Falece Xosé Vizoso, prolífico artista alén de Sargadelos

Xosé Vizoso. CC-BY-SA arraianos.com

Xosé Vizoso  faleceu apenas nove días despois de ser homenaxeado no Día da Ilustración, celebrado o 30 de xaneiro

Este 9 de febreiro é un día triste para a cultura galega. Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) faleceu este domingo, apenas nove días despois de ser homenaxeado no Día da Ilustración, celebrado o 30 de xaneiro. 

Co gallo desta homenaxe moitas persoas puideron achegarse á prolífica traxectoria de Vizoso, que foi do deseño gráfico á ilustración, pasando pola escultura, a escenografía teatral, o cartelismo, a ilustración de libros, os murais ou as caricaturas. 

A súa obra destaca polo seu poderío visual e a profunda raigame coa imaxinería e a cultura tradicional galega. Na súa etapa como deseñador e ceramista en Sargadelos marca un fito no imaxinario da fábrica de cerámicas. "Todas as pezas tiñan un porqué e unha información que as explicaba, de onde procedían e o que tentaban comunicar. Non había nada feito por azar, por iso creo que ten un valor grande", afirmou Vizoso, que considera a Isaac Díaz Pardo o seu segundo mestre. O primeiro foi escultor valenciano Puchades, o seu profesor de debuxo no Bacharelato.

Carteis de Xosé Vizoso para celebracións populares © Xosé Vizoso

Co gallo do recente recoñecemento moitas persoas puideron achegarse á prolífica traxectoria de Vizoso, que foi do deseño gráfico á ilustración, pasando pola escultura, a escenografía teatral, o cartelismo, a ilustración de libros, os murais ou as caricaturas 

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Brión remitiu este domingo un comunicado onde lamentaba o falecemento de Xosé Vizoso, “un artista irrepetíbel que soubo, coma poucos, beber da cultura popular para alimentar o seu xenio creador en ámbitos tan distintos como a escultura, a ilustración ou o deseño. E esa obra, retornada ao pobo, constitúe o seu legado imperecedoiro”, asegura.

O BNG fai referencia á recente reportaxe da xornalista de Praza.gal Ana G. Liste onde o definía como “o artista que creou unha linguaxe propia para a cultura popular”. A veracidade desta afirmación pódese constar nos cartaces deseñados por Vizoso para a romaría da Santa Minia brionesa ou das súas festas natais das San Lucas de Mondoñedo.

Pero tamén en moi variadas pezas de cerámica de Sargadelos, onde traballou catro décadas man con man con Isaac Díaz Pardo, o que o levou tamén a deseñar e ilustrar para a súa editora, Ediciós do Castro, explican desde a forza nacionalista

“Polo tanto, hoxe non é só Brión que está de loito por perder un veciño ilustre, senón tamén o pobo galego, porque a obra de Vizoso estaba profundamente apegada á nosa terra e son centos, senón milleiros, os fogares con algunha creación súa. Hoxe é un día triste para a cultura galega”, conclúen.

Inauguración da exposición enmarcada no Día da ilustración 2025, 'Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo' na Biblioteca de Galicia © Xoán Crespo / Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda ou o conselleiro de Cultura, José López Campos, tamén trasladaron as súas condolencias. “O falecemento de Xosé Vizoso, ao que xustamente lle dedicamos este ano o Día da Ilustración, supón a perda dun creador referente na historia gráfica de Galicia”, refería Rueda nun chío da rede social X.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.