Jorge Rey chegou a Galicia exiliado. Por persecución política no seu país de orixe, Arxentina. Aquí tiña un amigo: Arturo Cuadrado. E fixo outros, coma Roberto Vidal Bolaño ou Tatán, ou Fernanda Cabrera. Xa era actor, mais comezou a facer teatro de bonecos. Creou, primeiro, Títeres Cachirulo, que cumpre este ano os 35. Despois, a sala Yago. Estes días celébrase a 26 edición do festival que a súa compañía puxo tamén en marcha, Galicreques. Falamos con el do Galicreques, de Cachirulo e do teatro de bonecos en Galicia.
Este ano Galicreques recupera as funcións para escolares ou a parte internacional. Parece unha volta á “normalidade”...
“O obxectivo é que haxa algunha actividade ao longo do ano que reforce o festival e que vaia creando comunidade arredor do teatro”
Si, as condicións melloraron moito: subiron os aforos… Nese aspecto non ten nada que ver co ano pasado. Volven as funcións para institutos e ademais tivemos unha resposta moi boa. Enchéronse as prazas, así que a resposta dos centros foi incrible… Non sabiamos moi ben que ía pasar porque quizais podían non querer enviar aínda o alumnado ao teatro. Canto á parte internacional, agora as compañías poden viaxar sen demasiados problemas. Antes habíaos, sobre todo cos que viñan de latinoamérica, porque as vacinas non eran compatibles… Este ano temos compañías de Brasil, Arxentina, Ecuador, Francia, Portugal, Bélxica e Salvador.
Tamén avanza na descentralización da programación. En que sentido?
Retomamos con máis programación nos barrios. É moi importante que nos barrios haxa unha programación o máis completa posible, sobre todo no rural, pois é un público que é máis difícil que poida vir a Santiago. E igual poden ir por exemplo os avós cos netos… Ademais a programación nos barrios funciona moi ben: na cidade Conxo, Vite, Santa Marta, Castiñeiriño, A Trisca, Fontiñas e Ensanche e no rural Figueiras, A Gracia, Romaño, Villestro, Marrozos…
A nosa idea, ademais, é que a programación teña continuidade ao longo do ano, a través de cursos, de compañías que poidan vir visitarnos, etc. Queremos facer política de achegamento aos barrios como fan Barriga Verde e outros colectivos. O obxectivo é que haxa algunha actividade ao longo do ano que reforce o festival e que vaia creando comunidade arredor do teatro.
O obxectivo sempre fundamental de crear públicos, non si?
É que non podemos esperar que se creen só polo que fan as institucións, que se cree público só coas políticas culturais actuais. Temos que crear un movemento nese sentido desde as compañías, colectivos… que temos que posicionarnos para que isto se faga. Porque a programación non é estable: primeiro faise, despois non… Fai falta continuidade, que pode ver a través dese labor social, asociativo, cidadán… E despois xa veremos se as persoas que deciden as políticas culturais nos apoian ou non.
Hai varias estreas neste Galicreques. Cales son?
“As propostas que temos son, en xeral, variadas e novidosas. Cun compoñente de tradición pero cunha estética nova”
A primeira foi A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro. O teatro estaba cheo e estivo moi ben. Foi moi emotivo. Ademais, estrear nun festival sempre ten riscos… Caramuxo Teatro empezaron polo 2002-2003: xa teñen unha traxectoria. Fan teatro de manipulación de obxectos, máscaras… Esta foi unha proposta con monicreques.
A segunda é a da compañía galaico-francesa Moving Compass, que xa estiveran no festival o ano pasado. Traen o mércores 13 Taçao, unha peza arriscada cuxo protagonista é Mawala, un adolescente que non se sente identificado coa masculinidade dominante. É unha obra que fala do dereito a poder escoller, da liberdade para vivir a propia sexualidade como se queira. Unha mostra de que se pode facer un teatro moderno en canto á súa proposta, con pantomima, danza, traballo corporal, máscaras, música e teatro de bonecos. Penso que pode ser unha obra importante para a xuventude.
Títeres Alakrán presentarán o xoves 14 a súa obra Desconexión. Borxa Insua, que é a alma mater desta compañía, é unha persoa con sensibilidade coa natureza, co lugar onde vivimos, coa identidade… Nesta obra fala da vida tecnolóxica na que estamos metidos e máis desde a pandemia. É unha historia sobre unha familia. Un avó que vai para unha residencia e non quere ir, unha panda que se comunica por what’s up e unha nena que ten que facer para a escola un traballo sobre castros. Están no rural e de repente marcha o sinal de internet, polo que se desata o caos… A obra fala, en fin, de como usar as novas tecnoloxías ao noso servizo sen poñernos nós ao servizo delas. Dirixímola Manuel Mansilla e eu e interprétana Borxa Insua e Alba Grande. A música é de Luis Iglesias.
As propostas que temos son, en xeral, variadas e novidosas. Cun compoñente de tradición pero cunha estética nova. O venres 15 será a estrea de Leonardo e os Biosbardos, de A Xanela do Maxín. A Xanela é unha compañía nova, ten uns oito anos. Leonardo e os Biosbardos está baseada en Os Biosbardos de Eduardo Blanco Amor. É unha peza de máscaras, sombras e monicreques de mesa.
De compañías doutros países temos Diente de leche, dos ecuatorianos Titerefue-Titiritainas, que mestura monicreques coa luz negra. A obra poderase ver o venres 15 no Centro Sociocultural de Santa Marta e o día 16, na Carpa que Galicreques que instalará un ano máis na Alameda. A outra será Te doy mis manos, do grupo salvadoreño Ocelot Teatro, que tamén se estreará en Santa Marta o xoves 14. Outra que é case unha estrea é Xurásico Perdido, de Monicreques Larei Lará e Cachirulo.
Falas de xente nova. Hai non tanto tempo non había moita compañía nova.
Si, iso mellorou moito. No festival temos por exemplo a Os Monifates, que traen Percorrendo camiños. Son dous rapaces novos que fan un teatro de bonecos semellante ao dunha compañía belga, Plansjet, que lles gustou e que viron neste festival, e que estará este ano con A danza dos monicreques. É un espectáculo con zanfona e bonecos de rúa: dous músicos ambulantes que percorren as vilas coa misión de mostrar a riqueza da música galega.
Tamén podemos salientar a de Beniko Tanaka, que trae Rapazinho de carvão. É unha artista xaponesa que estudou Belas Artes e traballa moito coa performance. Está agora en Lisboa e fai teatro de sombras cunha estética diferente, semellante ao manga. Tamén teremos este ano tres obradoiros: un con Beniko Tanaka, outro con Alba Grande e outro con Rui Sousa, que fai Teatro Dom Roberto, un tipo de teatro tradicional portugués. José Silvent, o noso Barriga Verde, estivera en Portugal e aprendera alí a facer bonecos. Rui Sousa trae tamén a Galicreques o espectáculo Fíos máxicos.
Que conseguiu e non conseguiu Galicreques? Xa son 26 anos de festival.
“Non conseguimos que houbese unha certa regularidade na programación, sobre todo para xente nova e adultos”
A verdade é que estamos contentos porque despois de 26 edicións ter un festival con estreas tan boas, con compañías galegas con xente nova, etc, é o mellor que nos podía pasar. E se agora hai xente nova isto vai continuar. E algo niso tivemos que ver nós: puxémonos a traballar para que houbese relevo xeracional e conseguímolo.
Despois tamén hai cousas que non conseguimos, como que a casa de monicreques sexa un feito. Kukas xa propuxo a idea dunha casa que serviría para acoller o seu patrimonio e tamén de espazo de formación, de exhibición e de creación de proxectos. Un centro integral de teatro de bonecos. Tampouco conseguimos que houbese unha certa regularidade na programación, sobre todo para xente nova e adultos. Hai moi pouco.
É outra cousa, pero un museo había en Lalín…
De bonecos e xoguetes. Estivo pechado. A compañía que o fundou, Viravolta, xa non está no proxecto, pero penso que vai seguir adiante coa xente que está agora.
Viravolta son dos veteranos, coma vós, Cachirulo, que facedes xa 35 anos. Ti viñeches a Galicia cando a situación política no teu país de orixe, Arxentina, estaba moi difícil…
“Eu tiven que marchar de Arxentina indocumentado. Fun por Paraguay, por Brasil, onde conseguín a documentación, e despois fun a Madrid”
Empezamos no 1985, si. Eu tiven que marchar de Arxentina indocumentado. Fun por Paraguay, por Brasil, onde conseguín a documentación, e despois fun a Madrid. Vin a Galicia coñecer unhas tías que tiña aquí. Coñecía tamén a Arturo Cuadrado, que xa o coñecera en Arxentina. Arturo fora o secretario de Ánxel Casal, o alcalde de Santiago. Era amigo de Lorca, de Dieste, de Seoane, etc. Vin para Santiago e coñecín a Roberto Vidal Bolaño, que me contratou en Teatro Antroido. Eu xa fixera teatro de actor en Arxentina. Co teatro de bonecos comecei ao coñecer a Fernanda Cabrera. Coñecín tamén entón a Tatán e a a Rafael Vázquez. Hoxe, o fillo de Fernanda e Rafael, Ero Vázquez, segue con Trécola, a compañía que fundaron seus pais.
Nese momento non había moito teatro de bonecos por aquí… Matarile empezaron no teatro de monicreques.
Si, Matarile facían bonecos para vender, de artesanía. Estiveron tamén na Asociación Galega de Titiriteiros. Nese momento estaba César Lombera, con Titirití, e Kukas e Trécola. E había en Lugo unha compañía de teatro afeccionado, Papaventos.
A sala Yago foi un proxecto tamén voso, de Cachirulo. Cunha historia longa: cine, despois cine-teatro, logo peche e tempo despois intentos de ocupación para recuperar o espazo para a cultura…
“O da sala Yago foi un tempo moi bonito e moi estimulante. Tiñamos teatro, cine, bonecos, cursos… Era un proxecto moi completo que posibilitou moitas cousas”
Naquel momento estaban en Santiago a Sala Nasa, de Chévere, e a Galán, de Matarile. Nós estabamos buscando un espazo e decidímonos pola sala Yago. Foi un tempo moi bonito e moi estimulante. Tiñamos teatro, cine, bonecos, cursos… Era un proxecto moi completo que posibilitou moitas cousas, como o nacemento da revista Bululú, a primeira publicación de teatro de bonecos e de obxectos. Agora está tamén Fantoche, inspirada en Bululú.
A sala Yago pechou porque o decidiron os propietarios e pechada quedou. Tampouco quizais vós volveriades agora mais, que debería pasar con ela?
Nós xa fixemos o que había que facer no noso momento. Pero dende logo é unha sala máis de Santiago que leva moitos anos pechada e habería que buscar unha fórmula para recuperala, fose a compra, a expropiación forzosa ou o que fose. Hai xente nova que podería xestionala perfectamente. Nós xa somos maiores para iso. Pero se alguén o fixese podería contar coa nosa axuda, claro. Foi moi duro para nós perder a sala.
Unha vez o goberno de Fraga censurou unha obra vosa…
“A Consellería de Familia acabou pedíndonos o guión dunha obra e, en canto o tiveron, non se volveu representar”
Había tres centros piloto de información para a xuventude sobre sexualidade. Estaban en Santiago, Barcelona e Madrid. Estes centros organizaban charlas. Pero moitas veces os rapaces tiñan vergoña de falar. E a falta de información era moi grande. Nós montamos unha obra na que tres enfermidades de transmisión sexual, a sida, a sífile e a gonorrea, se confabulan contra o científico que quería acabar con elas.
A obra funcionaba ben: cos monicreques os rapaces atrevíanse máis a falar. Levabámola polos institutos e unha vez unha profesora ergueuse cos seus alumnos porque non lle gustaban os contidos da obra… A cuestión é que a Consellería de Familia acabou pedíndonos o guión da obra e, en canto o tiveron, non se volveu representar. E falta facía: os rapaces pensaban que o condón se podía lavar, compartir, que se podía cortar por arriba…
E conseguise que o teatro de bonecos se deixase de ver só como teatro infantil?
“O teatro non ten que ser unha gominola na que todos son bos, porque a vida non é así”
Ben, é máis fácil argumentar que o teatro de bonecos é só para crianzas. Por outra banda, está moi ben facer versións dos contos populares, pero ten que haber máis ca Pinocho e outros clásicos porque precisamos que o teatro de bonecos conte historias novas, da sociedade de agora. Nese sentido, hai unha banalización importante desta arte. Porque o teatro non ten que ser unha gominola na que todos son bos, porque a vida non é así. Non é todo inofensivo: o lobo existe. E negalo é desvirtuar a realidade e non prepararnos para ela. Despois, que o teatro de bonecos vale tanto para o neto como para o avó. Non ten idade.
É verdade tamén que o teatro de monicreques funciona moi ben cos nenos e nenas.
“É un teatro autenticamente catárquico, que se vive moito. Nese sentido é o teatro que está máis perto da traxedia, das orixes”
Si. O actor ten que demostrar que é quen di ser, pero o boneco non. Sae, di quen é, e xa está. O teatro de bonecos ten algo primixenio, básico, que conecta con algo profundo que é a representación da figura. As reaccións son incribles, naturais. É un teatro autenticamente catárquico, que se vive moito. Nese sentido é o teatro que está máis perto da traxedia, das orixes. Nós agora estamos con A cabeza do dragón de Valle-Inclán e o efecto que produce nas crianzas é incrible: ao final queren ver o dragón mesmo os que lle tiñan medo. É algo máxico.
Falabamos antes das compañías de xente nova. Hai máis cousas, como un premio de textos teatrais, o Barriga Verde. Avanzouse bastante con respecto a hai uns anos…
O premio, que ademais son 6.000 euros, existe porque Barriga Verde e nós loitamos por el. Cando o propuxemos, a administración o que quería era colaborar, pero nós dixemos: non, ten que ser un premio institucional.
Tamén hai unha sala especializada…
A Gurugú, na Coruña, que é de teatro infantil, e fan, si, teatro de bonecos. É de Carlos Clemente Martínez Gallego, que estivo con Kukas, logo fundou Danthea…
E festivais? Ademais de Galicreques.
“Todos deberiamos tirar por todas as artes e non só polo noso”
Está o de Redondela, que vai para 22 anos, e o Titiriberia, da asociación Barriga Verde. Non sei se continuará o de Lalín. En calquera caso, ademais dos festivais precisamos unha programación estable e continuada. Debería haber ciclos para facer espectáculos cunha claridade de oferta. Porque se un día tes bonecos, outro danza, outro teatro…
Quero dicir, que sería mellor estabilizalo: pois os venres hai danza, os sábados teatro e os domingos pola mañá bonecos, por exemplo. Pero así os concellos terían que programar tres cousas cada fin de semana… E despois hai outra cousa: en Galicia hai moi bos poetas, pintores, cineastas, etc. E a xente que ten éxito e resonancia social debía ter unha conciencia de país como tiñan Seoane ou Dieste ou Castelao na súa época. E todos deberiamos tirar por todas as artes e non só polo noso.