“Entre a débeda de Agadic, os recortes e a falta de perspectivas de traballo, o que nos queda é marchar para a casa. É totalmente imposible manter o circuíto de consumo teatral actual. Estamos chegando ao final dunha etapa de 30 anos de teatro”. Así de contundente se amosa, na súa análise da situación actual das artes escénicas en Galicia, o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, (AAAG), Antonio Durán ‘Morris’.
O retraso nos pagamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), unido ao dos concellos, desequilibrou as contas das compañías desde o inicio da lexislatura. En xuño do 2009 a AAAG reclamoulle ao daquela recén estreado conselleiro de Cultura Roberto Varela que fixese fronte a unha débeda xa daquela cifrada nun millón de euros. As facturas comezaron a ser aboadas tras aquelas primeiras mobilizacións do sector. Pero a débeda seguiuse acumulando máis adiante, e na actualidade atópase no mesmo punto: un millón de euros, segundo os cálculos de Agadic -600.000 euros de funcións realizadas na Rede Galega de Teatros e Auditorios no segundo semestre de 2011, e 400.000 euros de anticipos de subvencións-.
Mais a cifra pode ser máis elevada, dependendo de que conceptos se inclúan. “Non só non cobramos o anticipo das axudas á produción que nos tiñan que pagar no 2011. Eses 400.000 euros supoñen o 40 por cento da factura, pero tamén se nos debe o outro 60 por cento. Ademais duns 180.000 euros de distribución. Desde a protesta que fixemos en novembro na Cidade da Cultura non cambiou nada. Só nos din que pagarán para marzo”, asegura o presidente de Escena Galega, Salvador del Río.
O discurso do director de Agadic, Juan Carlos Fasero, apuntou sempre á mellora da distribución. Aumentando o número de funcións e rebaixando o custo de cada unha. A media de espectadores foise incrementando nos últimos anos, segundo os datos do Observatorio da Cultura Galega, até acadar uns 200 por representación -lonxe dos 370 do País Vasco no 2009, por exemplo-. O gasto medio por espectador por función situouse nese mesmo ano nos 5‘8 euros. En canto aos orzamentos para as industrias culturais, a rebaixa xeral do 2010 ao 2011 foi do 35 por cento, -de 2.190.000 euros a 1.370.000-
“É certo que hai que incidir na distribución. Pero a cuestión fundamental é que a administración non ten un plan para o teatro”, asegura Salvador del Río. “Todo o que fan é froito das presións. A Rede Galega de Teatros ten moitas deficiencias, e nós propoñemos medidas para ter máis funcións por obra, pero non nos fan caso. O orzamento que se dedica ao teatro é unha cantidade ridícula, unha miseria. E téntase confundir á xente con datos sesgados. Non hai cartos para o teatro pero si para inventar o Festival das Rías Baixas, ou para traer a Björk”, denuncia.
Para o investigador teatral e director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, (ESAD), Manuel Vieites, o problema é que “non hai unha política teatral. Non se está a aplicar ningún dos modelos recoñecidos. Falta un plan estratéxico para as artes escénicas: definir que cultura queremos e cal debe ser o rol da cultura no país. E nin en Galicia, nin en España, houbo unha política teatral que mereza tal nome. Non hai nisto unha converxencia con Europa. Mesmo en Estados Unidos están mellor”.
Vieites propón imitar “non o modelo catalán das industrias culturais” -filosofía que arrancou co bipartito e se mantén na actualidade-, senón o implementado noutros países, como Alemaña. Trátase dun sistema de residencias no que as compañías xestionan espazos públicos, ofrecendo un servizo concibido para a comunidade local no seu conxunto. En Portugal existe un modelo semellante: teatros públicos serven de espazo de produción e exhibición ás compañías residentes, que ademais organizan unha programación cultural coas súas obras e as doutros grupos.