"É unha novela de contrastes, entre o lixeiro, o efémero, por unha banda, e o profundo, pola outra. Quería reflectir iso: nunca estamos no mesmo estado de ánimo, por fóra podemos estar facendo algo banal e por dentro pode estarnos sucedendo un mar de fondo que nos golpea e que nos mantén en vilo"
Lois Pérez (Lugo, 1979) publica Hoxe toca Leiva? (Xerais), unha novela fresca, con moita música e que ule a verán. Un libro que mestura xéneros, tons e tempos, que navega entre o lixeiro e o profundo e entre o presente e as mobilizacións políticas da Transición. Un libro divertido e sexy co que o autor debuta na narrativa para adultos despois de varias obras de poesía: LP (2013), Long Play (2017) e Lugo Philadelphia (2023) e de literatura xuvenil: A tribo do mar (2023) e Cartas na escuridade.
Falamos con el sobre o libro e tamén -como un dos voceiros da plataforma Transfuguismo non, Democracia si- sobre a mobilización cidadá contra a moción de censura en Lugo.
Despois de presentar a novela en Vigo e Lugo a pasada semana, acompañado de Ledicia Costas e Fran Alonso , primeiro, e de Antía Otero e Martiño Noriega, despois, este xoves levou a súa obra ao Festival de Cans. Este sábado a cita é en Ribadeo (Letras no campo) e o sábado 6 chegará a presentación en Compostela, no Riquela Club, de novo con Antía Otero e Martiño Noriega. Viveiro (13 de xuño), A Coruña (data por confirmar), Pontevedra (4 de xullo) e A Illa de Arousa (data por confirmar) serán as seguintes.
A novela é unha mestura de cousas: de xéneros, de tempos, de tons. Do thriller ao intimismo, da música e a noite ao narco e de aí ao compromiso político na Transición, unha variedade que lle achega frescura. Foi algo consciente?
Quixen facer unha novela coral, con varias portas de entrada. Valéndome, sobre todo, de rexistros lingüísticos diferentes e con distintas capas narrativas a medida que se vai desenvolvendo a trama. Esta acumulación de temas penso que consegue o que se busca nunha novela: esa suspensión da incredulidade, para que o lector entre na historia.
É unha novela de contrastes, entre o presente -porque é unha novela no presente- e o pasado. Hai tamén un fluxo entre o lixeiro, o efémero, por unha banda, e o profundo, pola outra. Eu quería reflectir tamén iso: nunca estamos no mesmo estado de ánimo, por fóra podemos estar facendo algo banal e por dentro pode estarnos sucedendo un mar de fondo que nos golpea e que nos mantén en vilo. Este é tamén un libro do anhelo. Porque eses personaxes, cada un na súa situación, anhelan un cambio.
Co material que tiña, diverso, creo que lle dei forma a un falso thriller. Non quero que a literatura se consuma en favor do ritmo, digamos, senón que o que me interesa é que a literatura agrome, precisamente, ao contar o que sucede, que se revele literariamente aí. Neste senso, posiblemente é unha novela antifórmula: estou máis interesado no que lles sucede aos personaxes que nunha trama como tal.
"Posiblemente é unha novela antifórmula: estou máis interesado no que lles sucede aos personaxes que nunha trama como tal"
Ás veces a obsesión por inserir un libro nun xénero determinado dá como resultado atoparnos con novelas demasiado encorsetadas? Limita as posibilidades da propia historia?
A min o que me interesaba era recoller esa diversidade de temas, de motivos, de estados de ánimo... Hai un escenario, que é a península do Grove, a noite, os clubs musicais..., que basicamente son un escenario no que se encontran e van confluíndo a medida que vai avanzando o libro varias Galicias que coexisten no país: está a Galicia máis concienciada, pero está tamén a Galicia dos narcos, a Galicia dos pijos, a Galicia visitada polos de fóra, está a Galicia que xa non existe pero da que está aínda o recordo... Ese material humano era co que eu quería traballar.
E aí está tamén a noite, está a música, que na novela teñen unha función dobre, como un filtro máxico que incide no comportamento dos personaxes, ao estilo do Soño dunha noite de verán.
"Hai un escenario, que é a península do Grove, a noite, os clubs musicais..., que basicamente son un escenario no que se encontran e van confluíndo a medida que vai avanzando o libro varias Galicias que coexisten no país"
A música é fundamental na novela, por suposto. Falta música na literatura galega?
A min cústame imaxinar unha vida sen música. O libro é tamén unha homenaxe ás salas de concertos e á propia música, que ás veces parecen algo que non ten importancia, que non deixan pouso, pero que en realidade con unha parte fundamental do noso paso por este mundo. A música é algo importante, que nos axuda a saber máis de nós e que nos axuda a atoparnos e a construírnos como individuos. Sempre quixen impregnar a historia con cancións, con letras..., que ademais teñen esa cousa marabillosa de que a música significa cousas distintas en función de con quen a escoitas e onde a escoitas.
"O libro párase moito na memoria política da xeración de meus pais, a finais dos 70, cando tiñan vinte e pico anos. Hai aí un conflito entre o pasado e o futuro, entre as xeracións máis vellas que viviron toda a vida no franquismo e unha xeración máis nova que quere cambiar o mundo"
No libro óllase tamén cara ao pasado, á loita política na Transición. É obrigado facer un recoñecemento a esa xeración, neste caso á xeración de teus pais?
É unha época moi interesante, todas as épocas o son, pero creo que posiblemente na literatura galega esta está pouco reflectida, pouco explorada. E nese sentido, si que é un libro político, que vincula moito a nosa experiencia individual do mundo á nosa experiencia colectiva, como animais sociais que somos.
O libro párase moito na memoria política da xeración de meus pais, a finais dos 70, cando tiñan vinte e pico anos. Hai aí un conflito entre o pasado e o futuro, entre as xeracións máis vellas que viviron toda a vida no franquismo e unha xeración máis nova que quere cambiar o mundo, que quere cambialo todo. E conflito tamén pola banda das tensións que había naquel tempo na esquerda nacionalista.
"Un dos personaxes, aínda que non pode moverse quere viaxar ao pasado. Porque no pasado está todo resolto e alí nada o ameaza, o que nos ameaza sempre é un presente"
Os anos 70 e 80 quedan demasiado preto para falar deles, en contraste por exemplo coa Guerra Civil, sobre a que temos moitas máis novelas?
Claro, Tomás, un dos personaxes, aínda que non pode moverse quere viaxar ao pasado. Porque no pasado está todo resolto e alí nada o ameaza, o que nos ameaza sempre é un presente. E ese pasado é case presente, porque os últimos 70 -en termos históricos- é onte, coma quen di. De aí seguramente haxa máis tendencia a achegarnos máis ao pasado, porque canto máis nos vimos ao presente máis ameazas atopamos.
"O propio acto de ler é un acto fundamental de resistencia neste tempo e é transformador. Porque dalgún xeito, ao ler inicias un diálogo"
Esta é a túa primeira novela para adultos, despois de ter publicado nos últimos anos outras dirixidas ao público xuvenil. Estás de acordo con esta fronteira que se adoita establecer entre uns libros dirixidos á rapazada e outros aos maiores? Ten sentido?
A diferenza vén dada polo rexistro e polo ton da novela e con estas eleccións escolles dirixirte a un público ou a outro. Ao final, seguramente é mellor que os contidos abruptos os descubran nun libro e non noutro tipo de soportes que moitas veces non achegan nada bo.
Que beneficios achega a lectura á mocidade?
A lectura e as comunidades lectoras son moi importantes, claro. O propio acto de ler é un acto fundamental de resistencia neste tempo e é transformador. Porque dalgún xeito, ao ler inicias un diálogo.
"A reacción da cidadanía lucense é moi importante, pero os partidos e a sociedade civil precisan atinar moi ben os pasos que dean de aquí ás eleccións. Porque fronte aos grandes anuncios que de seguro vai facer o PP, o que a xente necesita é escoitar programas transformadores e inequivocamente de esquerdas, que apelen a esa maioría social"
Falamos agora, se che parece, sobre Lugo. Non che vou pedir unha valoración sobre a moción de censura valéndose dunha edil tránsfuga, porque entendo que ningunha persoa demócrata pode aceptar esta práctica que atenta contra a decisión expresada nas urnas, pero si sobre a reacción que tivo e e está a ter a cidadanía. Sorprendeuvos? Algo profundo se moveu na cidade?
Lugo xa tivo demasiado cos anos de Cacharro, non podemos retroceder ata aí, que é o que quere este grupo de entusiastas do baleiro, xa non sei como chamarlles. A reacción da xente en Lugo foi moi importante, penso que a cidade ten unha clara maioría social de esquerdas, que ademais recoñece unha moi boa labor deste goberno municipal de coalición de PSdeG e BNG.
A reacción da cidadanía lucense é moi importante, pero os partidos e a sociedade civil precisan atinar moi ben os pasos que dean de aquí ás eleccións. Porque fronte aos grandes anuncios que de seguro vai facer o PP, o que a xente necesita é escoitar programas transformadores e inequivocamente de esquerdas, que apelen a esa maioría social. A reacción cidadá, que transcendeu o partidismo, precisa atopar unha sintonía nos asuntos fundamentais.
Por iso cómpre entre todos facer un exercicio de pedagoxía, de memoria política do que sucedeu estes días. Porque esta moción de censura é unha práctica corrupta que non podemos validar quedando sen ir votar. Non podemos formar parte desa construción do 'inevitable', que é onde nos quere levar o PP.
"O PP non ten proxecto para Lugo. Ou alguén pode dicir algunha política pública que se vise reforzada polo PP na Xunta, na Deputación de Ourense ou na cidade de Ferrol? É o poder polo poder e a busca do beneficio propio e todo encabezado por estas políticas fake -elimino unha bandeira, elimino unha área- que só buscan a provocación"
Na túa opinión, a moción de censura pode supor un revulsivo para as forzas progresistas, que mobilice mesmo a persoas que doutro xeito non terían ido a votar?
O tema da bandeira de Palestina ou eliminar a área de promoción da lingua, coa que está caendo, denota falta de humanidade, falta de sensibilidade coa lingua propia e ignorancia. Alguén pensa que alguén que non é capaz de solidarizarse coas vítimas dun xenocidio vai ser quen de empatizar cos problemas da veciñanza das Gándaras ou vai poder resolver os problemas da xente que vive de alugueiro na Milagrosa e que malvive con dous traballos? Ou vai promover o talento cultural da cidade cando non cre na defensa da lingua propia? Sitúanse mesmo en contra de parte do seu electorado, do que ten sentido común e non é presa deste fanatismo que impera dende hai un tempo.
Si, é posible que todo o que pasou axudase a moita xente a decatarse de que por riba das diferenzas que poden existir, hai moitas cousas que á xente de esquerdas nos unen. Hai unha ilusión, unha tristeza esperanzada que está esperando que se poñan xestos e feitos a esta indignación existente para recuperar o que maioría social expresou.
O PP non ten proxecto para Lugo. Ou alguén pode dicir algunha política pública que se vise reforzada polo PP na Xunta, na Deputación de Ourense ou na cidade de Ferrol? É a nada, o poder polo poder e a busca do beneficio propio e todo encabezado por estas políticas fake -elimino unha bandeira, elimino unha área- que só buscan a provocación.