Lupe Blanco triunfa nos 'Premios Galegos da Regueifa' seguindo os pasos do seu bisavó Blanco de Muíño de Seco

Entrega da primeira edición dos premios galegos da regueifa Espallarimas © Asociación Oral

O Pazo da Cultura de Carballo acolleu esta fin de semana a celebración da primeira edición dos denominados 'Premios Galegos da Regueifa EspallaRimas', unha iniciativa de La Voz de Galicia, a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Carballo e a Secretaría Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, co apoio do Grupo Calvo. 

A regueifeira de Coristanco impúxose a Suso de Xornes, Kike Estévez, Antonio de Xornes ou Séchu Sende

A gran triunfadora foi Lupe Blanco, de Coristanco, bisneta doutro gran regueifeiro, Blanco de Muíño de Seco, regueifeiro e mestre de moitos regueifeiros. Lupe Blanco, que desenvolve decote unha intensa actividade de divulgación da arte da regueifa nas redes sociais, por exemplo a través da páxina de Facebook Regueifando pola Vida, fixo honor á súa herdanza familiar e obtivo o máximo galardón do certame, competindo na categoría RegueiAstros con outros grandes nome da regueifa en Galicia, como Suso de Xornes, Kike Estévez, Antonio de Xornes ou Séchu Sende.

Lupe Blanco, que desenvolve decote unha intensa actividade de divulgación da arte da regueifa nas redes sociais e entre a mocidade

"Pois o primeiro premio da regueifa veu para a miña casa, por todas as mulleres que non quedan caladas, e seguirei loitando coa palabra contra toda violencia sexa do xeito que sexa", celebrou Lupe Blanco a través da súa conta de twitter.

Outra das categorías máis destacadas era a de RegueiNovos, na que participaban mozos e mozas que demostraron que as regueifas contan cunha canteira crecente en Galicia, en parte debido ao propio traballo de vivulgación entre a mocidade que desenvolven persoas como Lupe Blanco. O gañador de RegueiNovos foi Ignacio Lema Pazos, nun certame no que tamén competiron Óscar García Pombo, Daniel Vilas, O Chaminho; Fernando Mato Vilariño, Carmen María Taibo e Cristian Gómez Mesa.

O encontro destacou pola activa participación de mozos e mozas e tamén pola homenaxe recibida polos grandes nomes da improvisación oral de xeracións anteriores

Destacou tamén a actuación das RegueInfas, seis nenas moi novas en idade pero xa cunha boa experiencia acumulada na arte da regueifa, grazas a iniciativas levadas a cabo no IES Marco do Camballón, na Escola Semente de Compostela ou no Instituto Maximino Romero de Lema.

E, así como foi moi relevante a participación dos máis novos e novas, o encontro quixo ser tamén unha homenaxe ás persoas que nas xeracións anteriores destacaron nesta tradición de improvisación oral. Polo EspallaRimas pasaron os nomes do propio Blanco de Muíño Seco, pero tamén os de Calviño de Tallo, Mandián de Xornes ou Dolores Macías.

Carlos Alonso Pereiro, presidente da Asociación Oral de Galicia, recolleu o premio Valedor ou Valedora da Regueifa

Entregouse tamén un galardón honorífico, o premio Valedor ou Valedora da Regueifa, que busca recoñecer o labro de persoas ou entidades cunha longa traxectoria de traballo e impulso da improvisación oral. Carlos Alonso Pereiro, presidente da Asociación Oral de Galicia, recolleu a primeira edición deste galardón, nun Pazo de Cultura con moito público e as persoas máis destacadas do mundo da regueifa galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.