Nas fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios.
Nas fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios. Tras Grial (1963), Luzes (2013) e Industrias Pesqueras (1927) continuamos a serie con Tempos Novos, fundada en 1997 por Luís Álvarez Pousa, xornalista, profesor de xornalismo e ensaísta.
A empresa editora, Atlántica de Comunicación e Información de Galicia, é unha sociedade anónima na que a masa social está integrada desde aquela por 150 persoas e entidades fundadoras "que representan a pluralidade social, ideolóxica, cultural, e territorial da publicación". A administración da sociedade está encomendada a un consello que preside a arquitecta Ana Fernández Puentes.
Como sobrevive hoxe unha revista en papel?
"O mesmo fenómeno que ameaza a supervivencia dos medios escritos, e do xornalismo de calidade que vehiculizan, pode reforzar a súa utilidade e o seu valor"
O panorama mediático global entrou nunha fase de transición, caracterizada polo esvaecemento acelerado dos modelos de negocio baseados en texto, e pola consolidación de novos sistemas dominados pola intelixencia artificial xenerativa e polos creadores de contido. Esas dúas forzas disruptivas están reconfigurando drasticamente a maneira en que se produce, distribúe e consume a información, alonxando ás audiencias dos medios de sempre e volvéndoas cara aos formatos de audio e video. Todo leva a pensar no negro futuro que lles agarda ás cabeceiras que sobreviven, entintadas, ofertándose á sombra de quioscos e librarías. Moitas delas xa caeron a partir do cambio de século baixo os imperativos de internet, sometidas a un estrés produtivo de efectos desnaturalizadores. E as que resisten acusan os altos índices de desafección social que evidencian as estatísticas do último cuarto de século. Esa é a realidade. Porén, estase a constatar tamén un fenómeno de carácter subversivo que responde á sensación que temos de estarmos en medio dun colapso informativo. O mesmo fenómeno que ameaza a supervivencia dos medios escritos, e do xornalismo de calidade que vehiculizan, pode reforzar a súa utilidade e o seu valor.
Neste contexto as subscricións, os lectores fieis, semellan fundamentais.
Unha publicación en papel como Tempos Novos precisa ter unha base sólida de subscricións. Esta é o que explica que sigamos aquí despois de case 30 anos sobrevivindo a unha sucesión de crises. Non só as económicas, e de maneira especialmente dura a que ameazou e mesmo cortou de raíz no 2008 a subsistencia de milleiros de medios, grandes e pequenos, preto e lonxe de nós. Tamén as que tiveron na consolidación de internet e na dixitalización o seu fermento, propiciando cambios profundos no sector da comunicación, nos sistemas de medios e no xornalismo. Por caso, os operados nos hábitos de consumo de información. Manterse en medio dese tsunami, que veu afectando a todo tipo de empresas e de publicacións, tivo como principal salvoconduto o de sermos fieis aos obxectivos da nosa carta fundacional ofertando un produto de calidade. Obtivemos como resposta a fidelidade dos nosos subscritores. Lembremos que as caídas da publicidade e de lectores fixeron estragos nos sistemas de medios en todo o mundo. Por iso foi necesario, ademais, establecer unha estratexia de vixilancia e control profesional dos custos de produción.
Como é a distribución na época da desaparición dos quioscos e os peches de librarías?
"A dimensión das publicacións galegas fai que sexan pouco atractivas como fonte de ingresos para as distribuidoras, polo que é frecuente que non se lles preste demasiada atención"
A situación da distribución é moi complexa. Sempre o foi, pero agora vese fortemente afectada polos cambios nos hábitos de consumo da información. A venda de xornais e revistas en soporte papel caeu drasticamente nos últimos anos, provocando a desaparición de puntos de venda. Unha situación especialmente grave no caso dos quioscos, e non despreciábel no caso de librarías. Esta baixada de vendas pon tamén en dificultades ás empresas distribuidoras, que ven descender os seus ingresos. Ademais, a dimensión das publicacións galegas fai que sexan pouco atractivas como fonte de ingresos para estas empresas, polo que é frecuente que non se lles preste demasiada atención. A opción de asumir unha distribución propia sempre está na mente das pequenas publicacións, e é posible facela cando se trata de medios locais ou comarcais, pero para publicacións con intereses comerciais en zonas territoriais máis amplas é imposible de rendibilizar, ademais de supoñer unha complicación grande na xestión.
A nosa tiraxe axústase á realidade dos subscritores activos e ás necesidades de cobertura de puntos de venda tradicional, polo que pode sufrir flutuacións. Por outra banda, a evolución do mercado en xeral, e no que afecta a Tempos Novos en particular, fai que se produzan algúns transvases na modalidade de subscrición do papel ao formato dixital, o acceso aos contidos de cada número da revista en formato PDF, aínda que a referencia segue a ser o papel. Para nós o dato verdadeiramente relevante é a fidelidade dunha base ampla de subscritores e subscritoras que valoran a nosa publicación.
E que valoran?
A oferta de calidade. A nosa maneira de xestionar e dirixir Tempos Novos sempre a enmarcamos no que comportaba para a práctica xornalística aquel noso eslogan: Outras publicacións dan moito que ver, nós seguimos dando moito que coñecer. Fomos e somos conscientes de que o xornalismo é un modo de coñecemento. Exercitándoo mes a mes, foi como cumprimos a función social, política e cultural á que debe estar supeditado en democracia un medio de comunicación. Producir coñecemento mediante procesos de interpretación e análise da información que describe o acontecer. Coa finalidade de darlle sentido e facilitar que os lectores e lectoras dos nosos contidos textuais afiancen como cidadáns os seus propios xuízos de valor e o seu grao de implicación nos asuntos da comunidade. Velaí a xénese que explica aquelo de que sen xornalismo non hai democracia. A xénese, en definitiva, do xornalismo de calidade.
Facemos estas entrevistas a revistas en galego porque seguen existindo revistas e seguen existindo en galego. Dobre dificultade?
A revista está en galego como marcan os principios fundacionais da editora, e desde hai uns anos tamén de Tempos Dixital, o seu medio na rede, e da revista cuatrimestral e en papel de pensamento crítico A Trabe de Ouro, que asumimos cando quedou sen estrutura empresarial e abocada ao peche. A comunicación sempre é un proceso de comunidade. Máis alá do que sen dúbida é o fundamento do seu obxectivo básico, o de satisfacer o dereito dunha comunidade á información e á verdade dos acontecementos, os medios teñen a función prioritaria de crear un universo simbólico común a todos os membros que a integran. É polo que dicimos que son produtores de identidade. Contribuíndo así a que se nos recoñeza como pobo ou nación no mundo global. A lingua galega é o nexo e a ferramenta de comunicación que se bota en falta na estratexia empresarial e na práctica xornalística da maior parte dos xornais que forman parte do sistema galego de medios. Para nós, en cambio, constitúe o nó que lle dá nervio e valor diferencial a esa función identitaria. Con todas as consecuencias. Porque o galego non vende como vende o castelán no enguedellado e cada vez máis sofisticado negocio da comunicación.
Xa non se pode non estar tamén en internet? Como é a relación coa rede?
A toma de decisións sobre os contidos de cada número está en mans dun consello de redacción que, presidido polo director, está integrado por catro persoas. Nas nosas reunións semanais, debatemos, definimos a axenda e contrastamos cos expertos nos campos temáticos correspondentes os enfoques cos que abordar os contidos que conforman cada unha das entregas mensuais. Facemos á vez ese mesmo traballo de creación de axenda para a web Tempos Dixital, que renova contidos de análise seguindo o máis relevante que vai dando de si o acontecer diario. Un coordenador xeral ocúpase de facer o seguimento de todo o proceso de produción. Alén das entrevistas, investigacións, crónicas e debates asinados polos integrantes do equipo de redacción, Tempos Novos aliméntase principalmente das achegas, informes, análises, opinión, crónicas… de colaboracións externas. A fórmula permite contar cunha nómina plural e diversa de especialistas nos máis diferentes ámbitos de coñecemento.
Esa análise demorada segue ligando mellor co papel e a actualidade con internet?
Para unha publicación cunha bagaxe de 29 anos en formato papel cun modelo comercial baseado na subscrición é moi difícil facer un cambio de un soporte por outro. E seguramente tampouco é recomendábel. Desde logo o soporte dixital ten que existir, porque hai un público que o demanda. Pode ser, incluso, unha alternativa a medio ou longo prazo que garanta a supervivencia de cabeceiras. Xa está sucedendo. No noso caso, creamos Tempos Dixital cun dobre obxectivo: ser un medio complementario do mensual en papel, e ofrecer contidos cos que interpretar a actualidade que xera o acontecer diario, ademais de facilitar o acceso á hemeroteca de Tempos Novos, que é o verdadeiro patrimonio da empresa editora. Tamén as redes sociais, que permiten achegarse aos públicos dunha forma directa téndoos puntualmente informados, e manter aberta unha canle de comunicación. O tempo irá axustando a evolución dos diferentes soportes dándolle a cada un deles o espazo que os públicos demanden, sen prexuízo das estratexias empresariais que se poidan ir implementando para potenciar un ou outro.
Como é a relación de Tempos Novos coas axudas públicas?
"Tempos Novos sobreviviu ás crises destes últimos 25 anos grazas aos subscritores, máis do 70% dos ingresos proveñen deles e en menor medida das vendas de exemplares en quioscos e librarías"
A día de hoxe, eu subscribiría de principio a fin o manifesto que no 2010 lle botaba en cara ao goberno de Feijóo negarlle recursos públicos aos medios en galego, ao tempo que alertaba sobre a desconexión social que padecían. Lembro o argumentario, que ten por desgraza plena actualidade: algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. Seguen ocupando por iso un espazo marxinal nun ecosistema de comunicación dominado polos que, aparte de estaren condicionados pola trampa subvencionadora do poder político, se editan en castelán. É certo, como xa dixen anteriormente, que Tempos Novos sobreviviu ás crises destes últimos 25 anos grazas fundamentalmente aos subscritores. Segundo os resultados do último exercicio, algo máis do 70 por cento dos ingresos proveñen das subscricións e en menor medida das vendas de exemplares en quioscos e librarías. Un dato relevante á hora de valorar o recoñecemento que ten a nosa publicación entre os actores máis activos da sociedade galega, acreditando sobradamente a súa solidez, e a de proxcetos en transición como o de Tempos Dixital que estamos reforzando. Pero non é menos certo que ese apoio non deu para redimensionar esta empresa colectiva de comunicación alternativa en aberto desafío cos actores que, sometidos á lóxica do mercado e aos regalos envelenados do poder político, manteñen intacta a súa posición de dominio no sistema galego de medios.
Que futuro espera ao xornalismo artesán fronte a intelixencia artificial?
"Nunca houbo tanta capacidade para producir contidos informativos, pero nunca foi tan difícil distinguir entre o que é verdade e por iso merece ser crido e o que non o é e por iso merece ser censurado"
Os medios tradicionais vense obrigados en todas partes a repensar a fondo as súas estratexias de supervivencia nun entorno dominado pola transformación dixital, e de maneira especialmente intensa pola irrupción da intelixencia artificial no control da industria informativa. Mirado desde nós, todo iso comporta a máis brutal das ameazas para proxectos alternativos que sobreviven apegados ao local/territorial e a un espazo de comunicación social e politicamente moi deteriorado. Ou negado. Aquel no que a utilización do galego como lingua de interlocución coas audiencias está institucionalmente penalizada polo goberno de Alfonso Rueda, e antes polo de Núñez Feijóo, e nin sequera está reivindicada socialmente. As voces críticas son minoritarias.
O dominio dos fluxos de información acadado polas grandes plataformas tecnolóxicas propiciou un aumento incesante de desinformación, propaganda, teorías da conspiración, deepfakes e contidos tóxicos xerados por computadora. A IA chega agora para alimentar ese proceso, saturando Internet con contidos de baixa calidade, producidos masivamente mediante algoritmos e sen supervisión humana. O obxectivo? Xerar negocio, sen que importe en absoluto a calidade ou veracidade deses contidos. Nunca houbo tanta capacidade para producir contidos informativos. Certo. Pero nunca foi tan difícil distinguir entre o que é verdade e por iso merece ser crido e o que non o é e por iso merece ser censurado. Velaí a necesidade de provocar un desprazamento de valores: deixar de valorar a información asociada á facilidade de facela rapidamente consumíbel, e afianzar en cambio a nosa seguridade retomando o criterio, a verificación, a interpretación, a reputación e a confianza pública que garante un xornalismo profesional e de calidade. Aquel que ten como soporte físico o papel.
Hai esperanza?
Ir a contracorrente neste convulsivo campo da comunicación e do xornalismo sempre é temeroso. E malia constatar unha inicial actitude subversiva nas polo de agora lixeiras subidas de subscritores/lectores de xornais e revistas de referencia, move ao escepticismo. Porén, o último informe do prestixioso Print Media Market Report asegura que o mercado global de prensa impresa, xornais, revistas, libros, medrará un 16 por cento ata o ano 2030, incluíndo tanto a venda directa como os ingresos asociados a subscricións e publicidade. Iso si, sempre que eses medios incorporen tecnoloxías e estratexias propias do ecosistema dixital, e da IA, que están redefinindo os procesos e os modelos de negocio do papel. Claro que tamén se enfronta, como xa vimos constatando en medios de comunicación en papel como Tempos Novos, a problemas loxísticos moi determinantes.
- Seguinte entrega: Tempo Exterior (2000)