María Marco Covelo proclamouse este venres gañadora do premio Xerais de novela coa obra Coidadora. A escritora viguesa aborda, segundo o xurado, "un tema de actualidade, e faino desde a perspectiva de alguén que coñece ben esa profesión, de maneira que é quen de meternos na pel das persoas que o desempeñan, facéndonos partícipe da angustia que, en ocasións, provoca este traballo".
O xurado destaca 'Coidadora' de María Marco Covelo, por "distinta, atrevida e capaz de dialogar cos problemas da sociedade actual"
O xurado, que decidiu por unanimidade outorgar este premio, destaca a novela de Marco Covelo por "distinta, atrevida e capaz de dialogar cos problemas da sociedade actual" e asegura que "dará moito que falar". A autora di sentir "unha grande honra" polo galardón e destaca que recibilo coa súa primeira novela convérteo "no inicio dun camiño novo e excitante por explorar".
"Tamén dá un pouco de vertixe, mais sobre todo dáme forzas para seguir investigando nas entrañas da miña escrita para continuar a alimentala e que floreza máis forte e máis bela", explicou Marco Covelo, que recibirá o galardón, dotado con 10.000 euros e a publicación por parte de Xerais da obra, que chegará ás librarías o vindeiro mes de abril.
É o mesmo premio que recibirá Antonio Manuel Fraga, que se fixo co Jules Verne de literatura xuvenil por santoamaro, e Andrea Maceiras, gañadora do Merlín de literatura infantil con A folla azul.
No caso de santoamaro, o xurado destaca o "estilo directo, onde os diálogos áxiles e adecuados a cada personaxe son a cerna dos acontecementos" nunha historia sobre un grupo de amigos e amigas que acaban de rematar o Bacharelato. "Coa utilización dunha linguaxe próxima, clara, concisa e con intervencións nas cales figuran referentes actuais coñecidos polo lectorado, consegue manter a tensión ata as últimas páxinas", engade.
O xurado destaca o "estilo directo" e os "diálogos áxiles" de 'santoamaro' e o "fondo compromiso social" d'A folla azul'
"É un texto cunha clara vontade de conectar coa contemporaneidade. O meu traballo diario con persoas desa idade serviume como aprendizaxe e pulo para construír unha historia moi pegada á vida e (ás veces) á súa crueza", explica o autor.
Pola súa banda, e respecto a A folla azul, que narra en primeira persoa a historia de Husu Aké, unha nena pertencente ao pobo amazónico dos Tacaré, o xurado destaca o "fondo compromiso social" da novela, que é "un berro contra a desigualdade, contra a destrución dos recursos naturais, e un canto a favor da cooperación e do compromiso individual polo ben común".
"Escribín esta historia pouco antes da pandemia e creo que agora ten aínda máis vixencia. A fraxilidade de Husu, a nena protagonista, e da súa tribo é tamén a nosa. E o mesmo sucede coa súa fortaleza", explica Andrea Maceiras.