplamos convenios de colaboración con universidades, think tanks e organizacións asociativas relacionadas co ámbito de coñecemento da revista, tanto para a realización de actividades científicas como para o apoio con recursos humanos especializados adicionais.

Como é a distribución na época da desaparición dos quioscos e os peches de librarías? 

Foise adaptando aos cambios externos. Cunha forte presenza da edición escrita no pasado, a revista foise abrindo paso na rede. Hoxe é posible visitar a web da revista [https://pub.igadi.gal/] na que se atopan os últimos artigos publicados e os números anteriores. Tras as últimas melloras e actualizacións, a revista emprega o software Open Journal Systems, que sirve como base para as mellores revistas científicas do mundo, posicionando Tempo Exterior dentro dos estándares de calidade internacionais. Ademais da versión en liña, o Igadi pretende continuar coa impresión da revista coa colaboración da Cooperativa Gráfica Sacaúntos, pero necesitamos seguir sumando máis socios do Igadi e lectores de Tempo Exterior. Queremos que nos pidan máis números e artigos cada vez, non nos conformamos co escenario actual. Para iso, esperamos que non só as institucións, senón que as empresas, organizacións da sociedade civil, a comunidade académica e todas aquelas persoas con inquietudes e necesidades de coñecemento do ámbito internacional, apoien esta iniciativa e o traballo de xeración de coñecemento.

Tempo Exterior é unha revista de artigos académicos pero que naceu coa aspiración de intervir na sociedade, de ver o mundo desde Galicia e colocar Galicia no mundo. Como se combinan esas dúas facianas? 

"A vocación da revista é fomentar o debate de temas esenciais para a sociedade"

A vocación da revista debe seguir sendo, na miña modesta opinión e na do equipo que represento, a de abrir e afondar nos debates das temáticas esenciais para a sociedade. Fomentar o debate, e crealo cando sexa necesario, arredor dos aspectos que afectan no día a día á vida das persoas e das institucións, entendidas estas no seu sentido amplo, é para min a mellor maneira de seguir ofrecendo un servizo de información e coñecemento de calidade, non só á comunidade científica, senón á cidadanía e á sociedade no seu conxunto.

Reunión en 2016 do consello asesor do Igadi © Igadi

Ademais da revista Tempo Exterior, o Igadi ten unha das primeiras páxinas web da historia de Galicia. A análise demorada segue ligando mellor co papel e a actualidade con internet? 

Ademais de Tempo Exterior, o Igadi ten unha das primeiras páxinas web da historia de Galicia

Desde a revista temos que agradecer á anterior dirección do Igadi o esforzo efectuado para a renovación dos espazos na web. Hoxe contar cun espazo na rede actualizado, suxerente e conforme ás últimas tendencias constituía un aspecto clave na comunicación institucional. Pensamos que cos medios cos que se contaba, o traballo resulta máis que positivo. Con todo, as restricións de recursos convidan a pospoñer outras melloras que serían interesantes para mellorar o posicionamento de contidos técnicos e científicos en galego na rede. A pesar do contexto, seguimos traballando para xerar alternativas creativas que nos permitan chegar a máis lectores no futuro e seguir aportando o noso gran de area para dotar á rede de contidos científico-técnicos de calidade na nosa lingua.

Saliente un artigo significativo ou un tema que pola súa relevancia veña sendo sinal de identidade de Tempo Exterior ao longo dos anos.

"As migracións son e serán un dos grandes temas de conflitividade e Galicia ten aínda o deber de poñer en valor a súa propia diáspora"

A verdade é que resulta difícil destacar só un número ou un artigo concreto da revista. Por poñer algúns exemplos, o último número publicado, o 52, que tiven o pracer de coordinar, está destinado á economía internacional, e conta con visións desde diferentes puntos do planeta, desde latinoamérica, pasando por Taiwán, como saben en permanente conflicto con China, ata os Balcáns, moitas veces esquecidos no proceso de construción europeo. O anterior, o 51, está destinado ao fundamental papel da diáspora nas relacións internacionais. Non esquezamos que as migracións humanas son, e serán no futuro, un dos grandes temas de conflitividade entre os países, e así o refrendan expertos como o gran Ignacio Ramonet. E esta importancia das comunidades no exterior gaña peso no debate precisamente nun contexto no que Galicia, como país exportador de capital humano durante décadas, ten aínda o deber pendente de poñer en valor a súa propia diáspora. 

Igual que nós entrevistamos a outros medios, que outras revistas ou medios en xeral consideran dignos de relevancia? Cales son as referencias internacionais para esa revista?

A nivel internacional, algunhas revistas de interese poderían ser Global Policy, o Central European Journal of International and Security Studies, ou a Review of International Political Economy, entre outras. Se teño que salientar outras revistas en Galicia, non podo deixar de facer mención a algunhas que, na miña opinión, ocupan un lugar relevante no imaxinario colectivo. Por unha parte, Industrias Pesqueras, que comezou a publicarse hai case un século, nin máis nin menos, ofrecendo información clave para o sector. Por outra parte, Grial vén ofrecendo contidos de carácter cultural desde a década dos sesenta. Pero tampouco podemos esquecer proxectos máis recentes, como Tempos Novos, sempre pendente da actualidade, ou Luzes, pola súa calidade e papel xornalístico.

Directiva e socios do Igadi nunha asemblea este 2026 © Igadi

Que futuro espera á escrita artesán fronte a Intelixencia Artificial?

"A referencia da intelixencia artificial, por propia definición, continúa a ser a intelixencia humana, e a súa escrita seguirá a ter un valor superior"

A intelixencia artificial baséase en sistemas informáticos e combinacións de algoritmos cuxo propósito é a creación de máquinas que imiten a intelixencia humana. Por propia definición, a referencia destes sistemas continúa a ser a intelixencia humana. A día de hoxe, por moita utilidade e aplicabilidade que se lle poida extraer á IA, os traballos xerados polas máquinas presentan algúns perigos, como as alucinacións creadas pola configuración dos algoritmos, a repetición de contidos en base aos existentes, a posible vulneración da propiedade intelectual, a reprodución de tendencias maioritarias nesgadas intencionadamente na rede, e outras moitas. Cos avances actuais, as IA requiren aínda da supervisión humana para verificar e afinar os contidos. Ademais, as máquinas non son capaces de substituír a brillantez da creación humana, a imaxinación de Cunqueiro, a crueza de Dostoievski, a retranca de Vázquez Montalbán, ou a fina ironía da escrita de Eça de Queiroz. Nin moito menos ter intres de inspiración. Por todos estes motivos, a escrita humana, que representa valores como a autenticidade e o xenio creativo, seguirá a ter un valor superior. 

Podes consultar aquí as entrevistas anteriores desta serie:

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.