Hai unha semana, no pleno municipal de Orihuela, PP e VOX votaron en contra da declaración institucional impulsada pola familia de Miguel Hernández que pedía a anulación do xuízo que o condenou a morte
Miguel Hernández morreu na cadea en 1941 por mor dunha sucesión de enfermidades -bronquite, tifo, tuberculose...- que sufriu tralo seu paso por diversas prisións franquistas dende 1939. O poeta nacido en Orihuela fora xulgado e condenado a morte por un consello de guerra presidido polo xuíz Manuel Martínez Gargallo, aínda que debido á intercesión de varios amigos, intelectuais e mesmo o futuro bispo de León, a súa condena foi conmutada por unha pena de 30 anos de cadea.
Nos últimos anos leváronse a cabo diversas accións simbólicas para rehabilitar a súa figura e condenar a represión que sufriu por parte da ditadura franquista. Entre elas, aprobáronse nos plenos municipais de varias localidades declaracións institucionais impulsada pola familia do poeta que reclaman a anulación dos sumarios xudiciais na súa contra. Porén, na súa propia vila natal, en Orihuela, a moción non foi aprobada debido ao voto en contra de PP e VOX e malia o apoio de PSOE, Cambiemos Orihuela e Ciudadanos.
No pleno, pediu que se eliminasen da declaración institucional as mencións ao franquismo e á Segunda República, o mesmo que VOX que, ademais, cuestionou que a morte do poeta en prisión se puidese considerar un asasinato.
En 2008 Orihuela e Kalandraka puxeron en marcha o certame co obxectivo de "estimular a creación de poesía destinada ao público infantil e homenaxear a figura do poeta oriolano Miguel Hernández"
No ano 2008 a Concellería de Educación de Orihuela e a editorial galega Kalandraka -unha das principais editoras de literatura infantil e xuvenil- puxeron en marcha o Premio Internacional Ciudad de Orihuela de Poesía para Niñas y Niños co obxectivo de "estimular a creación de poesía destinada ao público infantil e homenaxear a figura do poeta oriolano Miguel Hernández". Neste tempo converteuse nun dos certames de creación poética para público infantil máis importantes do panorama actual das letras iberoamericanas.
Entre os seus moitos poemarios está Nanas de la Cebolla, escrito en 1939 e dedicado ao nacemento do seu segundo fillo, Manuel Miguel. Dous anos antes dedicara Hijo de la luz y de la sombra ao nacemento do seu primeiro fillo, que finou aos poucos meses.
Kalandraka lembra o "compromiso político de Miguel Hernández coa causa republicana" e "a defensa dos máis débiles a través da palabra e a poesía"
Porén, ante a negativa de PP (que goberna Orihuela) e VOX de aprobar esta declaración institucional, Kalandraka anunciou este mércores a súa desvinculación do premio, pois considera "que non se dan as condicións para continuar a súa colaboración con este Concello dende o respecto absoluto á figura do insigne poeta e ao seu legado humano, intelectual e moral".
"Ante a negativa do Goberno local á xusta reparación histórica que merece Miguel Hernández e mentres non se produza unha rectificación do ditame plenario, Kalandraka deslígase deste certame"
Kalandraka lembra o "compromiso político de Miguel Hernández coa causa republicana" e "a defensa dos máis débiles a través da palabra e a poesía" e conclúe que "disociar a súa obra do contexto histórico que lle tocou vivir e das ideas polas que perdeu a vida é distorsionar a súa literatura e traizoar a memoria do autor".
A editorial subliña que "ante a negativa do Goberno local á xusta reparación histórica que merece Miguel Hernández e mentres non se produza unha rectificación do ditame plenario, Kalandraka deslígase deste certame".