No soto do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) agarda polo público un percorrido polas feridas dos últimos oitenta anos, algunhas cicatrizadas e outras que volven sangrar ao seren lembradas. Mulleres, traballo e memoria é a exposición na que a artista viguesa Mar Caldas reúne obras recentes que marcan o carácter feminista da súa ollada do colectivo ao privado.
“O meu traballo dos anos noventa tiña moito de autorrepresentación, de colocar o meu corpo na imaxe, e estas obras van ao revés: falan dos outros e teñen máis que ver cunha especie de performance que traballa para a cámara e coa secuencia fotográfica. É como envorcarme cara ás outras persoas, colocada tras da cámara”, conta Mar Caldas sobre a mostra, que permanecerá no CGAC, en Santiago de Compostela, ata o 25 de maio.
Mulleres, traballo e memoria acolle varias fotografías de mulleres do rural das series Facedoras de Bueu e Facedoras do Baixo Miño, que referencian obras de Maruja Mallo e Carlos Maside, e coas que comezou en 2017. “Incidín moito nos traballos dos coidados e no traballo no campo porque me din conta enseguida de que era algo que non consideraban traballo, se cadra por non ser remunerado ou por non ter unha forma de definilo. A emigración é a terceira pata que destaca nesta serie, porque moitas emigraron e outras o seguen a facer”, explica Caldas.
Pasou case unha década desde que retratou a esas mulleres, así que tamén é un exercicio de memoria. “Algunhas destas mulleres xa non están traballando e, ao mellor algúns deses traballos acaban desaparecendo”, apunta. Para Mar Caldas que estas fotografías estean nun museo supón un recoñecemento do traballo feminino e ten un compoñente tamén de reparación.
A fotógrafa, artista plástica e profesora de fotografía na Facultade de Belas Artes en Pontevedra conta na súa curtametraxe 12 de maio de 1937 o acontecemento máis traumático que viviu a súa familia, o fusilamento do seu avó, José Caldas, dirixente sindicalista da UGT e edil socialista do Concello de Vigo, no monte do Castro polos golpistas na data que lle pon nome á curta.
Esta peza competiu na pasada edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego e serviulle para reunir a familia e reparar entre todos a ferida nunca pechada. Converteu unha foto de familia nun pano de fondo na rúa Privada Moderna de Vigo e colocou diante unha cadeira para que pasaran por alí as catro xeracións de descendentes do seu avó.
“Agora tiraron o muro, pero antes era unha rúa sen saída nunha especie de barriada obreira no medio do Calvario, que tiña como unha estética de película de Ken Loach”, detalla sobre a rúa Privada Moderna, na que residiu a súa familia e onde decidiu reunila para ensinarlles o que tiña do documental, daquela aínda sen rematar e se a súa voz en off. “Como unha forma de reparación, coloquei o retrato único que hai da familia, no que non está miña nai porque aínda non nacera, e o ampliei a tres metros fronte á casa na que viviu a miña avoa. Funciona como un pano de fondo fotográfico e por alí pasou miña nai, que se reuniu con quen nunca puido estar na foto, e as xeracións de netos e bisnetos”, debulla Mar Caldas.
"Facendo honra á máxima feminista de que o persoal é político, as obras deste proxecto teñen contidos entrelazados que subverten aquel binomio", destaca a comisaria Monse Cea
Na exposición do CGAC pode verse a curtametraxe 12 de maio de 1937 en formato de vídeo-instalación dividida en varios monitores, así como o fotografía-mural coa cadeira que permitiu esa inédita reunión familiar, e todas as fotografías que se realizaron esas catro xeracións de Caldas ese día na Privada Moderna. “Ao lado puxen un mural de 17 metros con imaxes e documentos que contextualizan a historia do que sucedeu aquel día de 1937, que tamén vai acompañado dun audio da miña nai lendo a carta que o seu pai lle deixou á súa nai cando soubo que o ían fusilar”, explica a artista.
“En Retrato de familia destácase a tensión entre o público e o privado na historia das mulleres. Facendo honra á máxima feminista de que o persoal é político, as obras deste proxecto teñen contidos entrelazados que subverten aquel binomio”, destaca a comisaria da exposición, Monse Cea.
As xornadas Memoria democrática, feminista e laboral acompañan a exposición ao longo de marzo e abril
En Mulleres, traballo e memoria tamén hai espazo para homenaxear a súa avoa e súa nai desde os traballos que realizaron. “Fago como se foran debuxos nas aplicacións que quedaron da miña avoa sobre unha especie de postal”, sinala. No caso da súa nai, quixo contar “o que tivo que ser vivir para unha persoa desa idade vivir con todo un aleccionamento relixioso e político”.
Toda esta parte do traballo foi consensuada coa súa nai, que emocionada participou da inauguración da mostra a finais de xaneiro. “Eu véxoo como un acto de reparación”, asegura Mar Caldas, que preparou unha serie de actividades paralelas á exhibición que axudarán a profundar nos principais temas que marcan o carácter da mostra que, ao final, son universais.
As xornadas Memoria democrática, feminista e laboral acompañan a exposición. Desde o concepto de posmemoria, que abordará Verónica Estay Stange o 12 de marzo ás 18.30 horas no auditorio do CGAC, previamente á proxección de 12 de maio de 1937, de Mar Caldas, exactamente 88 anos despois do asasinato do seu avó; pasando polos mecanismos de transmisión da memoria, os lugares de memoria e a memoria do traballo feminino. Un ciclo de encontros que se desenvolverá ao longo de marzo e abril.