Focus GalicianTunes: 26 festivais internacionais mergúllanse na música galega

Faltriqueira, actuando na presentación do Focus GalicianTunes, este mércores en Santiago © Agadic

Vinte e seis festivais dunha vintena de países de todo o mundo a mergullarse na música galega. É a cerna de Focus GalicianTunes, o programa que, aproveitando os días previos á celebración en Santiago do Womex 2016, convida programadores internacionais para "coñecer de primeira man a riqueza musical, paisaxística e gastronómica" do país.

Dez concertos na capital galega e visitas ás bodegas Martin Códax de Cambados e mais ao Aquarium, unha taberna e dúas salas de concertos na Coruña son os pratos fortes das xornadas. Presentadas en Santiago este mércores, traerán consigo "un intenso calendario de actividades", di a Axencia Galega das Industrias Culturais, que organiza o evento coa colaboración do Concello santiagués e mais da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Leilía, Os D'Abaixo, Susana Seivane, Faltriqueira, Pepe Vaamonde Grupo, Alberto Conde Human Evolution Project, Rosa Cedrón, Alejandro Varas Trío, TRIM e Sumrrá son artistas e grupos seleccionados para expoñer os seus traballos ante os programadores. Trátase, segundo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, dun "colectivo moi diverso e moi influente nos circuítos de distribución internacional" e por iso, di a edil compostelá de Turismo, Marta Lois, o Focus GalicianTunes é "un escaparate perfecto" para que artistas de Galicia "poidan demostrar que contan coa calidade óptima para competir en calquera escenario musical.

Focus GaliciaTunes celébrase xusto antes do Womex e comeza, o 16 de outubro, cun concerto de balde aberto ao público xeral

Os eventos centrados nos programadores e profesionais do sector estarán precedidos, o domingo 16 de outubro, por un concerto aberto ao público xeral, na Sala Capitol de Santiago. Alí Leilía, Os D'Abaixo e Susana Seivane presentarán, con entrada libre, algúns dos traballos que nos días seguintes amosarán aos programadores internacionais. 

"A carteleira -subliñan as institucións organizadoras- foi seleccionada entre as formacións que enviaron propostas a Womex" co "obxectivo de dar conta da calidade, variedade de estilos e potencial internacional dos nosos artistas e grupos". Focus GalicianTunes, conclúen, "complementa e reforza a oferta galega" que estará presente nas propias xornadas do Womex, certame que nesta ocasión terán os galegos Radio Cos na sección oficial, a Xabier Díaz e Narf no escenario 'Atlantic Connections' e ao Cuarteto Caramuxo e mais a Talabarte no concerto inaugural.

O concerto do 16 de outubro é aberto ao público en xeral © Agadic

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.