Unha ducia de irmandiñas
Hai tres meses Aurora Marco publicou Irmandiñas (Laiovento) un libro que afonda nas "mulleres esquecidas" das Irmandades da Fala ou que tiveron unha participación destacada no PG, no Seminario de Estudos Galegos ou nos medios de comunicación e entidades sociais ligadas ao galeguismo nos anos 20 e 30. Mulleres cuxa achega foi silenciada ou que ficou nalgúns casos reducida a unha figura de acompañamento dos seus maridos, pero que Marco rescata para que a coñezamos. Velaquí unha ducia delas, pero hai moitas máis: Ermitas López Verdes, Genoveva Casal, Antonia Pardo Méndez, Mercedes Vieito Bouza, as irmás Meléndrez Bosch, Teruca Bouza, María Elvira Fernández López ou Celia Bouzas. "Mulleres que deixaron a leira decruada e a semente botada. É tempo de recolleita", di Aurora Marco.
-
01
Micaela Chao Maciñeira
Micaela Chao Maciñeira participou no acto fundacional das Irmandades da Fala e foi a principal animadora da constitución en agosto de 1918 da Sección Feminina da Irmandade coruñesa. Ademais, actuou en diversas pezas teatrais do Conservatorio Nazonal do Arte Gallego. Para Aurora Marco, foi a “figura fulcral” do grupo das Irmandiñas coruñesas. A súa irmá Teresa Chao Maciñeira participou tamén moi activamente nas Irmandades.
-
02
Elvira Bao Maceiras
Elvira Bao militou nas Irmandades da Fala da Coruña, sendo Secretaria da súa Xunta Directiva en 1918, e tamén na Agrupación Republicana Femenina da cidade. Pero, sobre todo, foi mestra. Desenvolveu a súa actividade docente na Escola de Redes e nas Colonias Escolares do Sanatorio Marítimo de Oza desde 1920 até 1936, ano en que foi nomeada directora. Tralo golpe de estado, pasou uns meses no cárcere e foi separada definitivamente do ensino público. En 1945 puxo escola privada na súa casa do barrio coruñés de San Roque. Hoxe dá nome a unha praza na Coruña e mais a unha residencia universitaria da UDC.
-
03
María Miramontes
Costureira dende os 11 anos, María Miramontes militou nas Irmandades da Fala e en 1918 formou parte da súa Xunta Directiva. Xunto co seu home Ánxel Casal, fundou a Editorial Lar, a Editorial Nós e dirixiu as Escolas de Insiño Galego. Ademais, militou no Partido Galeguista e participou en actividades da Agrupación Republicana Feminina. Tralo asasinato de Casal, exiliouse en Bos Aires. Aurora Marco di que “se ben é certo que se dedicou ao oficio da costura, cómpre deixar de aporlle a romántica imaxe de “costureiriña linda” que salvou coa agulla, o fío e as tesouras a empresa editorial do libro galego, Nós”. “Casal fixo por Galiza máis que todos nós”. A frase de Castelao, dirixida ao editor e alcalde de Santiago Ánxel Casal, debería facerse extensíbel tamén á súa dona, destaca.
-
04
Amalia Álvarez Gallego
Amalia Álvarez Gallego foi mestra e funcionaria. Casada con Alexandre Bóveda, tralo seu asasinato ela e as súas fillas sufriron a represión do réxime franquista, sinaladas durante anos. Tivo moitas complicacións para conseguir un certificado de adhesión ao réxime que lle permitira ocupar a súa praza de funcionaria. Tralo regreso da democracia, si puido participar nas homenaxes que lle fixeron a Bóveda. "Amalia Álvarez era unha irmandiña, coma moitas outras que están no libro, e Bóveda sempre buscou a súa opinión”, escribe Marco.
-
05
Olimpia Valencia López
En 1925 Olimpia Valencia converteuse na primeira muller galega licenciada en Medicina. Fíxoo na Universidade de Santiago, onde uns poucos anos antes obtiveran o seu título as irmás Jimena e Elisa Fernández de la Vega, nacidas en Vegadeo (Asturias). Licenciada con 19 matrículas de honra e premio extraordinario, especializouse en xinecoloxía. En 1936 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil acusada de pertencer ao Partido Galeguista e de ter trato con xente de esquerdas. Con todo, seguiu traballando na súa clínica particular ata a década dos 70, con ao redor de 80 anos. A Facultade de Medicina da USC decidiu que a súa biblioteca leve o seu nome.
-
06
Jacinta Landa
Jacinta Landa foi unha das iniciadoras das Irmandades da Fala. Mestra formada nos principios da Institución Libre de Enseñanza, a finais dos anos vinte funda a Escola Plurilíngue, un centro de ensino pioneiro. Exiliouse en México. A súa filla Luísa Viqueira Landa foi unha das promotoras do Patronato de Cultura Gallega de México, da revista Vieiros ou da UPG.
-
07
Daría González García
Daría González García licenciouse en Filosofía e Letras (sección Historia) en 1935, sendo pioneira da presenza feminina na Universidade de Santiago. Foi unha das poucas mulleres que participaron no Seminario de Estudos Galegos como socia protectora. Militante do PG, non lle permitiron presentarse ás oposicións de Adxuntos de Instituto polos seus antecedentes políticos, polo que pasou á Administración do Estado e pertenceu á primeira promoción de mulleres Técnico da Administración Civil. En 1950 creou en Pontevedra o Colexio Inmaculada. Foi elixida concelleira de Pontevedra por Unidade Galega nas primeiras eleccións democráticas e foi tenente de alcalde de Cultura entre 1980 e 1983.
-
08
María Luz Morales
María Luz Morales, nada na Coruña en 1898, está considerada unha referencia para a incorporación das mulleres ao xornalismo. Foi a primeira muller na historia de España en dirixir un xornal, o catalán La Vanguardia entre 1936 e 1939, ata que Barcelona é conquistada polas tropas franquistas. Colaborou no guión da película documental L'Espoir (ou Sierra de Teruel), dirixida por André Malraux. Foi inhabilitada como xornalista e encarcerada nun convento. A partir de 1948 comezou a retomar a súa carreira profesional, destacando as súas críticas teatrais. Dálles nome a uns premios de investigación impulsados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións.
-
09
Rita Amparo López Jeán
Rita Amparo López Jeán tivo un papel moi destacado na Agrupación Republicana Femenina entre 1933 e 1936, da que foi secretaria e presidenta. En 1935 ingresou no Partido Galeguista. Co triunfo da Fronte Popular trasladouse a Soria, onde o seu home fora nomeado Gobernador Civil. Rematada a guerra, exiliouse en Francia, onde morreu en 1942. Os seus restos foron trasladados ao cemiterio de San Amaro no 2006. Carlos Pereira Martínez dedicoulle este artigo. E, igualmente, Aurora Marco relatou o exilio que sufriron as súa fillas Teresa e Amparo.
-
10
Francisca Herrera Garrido
Francisca Herrera Garrido foi a primeira muller elixida académica na Real Academia Galega, en 1945. Poeta e narradora, en 1987 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Publicou varios traballos na revista Nós e en A Nosa Terra. A temática da súa obra, maioritariamente en galego, céntrase no ruralismo, a muller como nai, e a renuncia feminina. Foi sempre fondamente relixiosa e conservadora, destacando nos seus ataques ás mulleres feministas que loitaban por conseguir o sufraxio feminino.
-
11
Emilia Docet
Emilia Docet, nada en Vigo en 1915 e finada na mesma cidade en 1995, foi deportista, modelo e foi recoñecida como Miss Galicia e Miss España en 1933. Ademais, mantivo un gran activismo político, como militante do Partido Galeguista. Foi a única muller que interveu no primeiro mitin das arengas, acto público do PG celebrado o 25 de xullo de 1934 en Compostela. Dela falounos Diego Giráldez nesta reportaxe de hai uns anos.
-
12
María Antonina Sanjurjo
María Antonina Sanjurjo Aranaz foi pioneira do deporte galego e está considerada “nai” do hóckey sobre herba en Galicia, creando en 1932 en Vigo o Atlántida Hóckey Club. Militante do Partido Galeguista, foi tamén profesora da Escola Profesional de Comercio de Vigo. En 1934 marchou aos Estados Unidos para seguir estudando e investigando. En 1939 morre de tuberculose aos 29 anos de idade.