"A nosa singularidade é o que nos fai fortes"
Iván Arias, director artístico do festival WOS e un dos fundadores da produtora compostelá WORK ON SUNDAY, repasa os fitos da oitava edición deste festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal que regresa á capital galega do 11 ao 14 de setembro tras un ano de descanso forzado.
Como está a ser organizar de novo o festival despois do decidido descanso do ano pasado? Complicouse o panorama en Galicia ou para unha cita xa consolidada como o WOS non tanto?
O WOS é un festival extremadamente complexo. Eu, que dirixo uns cantos festivais máis, teño claro que tanto para min como para o equipo de comunicación e de produción, este é o festival máis duro no que todos temos traballado. É complexo porque emprega dez localizacións urbanas este ano e porque conta cunha programación de carácter internacional, e intenta traer moitas estreas e traballos comisariados para estrear en España. Nunha cidade tan pequena como Santiago de Compostela, nunha rexión periférica como Galicia, non temos un nicho de mercado tan claro aquí, hai que ir buscar un público doutros puntos da Península e doutros países. A iso sumamos complexidades loxísticas como que non hai demasiados hoteis dispoñibles en setembro porque a ocupación é alta e que temos que traballar moito co aeroporto do Porto para poder contar con artistas que están xirando nas capitais mundiais e traelos a Galicia. Son moitos condicionantes ou debilidades que presenta o festival.
Por estes motivos pararon o ano pasado e celebran agora a oitava edición?
Si, é que o ano pasado vimos triplicados os custes de produción a respecto de antes da COVID, mentres que os apoios institucionais diminuían. Tomamos a decisión de que non queriamos facer un festival máis pequeno do que fixeramos en 2023, precisabamos un descanso un pouco para repensar o proxecto.
Entón, pois estamos volvendo, é certo que coa mesma complexidade... pero moi contentos coa resposta do público. Imos esgotar entradas todos os días, con público procedente de doce ou trece países. Isto dálle moito valor á proposta do WOS porque hai xente que se despraza dende Italia ou dende Bruxelas en avión para pasar cinco días en Compostela. Seguimos tendo un nicho de carácter nacional, sendo Madrid tamén a cidade onde máis entradas vendemos de España, incluso máis que en todas as galegas. Prodúcenos satisfacción seguir posicionados a nivel internacional e nacional, a nosa singularidade é o que nos fai fortes en certo modo.
"En termos de impacto, o WOS sitúa a Compostela e Galicia no universo cultural contemporáneo"
A resposta do público é a que fai que volvese o festival, pero medrou o apoio institucional?
A ver, o apoio medrou nalgunhas administracións. Despois da cancelación do ano pasado sentamos coa Xunta para que o festival non se perdese en Galicia. Temos que mellorar, sobre todo a nivel provincial, onde non acabamos de encaixar moi ben a nivel Deputación, porque vemos outros festivais da provincia, como o Morriña ou o Festival de la Luz, que si reciben uns apoios fortes da Deputación. Temos que chegar a iso através dun convenio co Concello, e é aí onde estamos un pouco atascados agora mesmo. É certo que este é o reto para que o festival poida continuar porque non é un festival que traballe en termos cuantitativos, senón cualitativos; non supón un gran nin un mediano retorno para a produtora que o organiza, senón que é un festival que é importante que exista en Galicia, pero que require dun acompañamento institucional grande, ou polo menos moi estable. E tampouco moi grande no económico porque hai outros festivais que están recibindo grandísimos apoios no territorio. En termos de impacto, o WOS sitúa a Compostela e Galicia no universo cultural contemporáneo, creo que somos o festival galego con máis cobertura de medios internacionais.
No ecosistema de festivais hai unha liña moi marcada que, como sinala, recibe moito apoio institucional. Falamos de grandes eventos, con propostas semellantes. Neste contexto, por que é importante manter ofertas como a do WOS?
Por que é importante? É que é fundamental. Eu levo adicándome ao mundo da cultura 28 anos e este é o peor momento. Quero dicir, é o mellor momento para o entretemento, para as liñas de programación comerciais e para vender entradas; pero é o peor momento para o coñecemento, para proxectos culturais que pretenden construír e aportar ao tecido creativo local, que pretenden inspirar ao público que merca entradas para descubrir e aprender.
Cun enfoque completamente cultural, trátase de ofrecer un retorno social coas nosas actividades, e isto creo que non é que sexa importante, é a liña clave. Calquera estratexia de apoio a festivais tanto en Holanda, como en Canadá ou Xapón, a tipoloxía de festivais que apoia con cartos público é esta, os outros non. En Galicia está acontecendo algo completamente extraordinario a nivel mundial, non se pode atopar unha réplica noutro país. É algo que, dende o punto de vista da xestión cultural ou das políticas culturais públicas, é complexo de comprender... Pero cada un ten unhas ideas distintas para o investimento dos cartos públicos.

"Queriamos fortalecer a presenza do festival nas naves da Fundación Laboral da Construción porque foi un espazo que abrimos en 2023 que se converteu en icónico en tan só unha edición"
Fálenos da programación, foi máis especial buscar a que artistas traer este ano precisamente polo feito de retomar o festival?
Si, tiñamos claro que para este ano o programa tiña que ser moi sólido, dentro do noso nicho, ter a capacidade de atracción de público. Temos no cartel a catro dos Djs máis importantes da escena electrónica experimental ou avant-garde: Objekt, Batu, Djrum e CCL poderían estar en festivais para dez mil persoas e témolos en Santiago nun contexto de espazos para 400, 600 ou 800 no caso de Capitol. Ter aquí a estes artistas para nós ten moitísimo valor.
Este ano queriamos ter unha programación de club potente, con Beatrice Dillon e Simo Cell que foron das primeiras confirmacións, e fortalecer a presenza do festival nas naves da Fundación Laboral da Construción porque foi un espazo que abrimos en 2023 que se converteu en icónico en tan só unha edición. Levabamos moito tempo traballando no patrimonio histórico e queriamos intervir tamén o patrimonio industrial da cidade. Estamos moi agradecidos a toda a fundación e a Fernando García Novo, o xerente, que dende o primeiro momento entendeu a nosa proposta e fai un grandísimo esforzo para poder acoller o festival nun espazo de formación.
A clave para programar está en seguir o seu instinto?
Si, escoitamos moitos discos antes de que se publiquen e tamén nos guiamos por intentar traer propostas que se estreen en Galicia ou en España. Nesta edición temos a Los Thuthanaka [estrea en Europa] na programación, que van ser o disco do ano a nivel mundial. Temos a Aya presentando hexed! con MFO facendo as visuais, que é un dos mellores artistas visuais e iluminadores de Europa. Outro disco que nos medios especializados vai destacar este ano é o de Nazar. Intentamos acomodar as propostas aos espazos e os contextos dos que dispoñemos, ao final, confeccionar o programa é como pintar nun lenzo en branco, cando comezas tes unha idea do que che gustaría e logo vas dándolle forma atendendo tamén a outras condicións como que o programa plasme realmente a diversidade de xénero e de raza, que para nós é importantísimo. Sempre estamos obsesionados en intentar ter artistas dos cinco continentes é algo verdadeiramente complexo, o que máis nos custa é Oceanía. Entendemos que un proxecto cultural ten que construírse dende aí, máis aínda cando recibes cartos públicos, que tes que atender a certas sensibilidades e programar con responsabilidade.
"Calquera institución debera esixir que un cartel dun festival que patrocinen represente a diversidade en todos os seus ámbitos"
Cre que se está esixindo o suficiente aos programadores culturais nese aspecto?
Non, e tampouco me gustaría que me digan o que teño que programar. Cando comezaron os temas das cotas de xénero foi algo que me incomodou en certo modo porque nós xa o faciamos antes, debera ser algo normal e estar instaurado no noso propio pensamento, na nosa conduta. Como sectores culturais, programadores ecomisarios temos que entender que se recibimos cartos públicos temos a responsabilidade de xerar un retorno e de visibilizar a diversidade. Nese sentido, si que creo que podería un balance de contas e resultados porque cando estás traballando con patrocinios tan grandes a empresas privadas debes ter un código de transparencia e unha ética cara á cidadanía, que ao final é quen paga. Pois tamén sería bom saber realmente as contas, porque igual se están patrocinando festivais que non precisan de diñeiro público. Calquera institución debera esixir que un cartel dun festival que patrocinen represente a diversidade en todos os seus ámbitos porque nós recibimos moitos contratos de artistas con esa cláusula de cancelación. Na nosa escena se o cartel final non reflicte a diversidade de xénero ou de raza, moitos artistas resérvanse o dereito á cancelación da súa participación. Nós tamén vivimos nunha escena moi comprometida co tema de Palestina e en contra das guerras. Evidentemente, estamos moi sensibilizados con todo o que acontece no mundo, entendendo que os proxectos culturais están aí para aportar, para construír e para que isto sexa un lugar máis habitable.
Retomando a pregunta sobre as e os artistas deste ano, había algún proxecto galego co que quixeran contar seguro?
Si, tiña moi claro que Carme López tiña que estar si ou si. É unha artista que ademais procede do tradicional, pero que sacou un disco de drone incrible. Ela é do Incio e eu son da zona de Sarria e Sober, así que somos veciños, e me apetecía que estivera no programa porque creo que temos que visibilizar tamén a estes artistas galegos para que o WOS sirva de plataforma de visibilidade do talento galego cara ao exterior.
"Contactamos con Xoán-Xil López e comezamos a darlle forma ao que se podía facer con este Organsound, que toma como referencia a potencia e a riqueza sonora dos órganos de tubos"
No marco do WOS tamén se vai presentar un proxecto de creación artística a partir da recuperación do altofalante Organsound, deseñado polos irmáns Portela Seijo en Compostela no ano 1972, en que consiste?
Pois é un proxecto premiado pola Deputación da Coruña na súa liña de proxectos singulares, e que presentamos tamén grazas ao apoio da Concellería de Mocidade de Santiago porque nun festival tan pequeno como o noso é complicado abordar actividades paralelas gratuítas para toda a poboación.
Todo vén dunha idea que tivemos Acacia Ojea, directora do programa de actividades paralelas do festival, e mais eu, que contactamos co artista sonoro e músico compostelán Xoán-Xil López e comezamos a darlle forma ao que se podía facer con este Organsound, que toma como referencia a potencia e a riqueza sonora dos órganos de tubos. A nosa intención era que a xente tivera a posibilidade dunha escoita real do sistema en cuadrafonía. Por primeira vez estaremos na Sede Afundación, que nos deixa unha sala na que se escoitará a paisaxe que Xoán-Xil creou tamén coa achega do órgano de tubos da Universidade de Santiago de Compostela. Será unha instalación de vinte minutos de duración que se poderá visitar os días do festival. Ademais, temos programados encontros especializados para poñer en valor o altofalante galego.