O festival de títeres tradicionais Titiriberia celébrase en Rianxo do 20 ao 24 de xullo con dez espectáculos, dous deles estreas
O festival de títeres tradicionais Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebrará do 20 ao 24 de xullo en Rianxo a súa VI edición. Dez espectáculos, con dúas estreas, feitos por seis compañías galegas, unha catalá e unha exipcio-portuguesa, conforman, xunto con exposicións, presentacións de libros, obradoiros e unha mesa redonda, o programa. Debullamos os detalles con Comba Campoi, da Asociación Morreu o Demo.
O festival celébrase por segundo ano en Rianxo…
Si. O ano pasado estivo moi limitado pola pandemia. Tiñamos un público moi reducido e emitimos online os espectáculos. O concello portouse e pórtase moi ben con nós. Tivemos que marchar de Teo porque a concelleira decidiu unilateralmente que xa non lle interesaba. A escusa foi a covid, pero era só unha escusa. E por un lado é unha pena porque en Teo xa empezabamos a facer comunidade. Había asociacións culturais de distintas parroquias que xa esperaban o festival, a barraca na feira de Francos funcionaba moi ben… Conseguimos dalgunha maneira recuperar o ambiente que creaba a barraca da familia Silvent, ese espírito orixinal. Pero Rianxo tamén ten moitas posibilidades. Tamén ten moito tecido sociocultural, ten o grupo de teatro amador Airiños, é o concello de nacemento de Castelao e de Dieste…
Un dos vosos obxectivos é, de feito, implicar a veciñanza. Que pensastes, en concreto, para conseguilo?
É unha das ideas do cambio de datas. O ano pasado foi en Nadal e este ano, ao facelo no verán, podemos facer actividades ao aire libre que poden implicar a xente doutra maneira. Vai ser, ademais, descentralizado, para que non estea todo na vila, senón tamén nas parroquias, o que pode facilitar as conversas coa xente maior que teña memoria deste tipo de teatro. Temos xa unha moi boa relación con Airiños, compañía decana do teatro galego. Eles están a axudarnos, dalgún xeito, a aterrar no concello, a integrarnos no tecido sociocultural que xa existía. Tiñamos tamén a idea de que, nas parroquias nas que estaremos, houbese unha merenda despois das funcións, pero iso non vai poder facerse a causa da pandemia.
Na feira de Francos, en Teo, xa tiñamos ademais ao noso compañeiro Xosé Antón Cascudo coa súa cámara. Así que teremos unha cámara aberta por se alguén quere contarnos algo do que lembra deste tipo de teatro. De feito, en Teo gravamos varias testemuñas. Despois, na noite de varietés, que vai conducir coma sempre Iria Pinheiro e que este ano non será na barraca, senón ao aire libre, vai participar xente de Rianxo: xente de Airiños e un cuarteto da Escola Municipal de Música. Isto é tamén un xeito de favorecer que o público se achegue.
Volve ao festival Dona Barriga Verde de Larraitz, que dá volta, en canto a xénero, ás convencións do teatro de cachaporra.
“A tradición do teatro de cachaporra non é algo estancado, museístico, estático, invariable, senón que foi adaptándose ás distintas circunstancias históricas”
A tradición do teatro de cachaporra non é algo estancado, museístico, estático, invariable, senón que foi adaptándose ás distintas circunstancias históricas. E nós queremos favorecer que haxa novas versións, novas interpretacións deste teatro, de feito é un dos obxectivos da nosa asociación, Morreu o Demo. Para que o teatro de cachaporra siga sendo subversivo ten que adaptarse, remover as cuestións problemáticas de cada contexto histórico.
E se noutros momentos o poder estaba representado polo corpo eclesiástico, por exemplo, neste momento o teatro de cachaporra pode ser unha ferramenta para loitar contra o patriarcado. Aí é onde se sitúa a Dona Barriga Verde de Larraitz. É unha muller, unha heroína, que se rebela contra a autoridade patriarcal e contra o machismo e a violencia contra as mulleres. Nese sentido de buscar novas interpretacións deste tipo de teatro tivemos a AlaKrán, a Cascanueces… Tocáballe volver a Larraitz, que estará o martes 20 ás 21:00 horas no centro cultural Vicente Vidal, en Leiro.
Se xa ao teatro de monicreques pode resultarlle difícil saír dos estereotipos de teatro para a infancia, aínda é peor co teatro de cachaporra. Cres que dalgún xeito conseguistes, polo menos a nivel local, mudar iso?
“Entendeuse que o teatro de cachaporra era problemático porque se supoñía que non transmitía os valores educativos e moralizantes que se agardaba para as actividades escolares”
Eu penso que polo menos conseguimos dalo a coñecer e que se puxese o debate enriba da mesa. O propio espectáculo de Larraitz creou certa polémica, pois cuestionouse que fose axeitado para público infantil. Xa na primeira mesa redonda que organizamos, cando viñeron Títeres desde Abajo, a compañía que fora acusada de apoiar o terrorismo, tratamos este tipo de cuestións. O teatro de obxectos, de formas animadas, quedou limitado moitas veces aos circuítos escolares e entendeuse que o teatro de cachaporra era problemático porque se supoñía que non transmitía os valores educativos e moralizantes que se agardaba para as actividades escolares.
E ademais, como tampouco se considera teatro para adultos, queda un pouco en terra de ninguén. Nós o que tentamos é recuperar o ambiente orixinal de teatro popular, de feiras das aldeas, nas que había público de todas as idades. Cando se saca deste contexto é cando non se entende. Quero dicir, que hoxe podemos facer teatro de cachaporra, pero hai que entender que é un tipo de teatro para ver en familia e non deixando alí sós os nenos e as nenas mentres os pais e nais van facer outra cousa. Porque ten que haber unha recepción e unha reflexión compartida.
“Houbo un momento no que os que quedaron facendo teatro de cachaporra eran xente da Falanxe, polo que quedou tamén unha imaxe de teatro rancio, machista, violento…”
Se pensamos por exemplo nos contos marabillosos clásicos, se os analizamos desde a perspectiva de hoxe tamén nos decatamos de que din cousas terroríficas. Pero trátase do mesmo, de lelos e explicalos en familia. O teatro popular foi sempre un teatro participativo, de diálogo co público. Cando este contexto natural se perdeu foi cando deixou de entenderse o teatro de cachaporra. E despois hai outra cuestión, que é que era un teatro marxinal que foi sendo substituído polas atraccións de feira mecánicas. Houbo un momento no que os que quedaron facendo teatro de cachaporra eran xente da Falanxe, polo que quedou tamén unha imaxe de teatro rancio, machista, violento… Pero penso que polo menos en Teo conseguimos mudar todas esas imaxes. Tiñamos un público moi abondoso, sobre todo na feira.
E ademais funciona moi ben cos nenos e nenas. Tedes dúas estreas. Unha é Maldita máscara, unha produción de Indignati, a Asociación Galega de Commedia dell’Arte, na que colabora a Asociación Morreu o Demo.
Indignati levan xa tres anos colaborando no noso festival. A idea é xuntar a commedia dell’arte co teatro de cachaporra, que en realidade xa teñen moitos nexos, como coincidencias na caracterización dos arquetipos. Indignati naceu da ESAD para reivindicar a commedia dell’arte, un xénero de actor cuns patróns moi claros. Maldita máscara xurdiu dunha proposta de Nando Llera. É un monólogo que parte dunha anécdota. No 1984, o Piccolo Teatro de Milán levou a escena o seu Arlecchino servitore dei due padroni nos Estados Unidos. Á volta, o barco que transportaba os colectores coa escenografía, vestiario, atrezzo e demais viuse inmerso nunha grande tormenta na que perdeu parte da mercancía no mar... O espectáculo xunta máscaras, contos, música en directo, acrobacia… Será o venres 23 ás 20:30 no pazo do Rianxiño.
A outra estrea é Feira das Sementes, de Babaluva.
“Este ano temos só dúas compañías non galegas”
Bavaluva é a compañía de Mirari e Larraitz Urruzola. Normalmente non fan teatro de cachaporra, senón que traballan sobre todo coa oralidade, a narración oral… Pero neste espectáculo si que introducen o teatro de cachaporra nalgunha escena. É a historia de Mirari, unha vasca afincada en Galiza que vai polo país ca súa feira de sementes, que troca por outras ou por un conto, unha canción, unha adiviña… Esta vez, en troca dunhas sementes, representará con monicreques A proba da semente e Garavanciña e o esquío. Este espectáculo fala de como as multinacionais tentan homoxeneizar o mercado das sementes tradicionais. Para denunciar este feito, representarán con monicreques de cachaporra O rapto do centeo. Será o sábado 24 ás 21:00 horas no Pazo do Rianxiño. Ese mesmo día ás 12:00 horas no Auditorio teremos os retrocontos de La Fábrica Fantástica, de Cataluña. Este ano temos só dúas compañías non galegas.
Como será este espectáculo? A outra compañía non galega é exipcio-portuguesa...
É un espectáculo de teatro de sombras feito a partir de textos de Gianni Rodari. O teatro de sombras é unha técnica fundamental do teatro de títeres e nós temos especial interese en que no noso festival estean presentes un abano amplo de linguaxes e de técnicas. Retro Contes mestura monicreques, teatro de actor e proxeccións. É a historia dun pai e da súa filla que viven separados e que manteñen relación a base de contos. A outra compañía é Habib e Valeria, que traen o xoves 22 ás 12:00 no Auditorio O dia em que a morte sambou, unha historia de encontros coa morte. Neste caso, tamén é teatro de sombras chinesas, nunha historia en portugués. Seu Biu é un vello moi alegre que vive bailando e cantando. Pero un día a Morte decide ir buscalo. Este espectáculo xunta a tradición do teatro de sombras de Exipto cunha lenda tradicional brasileira.
Un dos “clásicos” do festival é o espectáculo de variedades presentado por Iria Pinheiro. Como será este ano?
“Este ano o varietés non se fará na barraca de Barriga Verde, senón ao aire libre, no patio do CEIP ADR Castelao”
Como dicía antes, este ano non se fará na barraca de Barriga Verde, senón ao aire libre, no patio do CEIP ADR Castelao, o venres 23 ás 23:00 horas. Será nun escenario móbil tipo orquestra. Haberá canción, monicreques, circo, teatro cómico… A música ao vivo estará a cargo do cuarteto da Escola Municipal de Música de Rianxo, coordinado por Bernal Muíños. Haberá un sketch de Airiños e participarán Larraitz, Tero Rodríguez e Lucho Penabade cun número feito a partir do texto que gañou o premio Barriga Verde de textos para monicreques, República Sideral, de Esther Carrodeguas. O libro xa está publicado e así presentámolo tamén dentro do varietés. Tamén estarán a artista de clown Malala, Rafa Rey e Títeres Alakrán. Teremos outra presentación dun libro, o 24 de xullo ás 20:30 no pazo de Rianxiño. Fábulas de montaña, de Inacio Vilariño, un libro convertible a teatro de papel baseado nas fábulas en verso de Concepción Arenal.
Haberá tamén tres exposicións. E unha mesa redonda.
Si, no Auditorio. Unha é recente e as outras dúas xa estiveran. Unha é sobre a historia de Barriga Verde, outra sobre a tradición europea na que se inscribe o traballo da familia Silvent e outra sobre a propia familia Silvent. A mesa redonda, o 22 ás 20:00 horas no pazo de Rianxiño, será sobre a relación ou máis ben ausencia de relación entre o o teatro de monicreques e os medios de comunicación. Estarán Xoán Carlos Rioboo, da revista de teatro Erregueté, Jorge Rey, que foi director durante anos da revista especializada Bululú e a xornalista cultural e investigadora teatral Lara Rozados.
No programa, entre as compañías galegas, hainas máis e menos coñecidas. Alakrán farán animación de rúa o venres 23 a partir das 22:00 horas na contorna do CEIP ADR Castelao.
“Son espectáculos que adoitan ter unha distribución non tan institucionalizada e moverse en circuítos concretos”
Pois precisamente por seren compañías de teatro de monicreques poden ser menos coñecidas. Trécola, que estarán o 21 ás 12:00 horas no campo do Souto, Isorna, con Sidulfo e o diaño, é tamén unha compañía con moita historia, que vai xa pola segunda xeración. Pero é máis coñecida na provincia de Lugo, que é por onde normalmente se move. Tamén traballan como manipuladores de monicreques para outras compañías, coma Kukas. Paporrubio, de Lalín, que estarán o 21 no centro cultural A Capela, Araño, con Varietés do Animalario, son unha compañía máis recente, pero Carlos Quintá e Luchi Iglesias, os seus responsables, levaban moito tempo xa traballando con compañías coma Fantoches Baj ou Viravolta.
Mircromina, que estarán no parque de Santa Lucía o venres 23 ás 12:00 con Vacacións no mar, son de Mondoñedo e tamén traballan normalmente por Lugo e pola Mariña. Seisdedos é Anxo García, de Viravolta, que fai con Fran Lareu O cego dos monifates, que estará o mércores 21 de 11:00 a 14:00 horas na praza Castelao. Son o cego e o monicrequeiro, que agochado na capa do cego manipula os monicreques. É á técnica tradicional do bululú, na que o lazarillo manipulaba os bonecos así oculto mentres o cego tocaba a zanfona.
E como hai que facer coas entradas?
Son gratis pero hai que reservar a través da páxina web do concello de Rianxo ou chamando ao teléfono 981100888. Hai dous espectáculos, o de Habib e Valeria e o de Larraitz que será pola mañá, o día 20 en Taragoña, aos que asistirán xa como público os membros do campamento do conciliación do concello, no que temos un obradoiro de monicreques. Temos, así, un programa bastante variado, mais centrado en espectáculos de pequeno formato, como na tradición do teatro popular das feiras. Non é teatro tanto de sala, aínda que si temos algún en sala, por exemplo os de sombras chinesas, que é moito máis difícil facelos ao aire libre. Son espectáculos que adoitan ter unha distribución non tan institucionalizada e moverse en circuítos concretos, así que o festival é unha boa oportunidade para velos.