Nas fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios.
Nas fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios. Nesta primeira entrega falamos sobre Grial, a gran revista da cultura galega fundada pola editorial Galaxia en 1963 e dirixida por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego. Desde comezos deste ano a súa directora é María López Sández, tras substituír a Henrique Monteagudo cando este asumiu a presidencia da Real Academia Galega (RAG).
Cunha tirada en papel de 700 exemplares por cada número trimestral que edita, conta con preto de 300 subscricións e pode atoparse tamén en librarías, ademais de chegar a todo o mundo grazas a envíos institucionais ou a centros de estudos galegos. "Falamos dunha revista de cultura, que non ten a lóxica dun produto masivo, así que cada número aspira a circular pero tamén a quedar, a ir conformando un repositorio que no fondo tamén é un modo de facer a nosa historia cultural", di López Sández.
Como sobrevive hoxe unha revista en papel?
"Grial apela a xente moi diversas dentro do ámbito cultural"
Dando algo que a velocidade dixital de seu non dá, que é reflexión, reflexión demorada. O feito de que teñamos a periodicidade cada tres meses ponnos a salvo da tentación do inmediato, non estamos a ser os primeiros en saír con algo. O noso é a reflexión de longo tempo e para iso funciona precisamente mellor o papel. Subscritores, profesorado, xente do mundo da academia, o que nos din que valoran é iso, a reflexión sobre temas moi diversos. Porque é certo que Grial é unha revista de cultura, pero que abrangue dende o literario, a ciencia e a tecnoloxía, a socioloxía, o pensamento, a arquitectura, artes plásticas, unha sección de feminismos, fai recensións. Apelamos a xente moi diversa dentro do ámbito cultural e iso axuda a esa posibilidade de sobrevivir. Non competimos coa actualidade inmediata, ofrecemos contexto, interpretación, memoria. Entón, digamos que o papel non é para Grial só un soporte, é unha forma de lectura, unha forma de pensamento. Hai un teórico francés que fala de como se constrúe ou determina o réxime de lectura desde dentro do texto. Ben, o soporte tamén é un xeito de determinar ese réxime de lectura, esa forma de ler.
Sen embargo, xa non se pode non estar tamén en internet. Como é a relación de Grial coa rede?
Non entendemos que haxa unha oposición radical entre papel e dixital. A rede permite dar visibilidade, ampliar públicos, facer circular contidos máis alá dos subscritores, chegar a lectores ocasionais que poden fidelizarse e acabar sendo tamén lectores en papel. A rede é ideal nese sentido da complementariedade. Por así dicilo, a rede amplía a chegada pero o papel conserva a densidade.
Un dos obxectivos declarados da revista Grial é incorporar a mocidade á defensa da cultura galega. Pódese facer aínda en papel ou a mocidade xa só pensa en dixital?
"Para a mocidade máis que o soporte é fundamental o enfoque, a relevancia que os temas teñan para eles"
É unha finalidade como o que ocorre no plano da lingua. Necesitamos transmitir á seguinte xeración a cultura en xeral. E por tanto Grial ten tamén unha dimensión de intervención social, de facer cultura. En parte creo que hai que vencer o tópico de que a mocidade só pensa en dixital. A mocidade, coma nós, non é homoxénea. Como profesora universitaria percibo que cando dirixes traballos académicos e dás referencias bibliográficas ás que non poidan acceder en redes, vai ser unha minoría os que se tomen o esforzo de trasladarse a unha biblioteca. Pero cando é algo que é central, si se fai, e a xente nova tamén o fai. Creo que debemos empregar a rede para facer como pequenos petiscos de entrada que atraian a xente. Tamén estamos facendo unha aposta moi forte pola dixitalización, que o repertorio histórico estea a disposición de todos, porque esa condición de repertorio cultural creo que é un valor moi importante de Grial. Agora está desde 1963 ata 2021. Complementariedade, e logo o que temos que facer é ofrecerlle a mozos e mozas lugares nos que recoñecerse. Máis que o soporte, tamén o enfoque, a relevancia que os temas teñan para eles, é fundamental.
Como é a relación entre Editorial Galaxia e Grial?
"Grial está no ADN mesmo da Editorial Galaxia"
Grial está no ADN mesmo da Editorial Galaxia. É certo que Galaxia nace antes, en 1950, e cando tomamos 1963 como data de Grial, pois semella que houbo un lapso. Pero en realidade a vontade de facer unha revista cultural galega en galego está desde o xermolo mesmo da creación de Galaxia. O que pasa é que eles tiveron que lidar cos problemas de censura. E cando pasou a ser posible, pois enseguida se fixo. Hoxe a relación é estupenda, porque non percibo fronteiras nidias. Poño o meu exemplo. Cando rematei a carreira e estaba facendo a tese as miñas primeiras publicacións foron recensións para Grial. Despois rematei a tese, gañei o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, e publicouno Galaxia. Fun autora do catálogo de Galaxia durante anos e logo convidáronme a entrar no consello de redacción de Grial. E agora finalmente acabo dirixindo. Grial é parte da acción de Galaxia. Despois o consello de redacción somos os que planificamos e debatemos que temas debemos abordar. Tendemos a ir planificando cunha ollada longa. O consello de redacción é xenerosidade pura, non é algo que forme parte da estrutura empresarial, é xente que o fai gratuitamente por contribución á cultura galega. Eu incorporei a dúas persoas bastante novas e imos buscando pluralidade, en ámbitos distintos. Unha desas persoas de formación é físico, e outra vén da filosofía.
Grial e Praza veñen colaborando na publicación de textos da revista no xornal dixital. A colaboración permite chegar a novos públicos?
"Nun sistema cultural como o galego colaborar non é un luxo, é unha necesidade"
Permite unha visibilización, atraer a xente que ao mellor non é lector habitual de Grial, ou que de entrada non mercaría a revista, pero que pode ler un texto en Praza, a partir de aí descubrir a revista. É como unha alianza, dentro do sistema cultural noso somos medios distintos pero non illados. Nun sistema cultural como o galego, colaborar non é un luxo, unha posibilidade, senón que é unha necesidade.
Que tema ou área de coñecemento destacaría como signo de identidade de Grial?
Procedo dos estudos literarios, entón creo que desde as orixes podemos dicir que Grial conformou un repositorio atento ao que se estaba creando no ámbito literario en Galicia. Pero entendendo que nos libros, e na discusión arredor dos libros, xeras un espazo de debate. Os libros, mesmo a ficción literaria, non son mero entretemento senón que son un espazo para facer cultura. O valor dos monográficos tamén é moi importante, un conxunto de temas que van deixando o pouso de cales foron as reflexións de cada momento histórico. E como singular, non me cabe dúbida de que un tema que espertou moito interese e que probablemente seguirá a espertalo no futuro, e é a mellor documentación que hai sobre ese debate, é o tema ou debate arredor do reintegracionismo. Desde as orixe Rodrígues Lapa publicou en Grial a súa visión da cuestión e foi contestado por Ramón Piñeiro en idas e voltas cunha argumentación filolóxica moi detallada, e ata Henrique Monteagudo entrou no debate. Hai unha frase publicada en Grial de que se derramou quizais demasiada tinta neste tema. Esa tinta derramouse en Grial. Nunca se refugou o debate e o rexistro das posturas se nalgún sitio está ben documentado e recollido é en Grial.
Igual que nós entrevistamos a outros medios, que outras revistas ou medios en xeral consideran dignos de relevancia? Cales son as referencias internacionais para Grial?
Hainas pero de xeito parcial. Non abundan as revistas culturais coa amplitude que ten Grial, co sentido amplo de cultura. Moitas revistas culturais teñen focos máis parciais. A London Review of Books ou a New York Review, que ademais foi fundada no mesmo ano que Grial, tamén entenden coma nós que a discusión sobre os libros é unha forma esencial do debate público. Revistas de moi longo percorrido como a francesa Esprit, máis centrada en política, en sociedade. E logo, por suposto, as revistas de espazos culturais afíns ao noso, como Jakin en Euskadi ou L'Avenç en Catalunya.
Que futuro espera ao xornalismo, á creación ou reflexión arredor das ideas de tipo artesán, fronte a Intelixencia Artificial?
Ten futuro se non intenta competir en terreo alleo, que é o da inmediatez, o volume ou a tradución constante. A loita ten que ser a do rigor, a calidade, o contexto, a aposta pola permanencia e por facer un repositorio cultural de valor. Eu creo que a cultura, o pensamento que vai conformando identidades, procesos históricos, ten uns ritmos que requiren o pensamento. O noso papel é pensar a intelixencia artificial, como debate bioético, como tema literario. Nós tamén queremos pensar a intelixencia artificial. Posiblemente a intelixencia artificial tamén poida pensarse a si mesma, pero de momento se algún sentido ten que exista é posta ao servizo do ser humano. De momento non vexo un Grial dirixido por IA. Ao mellor algún día existirá cultura de intelixencia artificial para intelixencias artificiais, non o sei.
Que papel xogan as axudas públicas na edición de Grial?
"Galaxia desde a súa concepción non ten ánimo de lucro, pero é certo que desde hai moito tempo Grial non dá perdas"
Pregúntasme por unha parte que recoñezo que non controlo moito. Pero si sei algo como directora da revista que a fin de ano é importante ter o número moi en prazo para esta cuestión da percepción de subvención. Galaxia non busca ganancias, desde a súa concepción non ten ánimo de lucro e desde logo non procura a través de Grial ganancias económicas. Pero tamén é certo que dende hai moito tempo non dá perdas. Non é algo que dea perdas internas. É certo que sosténdose tamén sobre esas subvencións e un ou dous anuncios que tamén se incorporan na revista. Vaise sostendo, que é o que se pretende.
Que pensarían Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego se hoxe abren un exemplar de Grial?
"Piñeiro e Del Riego notarían a explosión de cor da Grial actual, e supoño que como persoas curiosas que eran lerían avidamente os temas como oportunidade de ver os novos tempos"
Supoño que notarían as mudanzas visuais. Sobre todo a partir da época de Víctor Freixanes, un comunicador moi consciente, de apertura aos novos tempo. Fixo unha renovación plástica, visual, moi potente na revista. Daquela revista que a min me gusta moito, moi sobria, moi de texto, dos anos 60, a de agora ten moita forza visual, traballamos moito a ilustración gráfica. Creo que primeiro notarían esa explosión de cor. E logo supoño que como persoas curiosas que eran lerían avidamente os temas porque sería a oportunidade de ver os novos tempos, o que está a acontecer, o que nos preocupa. Verían que sección continúan. Quero pensar que estarían orgullos do que fixemos con esa revista que eles crearon con tanto mimo, con tanto traballo, e que os que vimos detrás non podemos deixar que se perda.
- Seguinte entrega: Luzes (2013) | "En Luzes sostemos que a actualidade, entendida como xerar ruído, está sobrevalorada"