Os Premios Xerais 2026 xa teñen nomes. Os de Alberto Lema, Ivana Gómez Abuín e Santiago Lopo.
'A boca do río', Xerais de Novela, trasládanos á Galicia da posguerra e á burguesía que "non se conforma co poder político e económico e tamén quere ser dona da terra, da auga e da memoria"
A editorial vén de divulgar os ditames dos tres xurados dos seus galardóns, que para o XLIII Premio Xerais de Novela acordou distinguir a obra A boca do río, de Alberto Lema. É unha historia na Galicia da posguerra na que "a burguesía franquista non se conforma co poder político e económico, senón que tamén se quere facer dona da terra, da auga e da memoria do país" a través da figura dun banqueiro que se "presenta como benfeitor" pero que agoacha "compras amañadas, cambios legais feitos á medida, expropiacións violentas a prezo de saldo e unha poderosa alianza coa Igrexa e co Caudillo".
"Sen caer en maniqueísmos nin en leccións de historia disfrazada, A boca do río propón unha ollada seria e documentada a un momento clave do noso pasado recente", salienta o xurado. A novela, destaca o autor, trata "as alianzas entre o poder político e o económico e as resistencias populares que se lle opoñen nun período marcado polo terror e polo ascenso dunha nova elite dirixente no estado franquista, os chamados tecnócratas". A orixe do libro, agrega, nace "do meu contacto directo coa zona de Belesar e San Fiz, en Chantada, do interese pola figura do Piloto e polos procesos de desposuimento e extrativismo".
A lucense Ivana Gómez Abuín, pola súa banda, é a autora da obra distinguida co XLI Premio Merlín de Literatura Infantil, A Banda da Albóndega. O libro ambiéntase en Areleira, "unha pequena vila mariñeira onde a marea deixa ao descuberto lodo, cunchas de mexillóns e segredos". Alí "Antía e o seu can Ringo atopan unha pequena caixa enferruxada enterrada na praia" que dá lugar á exploración dun enigma.
'A banda da albóndega', Premio Merlín, propón á rapazada unha "combinación dos libros clásicos de misterio e aventuras cunha mirada fonda e agarimosa á memoria, á amizade e ao poder das historias"
Leva o premio pola "combinación da emoción dos libros clásicos de misterio e aventuras cunha mirada fonda e agarimosa á memoria, á amizade e ao poder das historias". "Destaca -di o xurado- pola súa linguaxe fresca e coidada, que mestura humor, emoción e reflexión sen perder nunca o ritmo da acción, a mirada infantil e o simple gozo pola aventura".
No que atinxe ao XVIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil o libro gañador é A lingua dos grifóns, de Santiago Lopo. A historia trasládanos a un continente devastado, Anterga, onde "as palabras poden salvar ou destruír", e ás vidas de Viri e Lauro, dous irmáns criados nun orfanato "onde a lingua antiga só serve para despedir os mortos". "Entre volcáns, desertos de sal e selvas cheas de perigos, Viri e Lauro descubrirán que a súa voz –e a capacidade de lembrar o que outros quixeron enterrar– é máis poderosa do que imaxinaban".
'A lingua dos grifóns', Premio Jules Verne, achega a mocidade a unha "aventura épica que dá un paso máis na fantasía xuvenil galega"
O xurado do certame salienta "a calidade da obra presentada, así como a creación dun universo orixinal e unha atmosfera inmersiva nun mundo distópico rico en detalles culturais, lingüísticos e históricos". "É unha aventura épica e vibrante, chea de maxia, amizade e resistencia, que dá un paso máis na fantasía xuvenil galega", destacan.
As tres obras serán publicadas por Xerais nos vindeiros meses. Cando xa estean nas librarías chegará a festa de entrega dos premios, o 10 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Ademais da publicación, os premios están dotados con cadanseus 10.000 euros.