"Estamos desexosas de sacar cousas novas e de seguir ideando, inspirándonos", asegura María SOA. Fillas de Cassandra chega este venres ao festival SonRías Baixas, en Bueu
🎶 EN VINTE | Fillas de Cassandra: «Queremos permitirnos errar»
📻 EN VINTE | Café Derby 21. O pasado, con Fillas de Cassandra
A vida de María SOA e Sara Faro cambiou de vez cando se coñeceron, en 2018. Desa feliz conxunción xurdiu Fillas de Cassandra, un primeiro disco e moitos proxectos, concertos e ganas de non espertar dese soño que é toda unha realidade. A gran acollida do seu disco debut, Acrópole (2023), fíxoas reinventalo nos directos para darlle unha nova vida a través do espectáculo Últimas Dionisíacas. María SOA (María Pérez. Vigo, 1996) detalla que están a traballar no seu novo proxecto, que están desexando compartir. Nas últimas semanas coñecemos o seu novo tema, D’Escarnio, e esta noite chegan a Bueu para amosarlle ao público do SonRías Baixas a destrución da Acrópole e acadar unha catarse colectiva, onde a emoción brote a mares.
Están en plena xira co novo espectáculo Últimas Dionisíacas, que revisita o exitoso Acrópole, publicado a comezos de 2023. Estamos no verán de 2024, apenas un ano en medio despois. Que pasou neste tempo?
Cando sacamos Acrópole era como un segredo que tiñamos nós, con moitas ganas de sacar pero cando saíu foi unha Acrópole que se abriu a toda a xente, que tivo unha acollida incrible. E cando pasou a xira decidimos que non queriamos abandonar esa Acrópole aínda e que queriamos darlle o tempo que se merecía pero facendo outro espectáculo, revisitando un pouco esa construción. Entón o que fixemos foi deconstruír a Acrópole a través dun último festexo, ao que chamamos Últimas Dionisíacas. Dentro deste festexo hai moitas cancións soamente para o directo. De feito, agora que xa van moitos concertos a xente xa comeza a saberse esas cancións e xa nos pregunta que cando se van subir ao Spotify e realmente o bonito é que soamente pertencen a ese momento nos directos, como moitas das outras pezas, cunha electrónica máis escura, con outro xeito de cantalas. A acollida está a ser súper boa e pola nosa parte, ao ter tamén unha escenografía que nos acompaña, dúas músicas, Tania Caamaño e Marina Vidal; as luces e demais, apoian un espectáculo que tiñamos moitas ganas de mostrar así.
Como se senten despois do boom de Acrópole?
A emoción segue exactamente igual. Aínda seguimos coa pel de galiña. Son todo novas experiencias pero é verdade que as emocións son moi moi intensas, porque as tomas de decisión son moi complicadas ás veces, e canto máis sobe o proxecto tamén é máis complicada a xestión das emocións, por exemplo entre nós, con tanta xente que agora hai de público. Entón, hai que ir resolvendo pouco a pouco, pero cando se superan e se consegue desfrutar plenamente é tan forte, que estamos desexosas de sacar cousas novas e de seguir ideando, inspirándonos.
Xa cren que merecen estar ou hai dúbidas absurdas?
Seguen como esas dúas persoas, unha que está flipando e que se pregunta se es ti realmente e outra que che di: “é que traballaches tanto que o mereces, así que gózao plenamente porque aquí estás e tes que estar aquí”. Hai escenas surrealistas cando estamos enriba do escenario e nos miramos as dúas moitas veces e poñemos unha cara como dicindo “viches a xente que hai aquí?”. E é moi bonito ter eses puntos de conexión no concerto.
Veñen de presentar o tema D’Escarnio, unha sorte de cantiga actualizada. Estamos ante unha pista do novo disco? Podemos adiantar unha revisión da lírica medieval?
Realmente non foi a intención no comezo, pero nunca se sabe. Esta foi unha canción que nos leva acompañando case desde o comezo e que pasou por moitísimas fases, cambiou de letra pero a esencia do retrouso, se se pode chamar así, que di: “queres ti calar, que con tanto ruído cústanos cantar” leva moito tempo e por fin conseguimos, despois de pasar por moitos momentos complicados e sentir esa ira, poñer todo iso aquí e saber como liberala e como pasar por todo o proceso de humildade e dicir, “quen nunca mal falou de alguén” . Cando a rematamos vimos que podía ser como unha especie de cantiga moderna. Un pouco satírica. Non está claro. Pero nós somos bastante frikis das cousas conceptuais e aínda que temos outras cousas en mente isto podería ser un camiño a tomar.
"Interésanos mesturar todas as cousas e que entre elas estean as raíces, tratalas por igual que ao resto. Asumilas para integralas na música actual, iso é o que pensamos que é máis chulo para nós"
Sería un salto duns 15 séculos na historia...
Si, total. Aproveitar todo o que se fixo con cousas modernas é tan interesante! Non só das raíces, senón do momento clásico, como da era medieval, de todo.
Son un dos expoñentes da renovación da música galega, que vive un gran momento na actualidade, pero cunha sensibildade particular á hora de integrar a música tradicional nas súas composicións.
Unha das conclusións ás que chegamos é que efectivamente non somos das que partimos da música tradicional para de aí mesturala con outras cousas senón que collemos as ferramentas da música tradicional para integralas. Revisitando outro día as nosas letras, de copla tradicional temos “Varre vasoira” e pouco máis. O interesante para nós era aproveitar as sonoridades que supoñen as pandeiretas, o xeito de formar as melodías ou facer as harmonías entre as voces. Interésanos mesturar todas as cousas e que entre elas estean as raíces, tratalas por igual que ao resto. Asumilas para integralas na música actual, iso é o que pensamos que é máis chulo para nós. E que esteamos a vivir este momento co resto da xente é incrible.
Como música de formación, estaba a ver que viña este movemento musical en Galicia ou foi unha feliz coincidencia?
Cando eu volvín de Estremadura de estudar e me xuntei con Sara xa viamos o que estaba a acontecer. Tanxugueiras estaba a facer esta remodelación, pero xa estaba Baiuca coa parte máis electrónica petándoo. E ao ver esta música a min resultábame imposible que non fose chegar a este punto porque me encanta. E pensaba: “isto está guapísimo e ten que sabelo a xente e cando o coñezan non van poder deixalo de escoitar”. Ese era o pensamento na miña cabeza. Agora ben, efectivamente vas a un concerto e ves a cantidade de xente, incluso noutros puntos de España e do mundo, cantando e gozando coa música tradicional galega, que claro, ata tan lonxe non pensaba que chegaría.
No seu caso acompañan estas novas sonoridades cunha mensaxe moitas veces en clave feminista.
Desde o comezo nunca quixemos sentar cátedra de nada. Simplemente contar as nosas vivencias. Cando nos xuntamos Sara e mais eu atopamos unhas vivencias moi sinceras e unha falta de vergoña por contar o que nos estaba pasando. Vivencias que obviamente son en contextos machistas e que moitas veces non sabes se só che pasaron a ti e chegas a ter sentimentos de culpabilidade. Pero de súpeto, falas con outras persoas coma ti e dis: “que carallo, isto teño que contalo tal e como é. Ademais, voulle meter algo de sátira nalgún momento como no caso de Varre vasoira e vou recorrer a historias que se levan contando hai moitísimo tempo para poñer en evidencia as cousas como son e que hai que seguir traballando para cambialas”.
"O noso feminismo non é intencionado. É que somos feministas e non pode ser doutro xeito"
E foi algo que callou porque son cousas que non só nos pasaban a nós, senón que lles pasaba a moita xente máis e cantalo deste xeito nos concertos axuda a desfacerse diso. Nos concertos están nun espazo onde eses comportamentos se deixan en evidencia e non pode entrar ese machismo. Nin aí nin despois. E chegamos a recibir algunha mensaxe como “cheguei co meu mozo e marchei sen el, porque me decatei que non me merezo que me traten así” e cousas deste tipo. E mesmo fóra, cando fomos a Marrocos, a música e o carácter do que nós dicimos nos concertos tamén fai chegar o noso feminismo, que non é intencionado. É que somos feministas e non pode ser doutro xeito.
Quizais algo máis adiante poidamos conseguir presentar o noso espectáculo na nosa cidade porque é algo moi emocionante para nós
Hai un efecto catártico nos concertos de Fillas de Cassandra.
Pois un pouco si, a verdade. A intención da catarse era pasar por todas as emocións e saír do concerto como a mares de emoción. Que non souberas se estás triste, se choraches, riches, se bailaches tanto que estás moi cansa, co éxtase a tope da enerxía de bailar. ..E un pouco iso si que creo que se consegue.
Este venres toca Bueu, no festival SonRías Baixas. Que van ofrecer alí?
Conseguir esta catarse, por suposto. E concretamente como no SonRías vai ser a unha hora na que o sol se estea a poñer e permita ver as luces, pois imos amosarlle á xente a destrución da Acrópole. De momento é o máis preto de Vigo que temos.
Seguen con ganas de amosar o seu espectáculo ao aire libre en Vigo.
Si. Xa fixemos o ano pasado salas en Vigo e este ano quixemos presentalo nun espazo que fose máis grande e por iso fixémolo no Mar de Vigo. Pero datas públicas non temos máis, o que nos dá bastante mágoa, pero nunca é tarde. Quizais algo máis adiante poidamos conseguir presentar o noso espectáculo na nosa cidade porque é algo moi emocionante para nós.
O ideal sería presentalo en Castrelos.
Si… pero chega un punto de insistencia que xa entra dentro do meme. Realmente non estamos enfadadas con esta cuestión nin moito menos. Ademais, para o seguinte proxecto, que sabemos que o espectáculo vai ser máis grande, seguramente xa se poida dar. Pero ao mellor tocar aí na Porta do Sol, nunhas festas de Entroido estaría guapo.
"O respecto no plano artístico está por encima de calquera enfado que poida haber. Entón así é moito máis sinxelo"
Que sorte atopar a Sara, e viceversa.
Si, foi un conxunto explosivo. Comezamos a amizade paralelamente ao proxecto. Agora, con tanta intensidade, igual xa non cedemos tanto como se cede ao comezo dunha relación. Pero, mesmo esgotadas, funciona, e cando rematamos de gravar dicimos “menudo temazo”. O respecto no plano artístico está por encima de calquera enfado que poida haber. Entón así é moito máis sinxelo. A música está por riba de todas as outras cousas e respectas a outra aínda que non esteas de máximo colegueo porque estás saturada, pero iso dános moita esperanza e tranquilidade. Saber que se pode incluso non estando a tope de felicidade nese momento vital, pero as cousas van saír ben.