Pódese dicir que Beramendi escolleu ser galego e, dende esta escolla, exerceu o galeguismo de forma intensa, contribuíndo notablemente ao desenvolvemento da cultura do país e, sobre todo, ao coñecemento e difusión da súa historia
Esta noite faleceu Justo Beramendi. O historiador, que este 16 de xullo ía facer 83 anos, morreu de forma repentina en Santiago de Compostela deixando atrás unha vida dedicada á investigación histórica e á promoción cultural. Naceu en Madrid en 1941 pero afincouse en Galicia despois de realizar estudos de Enxeñaría Industrial e Tradución. Pódese dicir que Beramendi escolleu ser galego e, dende esta escolla, exerceu o galeguismo de forma intensa, contribuíndo notablemente ao desenvolvemento da cultura do país e, sobre todo, ao coñecemento e difusión da súa historia.
Como historiador, especializouse no estudo do galeguismo e do nacionalismo, con publicacións clave sobre Vicente Risco, Ramón Villar Ponte, Manuel Murguía, Alfredo Brañas ou sobre a Revolución de 1846, e a organización de congresos científicos sobre a materias, ata chegar ao seu libro máis importante, De provincia a nación: Historia do galeguismo político (Xerais, 2007), unha magna obra de 1.200 páxinas grazas á que obtivo en 2008 o Premio Nacional de Ensaio, concedido polo Ministerio de Cultura, o Premio da Crítica de Galicia, o Premio Irmandade do Libro e o Premio da AELG na categoría de Ensaio
Como historiador, especializouse no estudo do galeguismo e do nacionalismo, ata chegar a De provincia a nación: Historia do galeguismo político (Xerais), unha magna obra de 1.200 páxinas grazas á que obtivo en 2008 o Premio Nacional de Ensaio
Non foi o seu único recoñecemento, pois ao longo da súa traxectoria recibiu tamén o Pedrón de Ouro (2008), o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda (2009) e a Medalla Castelao (2017). Catedrático emérito de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago, foi vicerreitor da USC entre 1990 e 1994, acadando a xubilación no ano 2012.
Ademais do seu traballo como historiador, mantivo unha intensa actividade en distintas institucións e entidades culturais, especialmente no Museo do Pobo Galego, do que foi fundador en 1977 e do que foi presidente do seu padroado entre 2011 e 2022, cando foi substituído por Concha Losada.
O falecemento de Beramendi causou un fondo pesar no mundo cultural e académico galego
Ademais, foi membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. Igualmente, participou na creación das revistas A Trabe de Ouro (1990) e Tempos Novos (1997) e durante a Transición política militou no Partido Socialista Galego.
O falecemento de Beramendi causou un fondo pesar no mundo cultural e académico galego, con reaccións inmediatas de institucións coma a Real Academia Galega, a Facultade de Xeografía e Historia da USC ou a Rede Cultural da Deputación da Coruña, que o cualificou como "un dos historiadores senlleiros do país".
Este xoves a partir das 10 horas o Auditorio do Museo do Pobo Galego acollerá a capela ardente de Beramendi
Este xoves a partir das 10 horas o Auditorio do Museo do Pobo Galego acollerá a capela ardente de Beramendi, un dos fundadores da institución e que ocupou distintos cargos de responsabilidade, primeiro como secretario (1976-1986), despois como presidente da Xunta Reitora (2000-2011) e finalmente como presidente do Padroado desde 2011 ao 2022. Ás 13 horas terá lugar un acto na súa memoria no mesmo Auditorio do Museo do Pobo, tras o que será incinerado na intimidade familiar. No ano 2022 o Museo homenaxeouno coa publicación do libro Justo Beramendi. Galego por elección e no 2023 recibiu a insignia de ouro do MPG.
Sobre a súa actividade -tanto a académica e investigadora coma a puramente cultural- pairaba un obxectivo común, declarado en varias ocasións, de que "a sociedade non esqueza de onde vén"
Sobre a súa actividade -tanto a académica e investigadora coma a puramente cultural- pairaba un obxectivo común, declarado en varias ocasións, de que "unha parte da sociedade non esqueza de onde vén", como destacou nesta conversa con Praza na que guiou a exposición Saúde e Terra, irmá(n)s! sobre as Irmandades da Fala, que el mesmo impulsou no Museo do Pobo Galego. Beramendi, un dos mellores coñecedores da historia da Irmandades, subliñou: "moito do que somos hoxe e damos por descontado debémosllo ás Irmandades", a comezar polo autogoberno.