Lucía Veiga e Luis Tosar compiten nos Goya polas súas interpretacións en 'Soy Nevenka' e 'La infiltrada'

Luis Tosar e Lucía Veiga en 'La infiltrada' e 'Soy Nevenka' CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal

Lucía Veiga foi seleccionada para competir polo Goya á mellor actriz revelación na gala que se celebrará o 8 de febreiro de 2025 en Granada. Veiga interpreta á edil do PSOE Charo Velasco no filme Soy Nevenka, de Icíar Bollaín que reconstrúe a historia de Nevenka, a primeira muller en denunciar o acoso sexual dun político no Estado. 

O papel de Luis Tosar como xefe da Policía e único contacto dunha axente infiltrada na ETA dos anos noventa valeulle unha nova candidatura ao premio Goya, neste caso como mellor actor de reparto. Tosar interpreta a un cargo policial coñecido como 'El inhumano' na película La infiltrada, que dirixe Arantxa Echevarría e protagoniza Carolina Yuste.

Fotograma do filme 'Soy Nevenka' con Lucía Veiga © Feelgood Media, Kowalski Films

A actriz e presentadora coruñesa Lucía Veiga obtivo en 2023 o Premio Feroz á mellor actriz secundaria e o Mestre Mateo á mellor interpretación feminina polo seu papel na serie de Portocabo e MovistarPlus+ Rapa, na que interpretou a personaxe de Norma. Este ano volveu recibir un galardón nos Mestre Mateo, esta vez como mellor comunicadora. Veiga segue ampliando a súa carreira como actriz e este ano rodou baixo a dirección de Paula Cons O meu Ilustrísimo Amigo, unha longametraxe de ficción baseada na relación entre Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós.

Luis Tosar podería gañar o seu cuarto Goya con La infiltrada despois dos que recibiu polas súas interpretacións en Los lunes al sol, Te doy mis ojos e Celda 211. A película conta con 13 opcións a galardón, entre eles o de mellor filme e mellor actriz protagonista, e é a segunda con máis candidaturas despois de El 47, de Marcel Barrena.

A lista de galegas e galegos nesta edición dos Goya tamén inclúe dúas curtametraxes de animación, Cafuné de Carlos Fernández de Vigo, que dirixe xunto a Lorena Ares e produce tamén con Damián Perea, Mintxo Díaz e Sergy Moreno; e Lola, Lolita, Lolaza, de Mabel Lozano, que conta con Chelo Loureiro na produción. 

Ademais, unha das 11 opcións a Goya do filme Segundo Premio ten raíces galegas. O produtor Carlos Amoedo, de La Terraza Films, opta ao premio á mellor dirección de produción pola película dirixida por Isaki Lacuesta e Pol Rodríguez baseada na banda de Granada Los Planetas. O filme La virgen roja, de Paula Ortiz, que conta a historia da galega Hildegard Carballeira, tamén opta 9 a galardóns. 

As actrices Maribel Verdú e Leonor Watling presentarán a gala de entrega dos premios Goya, que se entregarán o 8 de febreiro no Palacio de Congresos e Exposicións de Granada, onde a actriz Aitana Sánchez-Gijón será recoñecida co Goya de Honra de 2025. A lista completa das películas que compiten pódese consultar aquí

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.