No seu ingreso na RAG María López Sández chama a "salvagardar o noso territorio e a lingua que o nomea”

María López Sández, na lectura do seu discurso de ingreso como membro de número da RAG © RAG

María López Sández ingresou este sábado como membro de número da Real Academia Galega nunha sesión celebrada no Círculo das Artes de Lugo na que a filóloga leu o discurso Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, que foi respondido pola académica Marilar Aleixandre. Na súa intervención, López Sández percorreu a historia da paisaxe na literatura galega, en diálogo con autores e autoras de distintas culturas e tempos diversos, e profundou na achega da xeración dos 50 ao ensaísmo e os seus precedentes, de Rosalía a Otero Pedrayo. 

María López Sández ingresou este sábado como membro de número da Real Academia Galega nunha sesión celebrada no Círculo das Artes de Lugo na que a filóloga leu o discurso Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, que foi respondido pola académica Marilar Aleixandre

A nova académica destacou que “a literatura serve para sandar, simbolicamente, a ferida da perda da vivencia da natureza” e concluíu que "só perduraremos como pobo se somos quen de salvagardar o noso territorio e a lingua que o nomea”. “A arte é un instrumento privilexiado para escoitar a natureza, mesmo para fusionarse e integrarse co mundo natural”, reflexiona a académica no discurso, que comeza percorrendo a íntima conexión da literatura galega coa natureza. “A paisaxe constitúe un dos eixos recorrentes, poida que o máis sobranceiro de todos, do pensamento galego”, dixo López Sandez, que reivindicou a descrición da natureza como parte esencial da necesidade da autorrepresentación colectiva e puxo o acento na importancia da xeración dos 50 neste labor intelectual. 

María López Sández, na sesión deste sábado na que ingresou como membro de número da RAG © RAG

A nova académica destacou que “a literatura serve para sandar, simbolicamente, a ferida da perda da vivencia da natureza”

Neste senso, o discurso de López Sández emprestou unha atención especial aos autores lucenses dese tempo (Ramón Piñeiro, Luís Pimentel, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega...), que foron parte destacada dunha xeración que construíu “unha obra coral” arredor da paisaxe. O propio Celestino Fernández de la Vega, parodiando a Ortega y Gasset afirmou “eu son eu e maila miña entrañable e íntima paisaxe luguesa”.

López Sández rendeu ademais homenaxe ao tamén lucense Darío Xohán Cabana, finado o pasado ano e cuxa cadeira pasa a ocupar. A académica lembrou o día que o viu por primeira vez en persoa, “cunha presenza solemne”, “senlleiro e contemplativo”, na mesma praza Maior que hoxe acolleu a súa recepción na RAG. A sesión arrincou gardando un minuto de silencio en memoria doutro académico de número, Salvador García-Bodaño, quen faleceu o pasado martes.

No seu discurso, a investigadora fixo fincapé en dous textos, Abrente e solpor da paisaxe, de Celestino Fernández de la Vega, e Mito e realidade da Terra nai, de Xoán Rof Carballo, dous ensaios esenciais do pensamento galego arredor da paisaxe que son unha mostra da "preocupación central" existente por este tema en toda a xeración de Galaxia e na súa escrita ensaística.

López Sández rendeu homenaxe ao tamén lucense Darío Xohán Cabana, finado o pasado ano cuxa cadeira pasa a ocupar. A sesión arrincou gardando un minuto de silencio en memoria de Salvador García-Bodaño, quen faleceu o pasado martes

“Poida que ningunha outra perda como a da vivencia da natureza teña maior potencia para expresar a saudade. A literatura serve, simbolicamente, para sandar esa ferida, para recuperarmos, por vía da intelixencia e da emoción artística, a primeira e máis esencial das perdas. E isto, que constitúe unha experiencia universal, é unha ferida recente cando falamos de Galicia. A nosa incuestionable esencia rural comezou aínda hai pouco a consumar a escisión, a facernos perder a irmandade do zume vexetal”, escribe López Sández, que chama a asumir a grande empresa colectiva de atopar “un modo de profundar no íntimo, de atopar a vía de retorno á raíz do que somos", citando a Rof Carballo.

“A paisaxe constitúe un dos eixos recorrentes, poida que o máis sobranceiro de todos, do pensamento galego”, dixo López Sandez, que reivindicou a descrición da natureza como parte esencial da necesidade da autorrepresentación colectiva

O discurso afondou tamén no ensaísmo galego, sinalando o seu xermolo no limiar de Cantares gallegos, un exemplo de “autorrepresentación radical” que “constituíu o acto político máis poderoso da Galicia do século XIX”. Así mesmo, apuntou a Ramón Otero Pedrayo como figura clave para a eclosión a mediados do século pasado dun xénero que sempre constituíu para as linguas minorizadas “o último chanzo na loita polo seu recoñecemento como códigos de pleno dereito”. A aposta de Otero Pedrayo polo ensaio en galego supuxo un xesto fundamental para a dignificación da lingua pois “puña en evidencia a súa validez para expresar calquera matiz do pensamento, por lene que fose, algo que, unha vez máis, a historia e a represión franquista semellaba cuestionar”, destacou a nova académica.

O discurso afondou tamén no ensaísmo galego, un xénero que sempre constituíu para as linguas minorizadas “o último chanzo na loita polo seu recoñecemento como códigos de pleno dereito”

Hai seis anos Marilar Aleixandre ingresou como membro de número na Academia cun discurso no que facía un chamamento a "termar da paisaxe". Precisamente foi Marilar Aleixandre deu resposta ao discurso de López Sández cunha intervención na que destacou as orixes familiares da nova académica, sinalando que “o pobo traballador e labrego, as fillas de condutores de camións, as netas das exiliadas, merecen ter voz na Academia para contar a súa propia historia”, lembrando tamén o asasinato do seu avó paterno en Xixón en 1937. 

 

Nove mulleres na Academia

María López Sández convértese deste xeito na décimo terceira muller nomeada académica de número na historia da Real Academia Galega e a novena no actual pleno da institución, que despois do falecemento esta semana de García-Bodaño conta con 27 membros, 18 homes e 9 donas. 

María López Sández, na sesión deste sábado na que ingresou como membro de número da RAG © RAG

María López Sández convértese deste xeito na décimo terceira muller nomeada académica de número na historia da Academia e a novena no actual pleno da institución, que conta con 27 membros, 18 homes e 9 donas

As mulleres seguen a ser minoritarias no pleno e neste momento ocupan exactamente un terzo dos postos. Porén, o seu número vén medrando de forma sostida dende hai unha década, cando unicamente había catro académicas. Ademais, dende o ano 2021 son maioría na Comisión Executiva na institución.

Así mesmo, aínda queda un camiño longo ata unha posible paridade no pleno da RAG, pero a porcentaxe de mulleres na institución galega é superior á que presentan outras academias da lingua, como a española, a catalá ou a francesa.

María López Sández, profesora e escritora

Marilar Aleixandre deu resposta ao discurso de López Sández cunha intervención na que destacou as orixes familiares da nova académica, sinalando que “o pobo traballador e labrego, as fillas de condutores de camións, as netas das exiliadas, merecen ter voz na Academia para contar a súa propia historia”

A análise da importancia da paisaxe nas letras galegas centrou boa parte das principais investigacións e traballos de María López Sández dende a súa tese de doutoramento, centrada na descrición da paisaxe como unha das condicións simbólicas da nación a través de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé Luís Méndez Ferrín. Ademais, no ano 2007 obtivo o Premio Ramón Piñeiro de ensaio por Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (Galaxia, 2008).

Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC e catedrática en excedencia do ensino secundario, gañou tamén o Premio Repsol de Narrativa Breve de 2012 por A forma das nubes. E é, ademais, coautora d’O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto a Marilar Aleixandre, e coordinadora da sección “O espello das letras” da revista Grial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.