Nesta pasada noite estreouse Irmás na Fala, a serie web producida pola Real Academia Galega (RAG) —co apoio económico do Concello da Coruña— que conta a historia das mulleres nas Irmandades da Fala.
Dividida en catro capítulos, o primeiro deles (aquí abaixo inserido) pódese ver xa na web da RAG e en Youtube. A el seguiralle outro cada martes ata o vindeiro 28 de novembro para completar unha peza documental que tamén estará dispoñible en Nós Televisión e en Movistar Plus.
Foi o 18 de maio de 1916, como lembra a Academia, cando no local que era a sede da institución, na Coruña, se celebrou a primeira xuntanza das Irmandades da Fala, movemento chave que "abriría un novo tempo para a defensa da lingua galega e de Galicia como suxeito político, formado por agrupacións locais espalladas por todo o país que chegaron a ter unhas 700 persoas afiliadas".
'Irmás na Fala' é unha serie documental que conta a historia das mulleres nas Irmandades da Fala, das "obreiras invisibilizadas"
Malia que as escasas fotos dos seus encontros amosan practicamente só facianas masculinas, xa naquela xuntanza fundacional estivo unha muller, Micaela Chao Maciñeira, e nas súas filas houbo moitas outras compañeiras. "Elas tamén participaban nos debates políticos e loitaban polos seus dereitos como cidadás cando aínda nin se recoñecera o voto feminino", explica a RAG.
De todo isto dá conta Irmás na Fala, proposta realizada por Nós TV, con Ana Viqueira de guionista e a poeta Rosalía Fernández Rial como condutora dos catro capítulos. “A RAG dálle con esta serie continuidade, noutro soporte e con diferentes linguaxes, ao que xa reivindicamos na exposición do centenario das Irmandades (2016), Saúde e Terra, irmá(n)s!, que contaba cunha sección propia sobre as irmandiñas”, dixo este martes Margarita Ledo, secretaria da institución, na presentación da serie.
“Buscamos un xiro discursivo na xenealoxía do galeguismo e do nacionalismo, dende o albor da modernidade, coa visibilización da igualdade de xénero como constitutiva da nación, e facémolo singularizando determinadas mulleres que destacaron en eidos tan significativos como a independencia económica e o mecenado, o corpo, a educación ou a acción pública. Elas son verdadeiros modelos de todo o que caracteriza a utopía dun tempo que o fascismo quebrou: o respecto entre os pobos, os dereitos das cidadás, a organización política como expresión individual e social”, engadiu Ledo.
“Non se pode entender a historia do noso pobo sen mulleres fundamentais”, expresou na presentación o concelleiro da Coruña Gonzalo Castro, quen destacou o papel “historicamente moi relevante” que estas sempre tiveron na cidade da Coruña, á que están vinculadas catro das cinco protagonistas dunha serie que “ten moito de restauración da nosa memoria”.
As 'irmandiñas' contribuíron ao debate sobre a lingua e Galicia como suxeito político e reivindicaron os dereitos das mulleres cando aínda nin se recoñecera o voto feminino
A narración de Irmás na Fala enlíñase coas biografías de Micaela Chao Maciñeira, a “irmá pioneira”; a modista María Miramontes, mecenas de proxectos coma as Escolas de Insiño Galego; a mestra Elvira Bao, seguramente a primeira irmá que pronunciou mitins; Amparo López Jeán, presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña e primeira afiliada do Partido Galeguista nesta cidade; e a nadadora Emilia Docet, a chamada Miss España galeguista, participante no Mitin das Arengas da praza da Quintana canda figuras coma Castelao ou Otero Pedrayo.
A serie documental permite realizar “un exercicio de atoparse a unha mesma na cultura á que pertence, nesa parte da historia que o tempo quixo borrar”, dixo Rosalía Fernández Rial. “Hoxe presentamos esta serie grazas a elas, e grazas tamén a todas as investigadoras, maiormente mulleres feministas, que pescudan na súa xenealoxía”, engadiu a guionista Ana Viqueira.
A serie céntrase nas figuras de Micaela Chao, Elvira Bao, Amparo Löpez Jeán e Emilia Doncet
Irmáns na Fala conta coa participación da historiadora Encarna Otero, o historiador Xosé Alfeirán, as académicas correspondentes Ana Romero Masiá e Goretti Sanmartín; a presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo; os filólogos Emilio Xosé Insua e Dolores Vilavedra; o deseñador Pepe Barro; a actriz Iria Pinheiro Santos, creadora da obra Miss Docet; e Felipe Ruiz de Miguel, sobriño neto de María Miramontes e o seu home, o editor de Nós e rexedor republicano de Santiago de Compostela Ánxel Casal.
O documental é a historia das "obreiras invisibilizadas”, en palabras de Emilio Xosé Ínsua, dunha organización que se declarou a favor da emancipación feminina dende os primeiros compases. “Que un movemento que nace no 1916 proclame na súa primeira xuntanza xeral que a muller e o home teñen que ser iguais en dereitos dá a medida do seu compromiso, en teoría, coa causa da igualdade das mulleres. O nacemento da Sección Feminina dentro da Irmandade Coruñesa respondía a ese clima”, expón o investigador no primeiro capítulo, que ten como protagonista a Micaela Chao Maciñeira.
“Ao tempo que elas conquistan os seus dereitos, fan avanzar o conxunto das Irmandades”, reflexiona Encarna Otero, quen lembra que as irmandiñas tamén desempeñaron un papel político a nivel estatal e internacional: “Na resposta que lle dan ao manifesto da Asociación Nacional de Mujeres Españolas, as mulleres galegas reivindican que Galicia existe, póñena ao mesmo nivel cás outras nacionalidades, e propoñen un modelo federal do que logo se vai falar no Partido Galeguista”.