“Non ten que vir ninguén salvarme, porque o que realmente me pode salvar é aprender a loitar eu as miñas batallas”

Antia Yáñez © @stillpablou

“Sempre me deu moito que pensar que os recursos naturais, que deberían ser de todo o mundo, puidesen estar en mans dunha pouca xente”

Iolanda e a súa filla habitan un mundo hostil. Cruel, desigual, devorado por un poder que tenta amputar os afectos e converter os humanos en súbditos sempre dispostos á submisión. Mais hai algo que á cúpula que o domina todo –comandada por unha muller, nunha sociedade fondamente patriarcal- se lle escapa. Un xeito de rebeldía que, non sendo nun principio colectiva, permite albiscar a fin da alienación. Disto –entre outras cousas- vai a nova novela de Antía Yáñez, ‘Be water’. Que é un dos títulos cos que está a darse a coñecer a nova editora Cuarto de Inverno. Falamos con Antía, e máis abaixo poderedes ler tamén unha entrevista con Andrea Jamardo, a creadora –xunto con David Cortizo- de Cuarto de Inverno. 

O libro recolle varias citas sobre a relevancia da auga para a vida. E detrás de toda a historia que contas está a escaseza de auga e o seu control por unha elite. Por que esa idea da escaseza de auga como punto de partida?

Sempre me deu moito que pensar que os recursos naturais, que deberían ser de todo o mundo, puidesen estar en mans dunha pouca xente. Isto non pasa só coa auga, pero si me parece o caso máis grave. Como di a cita de El Perich da primeira parte do libro: “A bebida máis perigosa é a auga: mátate se non a bebes”.

É unha novela distópica, xénero que foi medrando na literatura en galego (entre os últimos exemplos, o ‘Natura’ de Iolanda Zúñiga). Algún motivo especial para a escolla deste xénero?

Simple escolla persoal. Encántanme as distopías, imaxinar como podería ser o mañá. Houbo unha época na que lía toda distopía que caía nas miñas mans e xa era hora de crear unha propia. Non será a última que escriba.

“Houbo unha época na que lía toda distopía que caía nas miñas mans e xa era hora de crear unha propia. Non será a última que escriba”

A novela describe unha sociedade moi desigual en canto a relacións de poder entre clases sociais, ademais de fondamente patriarcal. E poñer o acento, ademais de na desigualdade de clase, na desigualdade de xénero, é quizais unha das achegas das autoras que optan pola novela distópica (xa o fixera Margaret Atwood, por exemplo). Quixeches que fose así, ou simplemente quixeches reflectir a realidade que ves? 

Eu son unha feminista-optimista. É certo que o patriarcado está a nos atacar moi forte hoxe en día, pero é que o século XXI vai supoñer -xa o está a supoñer- un cambio moi grande para a sociedade en todo o que ten que ver co papel da muller e as novas masculinidades. Cando vou polas escolas e institutos e escoito as novas xeracións, énchome de esperanza. 

Pola contra, o que non vexo é que as diferenzas entre clases sociais diminúan; máis ben ao contrario. Cada vez sóannos máis palabras coma “aporofobia”, medo e rexeitamento á pobreza, e os ataques dos partidos da extrema dereita van sempre dirixidos a este sector da poboación. Pensei en como podería ser un mundo no que o “sálvese quen poida” fose moito máis extremo do que o é hoxe en día. O capitalismo responde en gran medida (se non é a súa natureza mesma) a estra premisa, e eu en ‘Be Water’ quería explorar un futuro no que as cousas que estou a ver xa hoxe en día estivesen ao límite.

“En ‘Be Water’ quería explorar un futuro no que as cousas que estou a ver xa hoxe en día estivesen ao límite”

Iolanda é nai. A filla non fora buscada, mais ao final Iolanda decide tela (sen dar explicacións, di). No libro descríbese como outros pais-nais deixan morrer os nenos… A novela propón, así, como unha desidealización da maternidade se a entendemos segundo o mandato patriarcal tradicional (o destino da muller, o seu máximo desexo…), mais non deixa de reivindicar unha maneira de exercela (sacrificar o propio benestar polo da nena…). Non sei ata que punto haberá no libro unha crítica sobre a idea da maternidade tradicional –e a “moderna”, ligada á ética dos coidados-, mais, quixeches tirar algunha reflexión sobre a maternidade neste libro?

Non cheguei aínda ao punto de reflexionar sobre a maternidade coma si o fago doutros temas, coma o feminismo ou a pobreza que falabamos na pregunta anterior. Pola contra, se hai algo que odio é que me tracen os camiños polos que debo discorrer, e a maternidade adoita ser unha desas cousas das que todo o mundo opina e das que moi pouca xente fala mal. Estou chea de oír que “a maternidade é marabillosa” ou “ser pai/nai é o mellor do mundo”. Non digo que sexa mentira, só me pregunto se pode ser así para o 100% da poboación. Esa é a única reflexión que me levou a poñer a unha nai adolescente na trama.

“Estou chea de oír que “a maternidade é marabillosa” ou “ser pai/nai é o mellor do mundo”. Non digo que sexa mentira, só me pregunto se pode ser así para o 100% da poboación”

Tampouco a familia parece ter a estrutura da familia tradicional (hexemónica e occidental, polo menos). A sociedade está deseñada para crear individuos illados, para amputar as redes de afecto. E a case ausencia da familia -sexa na forma que sexa- é parte desa desestruturación social. Por que decidiches presentalo así? A que quixeches apuntar con esa desestruturación?

Pois isto ten que ver co anterior: as diferentes maternidades. Non creo que sexa certo que todo pai ou nai poña os fillos e fillas por diante, moito menos cando a supervivencia está en xogo. Cada vez vamos máis cara a unha sociedade cuxas redes sociais e afectivas diminúen a favor de relacións a través dunha pantalla. Se xuntaba A e B, co engadido de que as nenas e nenos tiñan que traballar desde ben novos para poder vivir -nada que non fixeran nosos avós e avoas non hai tantos anos-, deu como resultado esta forma de vida das Colmeas.

Antía Yáñez © @stillpablou

“Non creo que sexa certo que todo pai ou nai poña os fillos e fillas por diante, moito menos cando a supervivencia está en xogo”

Fabián, o curmán, é un personaxe interesante desde o punto de vista do xénero. Comparte con Iolanda os coidados de Lucrecia, malia ser un home cuns privilexios de xénero non revisados noutros aspectos. Aínda que, tal como se presentan, parecen parte da alienación que viven homes e mulleres. (Sen deixar de seren privilexios masculinos). Como é, para ti, Fabián, nese aspecto? Facíame pensaren estruturas familiares que si existen, nas que é outro home quen se responsabiliza da crianza, e non o “pai” biolóxico.

Non quixen falar da paternidade (masculina) nesta novela; non era algo que me interesase. Simplemente, Fabián responde á sociedade na que vive e é froito dela. Se durante milleiros de anos a humanidade viviu no patriarcado, a xente das Colmeas era lóxico que seguise inmersa nel, porque para facer cambios estruturais necesítase tempo e, sobre todo, calma e reflexión, e cando alguén está a loitar pola supervivencia, a calma e a reflexión pasan a segundo plano. Ademais, o feito de que como home use os seus privilexios e acuda á prostitución serve tamén para ver como a pobreza e a miseria fan estragos na sociedade, sobre todo nas mulleres.

“O feito de que como home use os seus privilexios e acuda á prostitución serve tamén para ver como a pobreza e a miseria fan estragos na sociedade, sobre todo nas mulleres”

Hai outro personaxe interesante, que é a avoa. Moi importante na historia, malia estar ausente e formar parte do pasado. A avoa ensináralles aos netos a observar, para entender, e calar, supoño que para sobrevivir. Mais quería que fosen curiosos, e valentes, e dalgunha maneira rebeldes, pois ela mesma lévaos ás marxes físicas do sistema. Por que é especial a avoa e que impacto ten o seu xeito de selo nos seus netos?

A avoa só foi un referente do mundo exterior. Por idade, tiña que ser alguén maior, e non un pai ou unha nai. Ademais, quería rachar con esa imaxe das avoas doces e cándidas que coido temos moitos e moitas, e poñela como alguén afouto que pode ensinar que a vida é dura e que hai que loitala a diario.

“Quería rachar con esa imaxe das avoas doces e cándidas que coido temos moitos e moitas, e poñela como alguén afouto que pode ensinar que a vida é dura e que hai que loitala a diario”

Mais, para personaxes interesantes, hai dous con nomes da Antigüidade: Hera, a raíña da Colmea, e Aquiles, o Abázcaro favorito. Hera é, ademais dunha muller malvada –representación, na novela, do poder- unha abusadora sexual. E Aquiles é, ao tempo que un privilexiado nunha sociedade estamental e excluínte, unha vítima de Hera. Non creo que sexa casualidade que, na novela, Hera sexa muller e Aquiles home. É como darlle a volta á cúpula do poder nunha sociedade patriarcal. Na que a máxima líder é unha muller –e non é un “matriarcado”, precisamente-. Quixeches reflexionar, dalgunha maneira, sobre algunhas formas de exercer o poder por parte das mulleres? 

Por suposto. Unha muller, só por ser muller, non se converte automaticamente en feminista. Penso que as persoas que menos saben do tema, sobre todo -e por desgraza- as persoas que están nos estamentos de poder, confunden os termos, e non sempre por descoñecemento. Non hai máis que ver con que desatino afirman “se o feminismo é a igualdade, entón eu son feminista”. E logo que vai ser? Facer bebés á brasa e comelos? 

“Nin toda muller con poder é un éxito para o feminismo, nin todo home ten que responder aos parámetros de masculinidade que se lles esixen”

É un intento de menosprezar as palabras, porque as palabras teñen moito poder. Ademais, nestas dúas personaxes vese moi claramente que non me gusta seguir os roles de xénero nin os camiños impostos. Nin toda muller con poder é un éxito para o feminismo, nin todo home ten que responder aos parámetros de masculinidade que se lles esixen.

Na novela menciónase algún grupo rebelde que considera que a auga é un recurso común, público e universal, pero non se tira dese fío. De feito, a esperanza de saída parece ser máis individual, ou particular de certos individuos, que colectiva -aínda que tamén se albisca unha saída colectiva, malia non ser consecuencia da rebeldía, senón do coñecemento da realidade-. Algunha razón para non tirar dese fío da rebelión colectiva? 

Gustábame máis explorar as decisións persoais das personaxes que tirar da colectividade. Iso faría que tivese que explorar moitos temas dos que aínda non dei en reflexionar (asociacionismo, protesta colectiva, a unión do pobo...) e ese non era o obxectivo cando escribía ‘Be Water’.

“Gustábame máis explorar as decisións persoais das personaxes que tirar da colectividade”

A sociedade divídese, basicamente, en tres estamentos: o inferior, da masa obreira; o do medio, que son os Abázcaros (soldados, en realidade), e o superior: a raíña e os seus conselleiros, membros das familias máis ricas. Nun momento, a Raíña permite que os do medio teñan familia e que pasen ao sector superior. É como se se abrise a veda da mobilidade social, mais para manter, no fondo, a mesma estrutura. O cal parece, simplemente, metáfora das sociedades actuais. Non hai clase media, en realidade, ou é todo máis ben ficción. Como e porque pensaches así esta estrutura social? 

Creo que é un reflexo da sociedade actual, como ti ben dis. Cada vez imos máis cara a un mundo de ricos e de non-ricos, onde os ricos cada vez amasan maiores fortunas e os non-ricos somos cada vez máis pobres. Se iso é o que vivimos agora e non facemos nada para cambialo, a sociedade do futuro ben pode ser como a das Colmeas.

Canto á maneira en que está contada a historia, é unha estrutura bastante lineal, con algún flashback (como cando se conta a historia de Aquiles), cunha linguaxe directa e sinxela e con capítulos curtos. Tampouco é unha novela moi longa. Pensabas nun público xuvenil cando a escribiches? Como quixeches que resultase ao lector/a o estilo?

“Se iso é o que vivimos agora e non facemos nada para cambialo, a sociedade do futuro ben pode ser como a das Colmeas”

Nunca penso no público ao que dirixir a novela agás para unha cousa: o vocabulario. Se vai ser para rapaces menores de 12 ou 13, coido moito este aspecto, ou polo menos inténtoo. Explicar o mundo dos adultos e das adultas ás crianzas é un exercicio que require moito enxeño, e creo que cando alguén critica a LIX considerándoa “arte menor” é porque non pode ou non sabe conectar coa rapazada e por iso a menospreza. 

Eu escribín ‘Be Water’ sabendo que podía poñer, en canto a vocabulario, o que quixese (palabras malsoantes, castelanismos, anglicismos, expresións subidas de ton...) porque os seus potenciais lectores ían estar por enriba dos 13, pero non pensei en nada máis. No relativo á linguaxe sinxela, coido que sempre escribo así. Dá igual a quen vaia dirixido o libro porque é o meu estilo. De nena sempre odiei a adxectivación e as frases longas, así que agora que creo os meus mundos fágoos como a min me gustaría ler as novelas.

“Creo que cando alguén critica a LIX considerándoa “arte menor” é porque non pode ou non sabe conectar coa rapazada e por iso a menospreza”

Voltando ao tema dos abusos sexuais, aparecen o noxo, a culpa, o sentirse unha persoa suxa, avergoñada, débil. Un monicreque. E eu non podo evitar pensar no Metoo, por exemplo, porque vai precisamente, ou naceu como, denuncia do abuso sexual baseado nunha relación de poder. Tampouco podo evitar pensar no debate actual sobre o abuso sexual/agresión sexual. Dalgunha maneira, tiveches presentes estes feitos de actualidade para escribir esta novela?

Só tentei imaxinar como podería sentirse unha vítima que sofre estas atrocidades.

Antía Yáñez © @stillpablou

Cando a auga da superficie terrestre comeza a rexenerarse, a elite da Colmea (a Raíña, á cabeza) comeza a facer experimentos para buscar un elemento substitutivo que lle permita manter o seu poder. A elite basea o seu poder no control dos recursos. Que poden ser a auga, o petróleo… Ou elementos menos tanxibles como a información. Por que a historia da busca dun elemento substitutivo? 

No caso de ‘Be Water’, o elemento substitutivo é para atopar un porqué para os cadáveres. Ademais, se nos encamiñamos cara a un futuro onde a auga doce cada vez vai ser máis escasa, e tendo en conta que o ciclo da auga é un ciclo pechado, atopar algo externo co que poder agrandar ese ciclo sería un fito que faría inmensamente rico e poderoso a quen o conseguise, e iso é o que quere a Raíña: máis poder aínda.

“Se a solución a achega un home é porque na sociedade patriarcal os que teñen privilexios son eles e válese diso para atopar unha saída”

Parece que a salvación, ao final, está baseada no amor. E na entrega, nun sentido de sacrificio persoal. Albíscase, tamén, como dicía antes, unha solución colectiva, mais non se vai máis alá desa salvación, cuxo camiño é ademais proporcionado por un home. Non podo evitar ver aquí tampouco unha contradición co sentido xeral da novela: antipatriarcal, afastado da idealización do amor, da familia... Pode haber unha contradición aí? Por que, como xorde, ese final?

Non creo que a solución estea baseada no amor de parella. De feito, se tivese escrito esta historia na miña adolescencia, seguramente o final sería moi distinto, cun “comeron perdices e foron felices para sempre” e escapando o pai e a nai da pequena Lucrecia xuntos da Colmea. Non é así. Ademais, coideime moito de dicir en todo o proceso desta relación que non era amor o que sentían. Como podía ser amor, se se viran dúas veces na súa vida? É outra cousa. É cariño, sexo, comprensión, pero non amor. 

Se a solución a achega un home é porque na sociedade patriarcal os que teñen privilexios son eles e válese diso para atopar unha saída. Pola contra, ela non dubida en que ten que liscar. Soa ou acompañada, pero marcha de alí. El pode sacrificarse, xa que fica na Colmea, pero ela non. Iolanda non se sacrifica, que historias de mulleres sacrificadas xa temos moitas.

Mais tamén é verdade que nese home actuara antes unha muller moi importante na novela, e que el mesmo realiza un proceso de renuncia ao seu privilexio (poder): podería ferila, pero escolle axudala. (Por amor e empatía, e tamén porque hai alguén que considera seu..). Non é, en realidade, supoño, que haxa unha transformación nel: simplemente, volve ser o ser humano que nunca deixara de ser. Pensaches ese cambio nel -do odio e o desexo de vinganza ao coidado- desde esa perspectiva?

“O poder é a forza que xera máis insensibilidade do universo”

Aquí entramos nunha diatriba que leva fascinándome desde que a estudei na clase de filosofía: é o ser humano bo por natureza ou é malo por natureza? Aquiles é bo por natureza, se non fose así, non podería efectuar o cambio do que me falas con tanta “sinxeleza”. A Raíña, pola contra, é mala. Non ten piedade. Quizais neste personaxe pequei algo de “os meus malos son moi malos”, pero coido que o poder é a forza que xera máis insensibilidade do universo, así que non me parecía tan inverosímil.

Nese sentido, o personaxe de Iolanda tamén é interesante. Ten clarísimo desde o principio que as súas decisións son súas e que non precisa que a salven, senón que a apoien, e sabe no fondo que, como lle din, non precisa que lle digan o incrible que é. E aquí é fácil ver unha muller nova, cunha conciencia feminista… Como pensaches o personaxe de Iolanda, respecto a isto? 

“Non ten que vir ninguén salvarme, aínda que sexa máis cómodo, porque o que realmente me pode salvar é aprender a loitar eu as miñas batallas”

Representa a adolescente que todas, en feminino, deberiamos ser. Lémbrome a min, desexando que chegase o príncipe azul, querendo que alguén me quitase todos os problemas de diante no canto de aprender a manexalos eu mesma. 

Custoume moito rachar con esa visión de “o que debe ser unha muller” e verme como un ser humano independente que pode, que debe elixir o que quere. Que non ten que vir ninguén a salvarme, aínda que sexa máis cómodo, porque o que realmente me pode salvar é aprender a loitar eu as miñas batallas. É unha figura feminina que sigo botando moito en falta na literatura, así que supoño que por iso Iolanda é así.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.