Avelaíñas eléctricas (Néspera editora), a primeira novela de Sica Romero, é unha historia de desamor. Mais é moito máis ca iso. Un fondo retrato da psicoloxía e da traxectoria de vida das dúas personaxes principais, Mariña e Olivia. Xunto a unha reflexión sobre os porqués de comportamentos que non podemos comprender. Póndose, sempre, no lugar do outro. Por moito que doia. Por moito que non poidamos nin debamos xustificalos. Unha primeira obra dunha autora que manexa a estrutura narrativa, a linguaxe literaria -nun libro cun forte pouso poético- ou a construción de personaxes como alguén que hai moito que escribe. Falamos con ela.
Como xurdiron as personaxes principais da novela, Olivia e Mariña?
Ao principio só existía Mariña, que falaba de Olivia. Xa era unha historia de amor, ou máis ben de desamor. Pero a personaxe de Olivia pouco a pouco foi empezando a ter a súa personalidade e chegou un momento en que me parecía tanto ou máis interesante que Mariña. Así que dividín a historia en dúas partes, a de Mariña e a de Olivia, e despois decidín intercalar os capítulos para facela máis dinámica. Probei con outras estruturas pero decidinme por esta.
As dúas son bastante diferentes, aínda que tamén teñen moito en común. Mais o que din ou pensan distínguese, entre outros detalles, pola lingua que usan. A de Mariña é máis poética.
Desde o principio Mariña estivo concibida desa maneira, como unha persoa máis sensible e introspectiva que sempre tenta ir máis alá para entender as cousas. Olivia é máis de tirar para adiante, tamén porque ten unha historia moi diferente á de Mariña. Mariña traballa pero ten o apoio da nai ou da súa amiga Carmen. Olivia é como é porque está centrada en loitar para saír adiante: traballa e ten que coidar ela da súa familia.
Máis que unha novela de desamor é unha novela de personaxes na que afondas en ámbalas dúas. Era a túa intención?
Para min o máis importante da novela é quen son elas e por que. Nótase por todos os recordos, os flashbacks que aparecen para proporcionar información sobre quen son. Cando empeza a novela non temos as claves para comprender o que sucedeu entre elas, que hai detrás. E si, é que o me gustaría, que quen lea a novela poida coñecelas, saber por que son como son. O que quería era facelas tanxibles nese sentido. Por iso si podería dicir que é unha novela de personaxes.
No caso de ambas as súas vidas están moi marcadas polos roles de xénero. Unha ten que facer de nai da súa familia. A outra sufriu violencia de xénero.
“É difícil que cadaquén non escriba sobre o que leva dentro e precisa comprender”
Penso que é difícil que cadaquén non escriba sobre o que leva dentro e precisa comprender. Penso que as rapazas da miña xeración estamos moi concienciadas con este tema. Cando escoito que alguén sufriu por iso, polos roles de xénero, ou tamén por cuestións de clase, por exemplo, a min dóeme moito. Tento comprender o que pasa para poder xestionalo. Ademais penso que é importante visibilizar as cousas. Calquera muller pode empatizar con estas personaxes. E creo que é importante poñelo por escrito para facelas tanxibles, e ademais facelo en galego. Hoxe teñen máis visibilidade os temas de xénero, o LGBT, etc, e penso que é bo que haxa diversas fontes de información sobre eles: as noticias, a cultura, a arte…
Hai personaxes secundarios importantes como o irmán ou o avó de Olivia, que son contrarios un do outro. Un irmán egoísta e machista e un avó coidador.
O irmán de Olivia é un personaxe co que é difícil empatizar, pois móstrase como un home egoísta polo que os demais teñen que preocuparse. Pero é un personaxe marcado polo seu pasado, que non coñecemos directamente pero que podemos deducir facilmente. Pertence a unha familia desestruturada. Un pai que morre, problemas económicos grandes…
El é un adolescente e acaba caendo no mundo das drogas. E a drogadicción é unha enfermidade. Eu non pretendo xustificalo, pero téñolle certo cariño e penso que se cadra ninguén lle deu un abrazo cando o precisaba. Olivia séntese frustrada coa nai porque sempre apoia o seu fillo. Pero é normal porque é el o que non é quen de saír adiante.
“Hai xente que foxe para non perderse, para sobrevivir”
Arredor de Olivia hai outros personaxes como o papá Miguel, o avó de Olivia, que é unha figura paterna de cariño que apenas aparece pero xa está presente desde o primeiro capítulo, o cal é significativo. Os avós son figuras ás que debemos moito e debemos coidar. Papá Miguel e Mamasunción son figuras de protección. Son xente que está e que coida, que xa viviu o que tiña que vivir, á que hai que tratar con cariño. Nico, o amigo de Olivia e neto de Mamasunción, para min é o personaxe máis bonito da historia. Como coida a Olivia, o tento coa que a trata, coidándoa tamén a súa avoa, Mamasunción, como se fose avoa de Olivia. Olivia entra no mundo de Nico, na súa casa, con esa avoa con alzheimer.
As amigas dos dous lados son importantes tamén na historia.
Carmen é a amiga de Mariña e Carlota a de Olivia. Son moi distintas porque tamén pertencen a mundos distintos. Entre as amizades de Olivia o consumo de substancias ilegais e de alcohol é algo natural, forma parte do cotiá. Carlota é unha personaxe interesante. Pensei de feito en escribir máis sobre ela. Drógase e di que que vai facer se non, que como non vai facelo na sociedade na que vive e que outra xente toma drogas con receita. Olivia tamén se droga. Pero é que Mariña precisa medicación porque non soporta a realidade na que vive. Olivia ten a familia e os amigos que ten -Nico é unha excepción-. Por iso tamén sente necesidade de fuxir e pensa en marchar para Barcelona. Hai xente que foxe para non perderse, para sobrevivir.
Toda a novela está artellada sobre o fracaso da relación entre Mariña e Olivia, que seguen amándose. Cal é, no fondo, o conflito?
Son dúas rapazas que nun momento xúntanse, sendo moi diferentes e ao mesmo tempo compartindo moitas cousas. Na maneira de percibir o mundo ou na súa sensibilidade son moi iguais. Pero non é bo momento para ningunha. Mariña ten unha depresión e Olivia ten os seus problemas familiares. Mariña toma antidepresivos. Vese nese estado e non se atreveu a pedir axuda cando se orixinou o problema porque non tiña ferramentas para xestionalo. Olivia ten un irmán cunha drogadicción e unha nai que reclama constantemente a súa presenza. Ten que facer de matriarca da familia. Ningunha pode estar para a outra porque teñen abondo cos seus propios problemas. Nesas circunstancias non poden ter un amor san. Marchar foi unha elección para as dúas.
A novela ten un final aberto, pero a min gústame pensar que volven.
A min tamén me gusta pensalo.
Falabas da depresión de Mariña. Hai outra personaxe que ten depresión, que é a nai de Olivia. Desde a morte do seu marido, o pai de Olivia, en circunstancias moi tráxicas.
“As persoas con enfermidades mentais, igual que as persoas cunha drogadicción, non se comportan como persoas “normais”
Teñen depresións con síntomas moi distintos. Mariña afástase da xente. A nai de Olivia fai mal aos demais. É unha nai descoidada, practicamente abandona a súa filla Olivia deixándoa cos avós, descoida o seu fillo e é Olivia quen ten que coidar da irmá pequena, Laura. Olivia ten que facer de nai pero a nai nin lle está agradecida. Sempre pide máis e aínda lle bota merda enriba.
Olivia está do outro lado da Península e a nai chámaa para que vaia para a casa axudarlle co irmán. E Olivia alí vai. E aínda por enriba a nai é desagradable. Non mostra ningún tipo de empatía con Olivia. Pero é unha muller enferma, moi maltratada e moi incomprendida, que non tivo unha axuda real cando o seu marido morreu. Non tiña nin para pagar as facturas. E as persoas con enfermidades mentais, igual que as persoas cunha drogadicción, non se comportan como persoas “normais”. É incómodo e causa problemas tratar con elas, pero o que precisan é axuda e moita empatía. E que se difunda moita información sobre enfermidades mentais.
A través tanto de Mariña como de Olivia -unha traballa nunha galería de arte e a outra ten un proxecto artístico- sabemos dun mundo da arte no que hai bastante snobismo, bastante complexo de superioridade e moita falta de auténticas críticas.
Mariña é unha persoa moi reflexiva que sempre se pregunta polo por que das cousas. Olivia tenta meterse no mercado da arte, pois presenta un proxecto. Ela desexa con moita forza levalo adiante pero non parece que a valoren moito nin que a traten moi ben. E todo é un pouco superficial. Olivia publica imaxes nas redes sociais e ten todo moi estudado: sabe o que ten que facer para ter impacto. Impórtalle moito o que din dela e, sobre todo, demostrar que pode facelo.
“Chega un momento en que non sabes quen es, quen aparece nas fotos de instagram”
É moi boa coa imaxe, pero pérdese no superficial, no demostrativo. Por iso ás veces Mariña critica a Olivia. Mais é o tipo de sociedade que temos: as redes como unha identidade da que se cadra non sabemos desprendernos. Eu mesma teño coidado de non acabar demasiado metida nese mundo. Pois chega un momento en que non sabes quen es, quen aparece nas fotos de instagram, por exemplo. Cal é a versión verdadeira de ti. Acabamos sendo perfís, non persoas.
Mariña tivo un problema moi grande relacionado co patriarcado, do que falabamos ao principio. E sente que Olivia non estivo aí.
Mariña viviu algo que a atormenta e que non lle deixa saír adiante. Non sabe nin quen é. Non se recoñece. Roubáronlle a súa identidade. Olivia admite que non estivo aí cando Mariña a precisaba. Pero é que é moi difícil xestionar o papel que nese momento lle tocaba a Olivia coa súa propia familia. Porque co problema do irmán tiña que axudarlles un profesional.
E logo que hai cousas que hai que deixar de lado para poder xestionar noutro momento. Olivia reacciona de xeito proporcional á dor que lle causa o que Mariña lle conta. Non temos educación emocional. Non temos ferramentas para solucionar moitos conflitos. Eu pregúntome que faría se me pasase o mesmo á idade de Olivia. Tería ferramentas para xestionalo? Sabería xa para empezar identificar o problema real a partir do relato de Mariña? Se cadra non. Se cadra pensaría que Mariña está sobrepensando por sentirse tan mal por algo que aconteceu hai tempo. É complicado.