O Festival Arteficial de Ribadavia, o Surfing the Lerez de Pontevedra e o Festival Alternativo Millo Verde de Redondela, finalistas na edición 2026 dos Premios Martín Códax, afástanse notablemente do concepto de macrofestival que se impuxo nos últimos anos
O Festival Arteficial de Ribadavia, o Surfing the Lerez de Pontevedra e o Festival Alternativo Millo Verde de Redondela son tres citas diferentes entre si en canto ao seu formato, estilos musicais predominante e localización, pero teñen unha cousa en común: son eventos que se afastan notablemente do concepto de macrofestival que se impuxo nos últimos anos.
Fronte á masificación doutros festivais, os prezos disparatados e a despersonalización, Arteficial, Surfing the Lerez e Millo Verde ofrecen comodidade ao público asistente, proximidade cos artistas e unha dimensión que os fai menos agresivos para a contorna. Festivais artesanais, familiares, amigables que, ademais, comparten este ano outra característica: os tres son finalistas ao Premio Martín Códax ao mellor festival, un galardón que se entregará o vindeiro mércores 27 de maio en Pontevedra.
20 anos do Arteficial
O Arteficial de Ribadavia celebra este ano o seu vixésimo aniversario. Non tivo doado chegar ata aquí e, de feito, a organización da edición 2026 estivo no aire ata hai poucos días. Non é doada a supervivencia para unha cita deste tipo. A competencia multiplicada de ducias de eventos musicais celebrados en datas semellantes -algúns xenerosamente regados por subvencións públicas e grandes patrocinios- e os cachés inflados de moitos artistas e bandas (derivados en boa medida do anterior) fan que festivais coma este parezan moitas veces barquiñas pelexando contra portaavións.
A competencia de ducias de eventos celebrados en datas semellantes -algúns xenerosamente regados por subvencións e grandes patrocinios- e os cachés inflados de moitos artistas fan que festivais coma estes parezan barquiñas pelexando contra portaavións
O Arteficial leva dúas décadas facendo cultura alternativa na comarca do Ribeiro. Hai unhas semanas lanzou publicamente un "SOS": despois de vinte nos sendo un referente da cultura autoxestionada, inclusiva e sostible no rural galego, o festival chegou a esta edición "nun contexto de especial dificultade no ámbito do financiamento". A finais de abril impulsou unha campaña de micromecenado co obxectivo de acadar os tres mil euros necesarios para a organización da cita.
17 días antes do remata do prazo fixado, Artificial superou os tres mil euros e asegurou a celebración da edición deste ano. Agora, busca aínda incrementar este financiamento para que a cita sexa o mellor posible.
O Arteficial leva dúas décadas facendo cultura alternativa na comarca do Ribeiro. Hai unhas semanas lanzou un "SOS": tras vinte nos sendo un referente da cultura autoxestionada, inclusiva e sostible no rural galego, o festival chegou a un "contexto de especial dificultade no ámbito do financiamento". Lanzou unha campaña de micromecenado
Primeiro, hai que dicir que Arteficial é unha asociación sen ánimo de lucro formada por un grupo de mozas e mozos da comarca do Ribeiro. Naceu no ano 2006 para impulsar actividades culturais, "atendendo á demanda da xuventude pero cun enfoque interxeracional" e sempre co obxectivo de poñer en valor o rural, revalorizando o conxunto histórico de Ribadavia e establecendo sinerxías con colectivos e artistas de Portugal.
Non é un evento convencional, senón que a súa singularidade radica nun modelo interdisciplinar que transcende as datas festivas, pois ao longo do ano impulsa actividades satélite que dinamizan o territorio do Ribeiro. Ademais, no propio festival a música convive con outras actividades. Ademais, non se cobra entrada e só se pide unha entrada solidaria en colaboración coa Cruz Vermella do Ribeiro,con recollida de alimentos como achega simbólica.
O Arteficial, que se celebrará en setembro, non é un evento convencional, senón que a súa singularidade radica nun modelo interdisciplinar que transcende as datas festivas, pois ao longo do ano impulsa actividades satélite que dinamizan o territorio do Ribeiro
Nas 19 edicións anteriores pasaron polo Arteficial bandas da escena galega e portuguesa (Carabela, Bala, Fillas de Casandra, First Breath After Coma, Noiserv, Surma) e propostas internacionais como Los Coronas, Def Con Dos, Austin TV (México), Gondhawa (Francia), Blaak Heat (EE.UU.) ou Mbye Ebrima (Gambia). Conta habitualmente con tres escenarios simultáneos: un ao aire libre para a convivencia interxeracional, un interior na igrexa da Madalena para formatos acústicos, e outro no centro da vila para as actuacións máis festivas.
A edición 2026 aínda non ten datas, aínda que o festival adoita celebrarse na primeira semana de setembro. Antes, para ir quentando motores e a xeito de festexo do seu vixésimo aniversario, Arteficial organiza unha xira con presentacións en Ourense (29 de maio, con concertos en escenarios emblemáticos da cidade: Secret Bridge, Café Cultural Auriense e El Pueblo), Francelos, Ribadavia (30 de maio, en A Granxa d'Outeiro). E un peche de xira en Lugo (Club Clavicémbalo) da man de Facela e A Seara, na Ribeira Sacra (O Saviñao) da mano de Abadía da Cova, e Pontevedra (Festival Surfing de Lérez) coa actuación dos franceses Mad Foxes.
Millo Verde, esta fin de semana
O Festival Alternativo Millo Verde celébrase esta fin de semana en Cesantes (Redondela). Variedade de estilos, prezos populares e actividades paralelas son as súas marcas de identidade
O Festival Alternativo Millo Verde leva tamén organizándose case vinte anos. Esta mesma fin de semana (é un dos festivais máis madrugadores do país, anticipando o verán) celébrase en Redondela a súa edición número 19. Dende o xoves pasaron pola Área Recreativa de Cesantes nomes como Nadie González, Pladür, La Chiva Gantiva ou Pan de Capazo, entre moitas outras bandas e artistas. E este sábado é a quenda de Rebeliom do Inframundo, Alpargata, FÜLÜ ou Catalina grande, piñón pequeño.
A diversidade de estilos e de procedencias é, coma sempre, un dos puntos básicos do festival. Ao igual que no Arteficial, a música non é a única proposta (aínda que si a principal), pois ao redor do evento organízanse múltiples actividades culturais e deportivas.
O festival presenta prezos populares: 30 euros o abono para venres e sábado (o xoves é de balde) e 18 euros a entrada para un día. E, ademais, ofrece zona de acampada
Millo Verde xunta forzas, así mesmo, co colectivo redondelán ArteLixo, co que xa en abril organizou concertos e outras actividades, entre elas a XVIII edición do seu concurso de maquetas.
Surfing the Lerez, a romaría do rock&roll
O Surfing the Lerez preséntase como unha "romaría do rock&roll" á beira do río Lérez
O Surfing the Lerez preséntase como unha "romería do rock&roll" á beira do río Lérez, celebrándose todos os anos no fermoso espazo da Illa das Esculturas de Pontevedra, a apenas 20 minutos a pé dende o casco histórico da cidade. A cita comezou a organizarse no ano 2011 en 2013 trasladouse á actual localozación. O pasado ano recibiu o Premio da Industria Musical de Galicia ao mellor evento musical.
A súa edición 2026 chegará os días 12 e 13 de xuño, con entrada de balde (e recollida solidaria de alimentos, igual que o Arteficial) e nomes coma os de The Rapants, Grande Amore, Portosanto, Camellos, Colectivo da Silva, Cora Yako, Freedonia, The Limboos, 9Louro, Familia Caamagno, Mad Foxes, EmeDj ou Galician Army.
Con catro escenarios, en total, trátase dun festival familiar, con zona infantil, zona gastronómica, mercado emerxente e unha completa programación para os e as máis pequenas o venres 12. Ademais, os concertos desenvólvense durante todo o día, xa dende antes da hora do xantae.