O ano 2020 foi un ano atípico por moitas razóns, marcado pola pandemia da COVID, que obrigou a suspender ou modificar moitas actividades e eventos no eido cultural. Este ano 2021 está a significar un paseniño regreso á normalidade e así vai suceder no festival Galicreques, que se desenvolverá do 9 ao 17 de outubro en Compostela.
No 2020 as funcións escolares tiveron que ser realizadas de xeito online, por streaming
Un dos principais sinais de identidade de Galicreques nas súas tres décadas de historia (esta será a súa edición número 26) son as funcións para centros de ensino, que no pasado ano 2020 tiveron que ser realizadas de xeito online, retransmitidas en streaming. Este ano regresan en cambio as funcións presenciais, con sete en horario lectivo para o público de centros de ensino: tres no Teatro Principal, outras tres no edificio da SGAE e unha no CSO Santa Marta. Todas elas desenvolveranse atendendo con rigor as medidas de seguridade e de limitación de capacidade que estean en vigor naquela altura.
Haberá sete función en horario lectivo para o público de centros de ensino: tres no Teatro Principal, outras tres no edificio da SGAE e unha no CSO Santa Marta
No Teatro Principal a primeira función celebrarase o mércores 13 de setembro da man da compañía galaico-francesa Moving Compass; a segunda será ofrecida por Títeres Alakrán o xoves 14 e a terceira chegará o venres 15 grazas á Xanela do Maxín. A cuarta terá como escenario a Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta o venres 15 e correrá a cargo da formación ecuatoriana Titerefue-Titiritaina, que representará o seu espectáculo Diente de leche.
O festival recupera unha das súas principais vocacións: "o achegamento ás novas xeración e a creación de novos públicos para as artes escénicas en xeral e para o teatro de monicreques en particular"
Nos últimos anos en que o programa incluía funcións para centros de ensino, máis de 1.200 rapaces e rapazas asistían ás numerosas obras que se ofrecían en horario lectivo. Ademais, o alumnado procedía de centros non só de Santiago, senón tamén de municipios como Ames, Teo, Oroso, Ribeira ou Marín. Dende a organización do festival sublíñase a ledicia por este retorno dunha das súas principais vocacións: "o achegamento ás novas xeración e a creación de novos públicos para as artes escénicas en xeral e para o teatro de monicreques en particular".
O festival está organizado pola Asociación Barriga Verde co patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Agadic, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación SGAE. Para asistir como público a estaa representacións, os centros de ensino poden anotarse xa chamando aos teléfonos 981801237 e 667771147 ou contactando a través do correo electrónico: galicreques@titerescachirulo.com