Lingua e tecnoloxía, da man: PuntoGal e RAG lanzan unha nova edición do certame de microrrelatos

Imaxe do III Concurso de Microrrelatos © Puntogal

A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal presentaron este martes a terceira edición do seu certame de microrrelatos, unha iniciativa nacida no ano 2018 que busca "reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital". Ao igual que en edicións anteriores, os relatos deberán ter un máximo de 200 palabras e poderán enviarse durante todo o mes de febreiro, coincidindo coa campaña promocional de PuntoGal que ofrece rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE.

Na primeira edición a participación chegou aos 400 relatos, unha marca que se superou o pasado ano, con 500. RAG e Puntogal esperan incrementar aínda máis esas cifras

Na primeira edición a participación chegou aos 400 relatos, unha marca que se superou o pasado ano, con 500. Nesta terceira edición RAG e Puntogal esperan incrementar aínda máis esas cifras. "Mediante esta iniciativa pretendemos chegar a un alto número de persoas de todas as idades e de toda condición social. Aspiramos a que nestes concurso participen escritores e escritoras máis ou menos consagrados, máis ou menos profesionais, pero tamén nenos e nenas, mulleres e homes do común que se atreven a crear unha pequena historia, porque senten a necesidade de expresar unha vivencia ou un problema”, sinalou o presidente de PuntoGal, Manuel González.

Presentación do concurso de microrrelatos na sede da Real Academia © RAG

Freixanes salientou a importancia de vincular a lingua ao mundo da tecnoloxía e buscar a complicidade co idioma entre a xente máis nova

A colaboración entre a Real Academia Galega e PuntoGal xorde "para estimular o uso do idioma nestas novas formas expresivas", destacou p presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, que valorou que o dominio galego "é unha marca de identidade que nos sitúa no mundo das novas formas de comunicación e as novas tecnoloxías”.

Freixanes salientou a importancia de vincular a lingua ao mundo da tecnoloxía e buscar a complicidade co idioma entre a xente máis nova. “As novas xeracións propoñen novas formas de crear e as novas tecnoloxías instauran novos modelos de expresión, novas linguaxes. O microrrelato é un xénero especialmente representativo desta nova realidade. Esixe dominio dos recursos expresivos, control da lingua na procura da máxima eficacia posible, imaxinación, selección argumental... En pouco espazo pódense dicir unha chea de cousas. As experiencias de anos anteriores foron moi brillantes”, afirmou.

O presidente da RAG valorou que o dominio galego "é unha marca de identidade que nos sitúa no mundo das novas formas de comunicación e as novas tecnoloxías”

O pasado ano “A fiestra” foi a historia gañadora do primeiro premio na modalidade de adultos. Neste relato a súa autora, Jessica Rodríguez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, só precisou 85 palabras. O primeiro premio na modalidade xuvenil foi para o relato “Cacería nocturna”, do coruñés Óscar Fernández Freire, alumno de bacharelato do Colexio Eirís. Claudia Martínez Asenjo, alumna de sexto de primaria do CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela, mereceu pola súa parte o primeiro premio da modalidade de infantil por “O valor dos nomes”. 

Premios e categorías

Nesta terceira edición entregaranse nove galardóns, tres en cada unha das categorías distribuídas por idades. Na de infantil poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos; na de xuvenil, mozos e mozas de 12 a 17 anos; e na de adultos, calquera persoa maior de idade.

As persoas que desexen concursar deberán enviar os textos, de ata 200 palabras e en galego, ao correo electrónico actividades@academia.gal entre os días 1 e 29 de febreiro. As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos —ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros— e relacionados coa lectura. Ademais, os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.