O intelectual finou en Vigo aos 97 anos de idade
Morreu Don Xesús. Xesús Alonso Montero faleceu este xoves en Vigo aos 97 anos de idade, unha vida dedicada á docencia, ao estudo e defensa da lingua e da cultura galegas e unha militancia comunista que nunca abandonou, cunha visión de clase que marcou o seu traballo noutras áreas.
A través da súa traxectoria vital, iniciada en Vigo en 1928, pódese percorrer boa parte do século XX e un bo treito do século XXI nos eidos da cultura, da política e da lingua galega. Porque Alonso Montero destacou primeiro no campo da sociolingüística con obras como O porvir da lingua galega (1968), O que cómpre saber da lingua galega (1969) ou Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973), que alertaba da dramática situación do idioma, falto sobre todo de prestixio social e de transmisión interxeracional.
Catedrático da USC e presidente da RAG entre 2013 e 2017, destacou dende os anos 60 con obras de sociolingüistica como O porvir da lingua galega (1968) ou o Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973)
Tamén levou a cabo varios estudos sobre autores galegos, comezando por Curros Enríquez, que dedicou en 1966 a súa tese de doutoramento en Salamanca, e seguindo por Rosalía, Celso Emilio, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Castelao, Luís Pimentel e outros. En total, pulicou máis de 40 obras de ensaio e como creador cultivou a narrativa en obras como Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo (1974), e tamén a poesía.
Dedicou boa parte da súa vida á docencia e foi catedrático de Lingua e Literatura Españolas de Escolas de Maxisterio en Palencia, Madrid e Lugo, onde chegou en 1960 como catedrático do Instituto Masculino (IES Lucus Augusti). Iniciouse nese momento un estreito vencello coa capital lucense que o levou a ser nomeado o pasado mes de novembro como fillo adoptivo, nun dos seus últimos áctos públicos. En Lugo pasou, segundo confesou nalgunha ocasión "os mellores 16 anos da miña vida".
En 1976 pasou a ser profesor titular de Literatura Española no Colexio Universitario de Vigo, para converterse posteriormente en profesor titular de Literatura Galega en Compostela e, finalmente, catedrático de Literatura Galega na Universidade de Santiago.
Afiliouse en 1962 ao Partido Comunista, unha militancia marxista que nunca abandonou
A política foi outra das bases imprescindibles da súa vida. Afiliouse en 1962 ao Partido Comunista e nas primeiras eleccións tras a morte de Franco, en 1977, encabezou as listas do PCG na provincia de Lugo, unha militancia no marxismo que nunca abandonou. O seu compromiso custaríalle diversos episodios de represión durante a ditadura e determinaría a escolla dalgunha das súas áreas de estudo predilectas, como as letras galegas e españolas durante a II República, a guerra civil, o franquismo e o exilio.
Ingresou na Real Academia Galega en 1993 co discurso "Manifestos" en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da Posguerra na Galicia da Terra e na Galicia Emigrante (1939-1962).. En 2013 converteuse ademais en presidente da Academia, sucedendo a Xosé Luís Méndez Ferrín. Foi elixido por apenas dous votos de diferenza a Manuel González.
Ocupou o cargo ata o ano 2017, substituído por Víctor Freixanes. A RAG destacou este xoves a Alonso Montero como "mestre de mestres e grande exemplo de compromiso coa defensa e o estudo da lingua e da cultura galegas".
Nos últimos anos foron constantes as homenaxes e recoñecementos, coma os recibidos en Vigo ou en Lugo, onde pasou 16 anos dando clase no IES Lucus Augusti
Nos últimos anos foron constantes as homenaxes e recoñecementos a un home que anteriormente xa recibira o Premio Otero Pedrayo, o Pedrón de Ouro, o Premio da Crítica de Galicia ou o Premio Trasalba. Ao devandito nomeamento como fillo adoptivo do Concello de Lugo, un acto no que se destacou o seu "papel clave na formación de xeracións de estudantes e na defensa da lingua galega" hai que sumar outra homenaxe realizada un ano antes no propio IES Lucus Augusti.
Hai dous anos tamén fora nomeado como Vigués distinguido, destacándoo o alcalde Abel Caballero como "home sabio comprometido cos valores do progresismo". E, igualmente, na Facultade de Filoloxía da USC celebrouse un acto de homenaxe no ano 2023 coincidindo co seu 95 aniversario.
Comisións Obreiras destaca a súa condición de "incansable loitador pola clase traballadora e pola memoria democrática" e a súa "traxectoria de loita e compromiso coa lingua e a cultura galegas"
Unha vez coñecida a nova do seu pasamento, comezaron a reproducirse as mensaxes públicas de condolencia, coma a xa citada a RAG ou a de Comisións Obreiras, que destacou a súa condición de "incansable loitador pola clase traballadora e pola memoria democrática" e a súa "traxectoria de loita e compromiso coa lingua e a cultura galegas".
As mensaxes foron numerosas dende o ámbito do Partido Comunista e de Izquierda Unida. O coordinador federal da formación, Antonio Maíllo, destacou que Alonso Montero "tivo lucidez ata a fin e unha envexable agudeza de análise (...) marcha un xigante da cultura galega e un comunista cabal".
De igual xeito, A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, cualificou a súa perda como “un pesar fondísimo para a cultura galega e, de maneira moi especial, para esta institución, na que desempeñou un papel determinante nos seus inicios”.
Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apuntou a través das redes sociais que "a cultura e a intelectualidade galegas perden a un dos pensadores máis relevantes da Galicia contemporánea".