No ano 2011 había 4 mulleres no pleno da RAG fronte a 23 homes e o manifesto O xogo das cadeiras esixiu unha maior presenza das académicas. Unha década despois a incorporación de López Sández elevará a 9 o seu número
No ano 2011 centos de representantes da cultura galega asinaron o manifesto titulado O xogo das cadeiras, que esixía unha maior presenza das mulleres no pleno da Real Academia Galega. Nos meses anteriores producíranse tres vacantes na institución (Francisco Fernández del Riego, Francisco Xavier Río Barja e Olga Gallego) e ningunha delas fora cuberta por unha muller, a pesar da campaña para apoiar a candidatura de María Xosé Queizán. O pasamento de Olga Gallego en setembro de 2010 provocou que o número de académicas baixara de 5 a 4, fronte a 23 homes.
Dende entón o número de mulleres no pleno da Academia vén medrando de forma lenta pero constante, especialmente nos últimos anos. Fina Casalderrey (que ingresou en 2013), Marilar Aleixandre e Chus Pato (2017), Ana Romaní (2019), Ana Isabel Boullón (2021), María Dolores Sánchez Palomino (2022) uníronse a Margarita Ledo e Rosario Álvarez Blanco e ocuparon tamén o espazo deixado por Luz Pozo e Xohana Torres, finadas neste tempo, nuns anos nos que tamén pairou sobre a RAG a reclamación de máis homenaxeadas no Día das Letras.
O 11 de marzo López Sández ingresará como membro de número nunha sesión pública que terá lugar no Círculo das Artes de Lugo
Agora María López Sández converterase na noven muller no pleno da Academia, ocupando a vacante deixada por Darío Xohán Cabana, finado en novembro de 2021. O vindeiro 11 de marzo a filóloga e escritora ingresará como membro de número nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no Círculo das Artes de Lugo, a súa cidade natal. López Sández pronunciará o discurso titulado Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, ao que lle dará resposta en nome da institución a académica Marilar Aleixandre.
A descrición da paisaxe como unha das condicións simbólicas da nación foi o tema central da súa tese de doutoramento, da obra merecedora do premio Ramón Piñeiro e será tamén a cerna do seu discurso de ingreso na RAG,
Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC e catedrática en excedencia do ensino secundario, López Sández gañou en 2007 o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio por Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (Galaxia, 2008) e o Premio Repsol de Narrativa Breve de 2012 por A forma das nubes. María López Sández é ademais coautora d’O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto a Marilar Aleixandre, e coordinadora da sección “O espello das letras” da revista Grial.
A descrición da paisaxe como unha das condicións simbólicas da nación a través de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé Luís Méndez Ferrín foi o tema central da súa tese de doutoramento, da obra merecedora do premio Ramón Piñeiro e será tamén a cerna do seu discurso de ingreso na RAG, dando continuidade a unha liña de investigación na que seguiu a afondar atendendo os imaxinarios rurais e urbanos no campo das letras galegas en autores como Eduardo Blanco Amor e Carlos Casares e mais a análise semiótica da cartografía, subliñando a centralidade cultural do mapa de Domingo Fontán.
32% de mulleres nunha RAG que camiña de vagar cara á igualdade
Dende o 2021 as mulleres son maioría na Comisión Executiva na institución
A incorporación de María López Sández ao pleno da Real Academia Galega elevará ao 32% a porcentaxe de mulleres neste órgano da institución, que pode ter un máximo de 30 membros. As mulleres son algo menos dun terzo, unha cifra aínda cativa pero que contrasta coa realidade de hai pouco máis dunha década, cando as académicas eran tan só 4. E aínda máis se a comparación se establece co ano 2000, cando había unicamente dúas mulleres.
Nesta entrevista do ano 2016 Marilar Aleixandre, que estaba a piques de ver anunciado o seu ingreso como membro de número, destacaba que "cousas que hai anos eran aceptadas como normais, como que houbese unha ou dúas mulleres nunha institución para poder dicir que si había mulleres, hoxe enténdese que non pode ser así". Con todo, puntualizaba que "é moi importante que haxa unha maior proporción de mulleres nas institucións, pero tamén que haxa mulleres feministas".
Aínda queda un camiño longo ata unha posible paridade no pleno da RAG, pero a porcentaxe de mulleres é superior á que presentan outras academias da lingua, como a española, a catalá ou a francesa
Nos últimos anos a presenza das mulleres medrou de forma cuantitativa e tamén cualitativa, tendo en conta aquí os postos na Comisión Executiva da RAG. Dende o ano 2021 hai tres mulleres neste órgano, encargado exercer o goberno da institución. Na actualidade Margarita Ledo Andión como secretaria, Fina Casalderrey na tesouraría e Marilar Aleixandre no posto de arquiveira-bibliotecaria acompañan a Víctor Freixanes como presidente e a Henrique Monteagudo como vicesecretario. De feito, ata o 2014, cando se incorporaron Margarita Ledo (como arquiveira-bibliotecaria) e Rosario Álvarez (como tesoureira) a Executiva estivera ocupada unicamente por homes nos anos inmediatamente anteriores.
Aínda queda un camiño longo ata unha posible paridade no pleno da RAG, pero a porcentaxe de mulleres é superior á que presentan outras academias da lingua, como a española (RAE), onde as académicas supoñen o 20% dos membros (8 de 41), a catalá (a Secció Filològica do Institut d'Estudis Catalans), na que as mulleres son o 19% (9 de 48) ou a francesa (Académie Française), onde apenas son o 17% (6 de 35). O dato da RAG está moi próximo ao ten nestes momentos a academia vasca (Euskaltzaindia), con 9 mulleres entre os seus 33 membros, case o trinta por cento.