'Galicia, unha cultura por descubrir' é un proxecto do Consello da Cultura Galega para dar a coñecer a cultura do país no exterior, que comeza con sete autoras e autores premiados e recoñecidos debullando a súa relación coa escrita
Manuel Rivas, Olga Novo, Fina Casalderry, Ledicia Costas, Xesús Fraga, Xosé Manoel Núñez Seixas e Suso de Toro protagonizan a primeira entrega do proxecto Galicia, unha cultura por descubrir, que vén de presentar o Consello da Cultura Galega no marco da Feira do Libro de Frankfurt, a maior feira comercial de libros de Europa e máis destacada aínda este ano para a nosa literatura, pois o Estado español é o convidado nesta edición.
"Quixemos xerar uns materiais que non caduquen, continxentes con abordaxes non personalistas e complementarios ao doutras entidades", explica a coordinadora, Dolores Vilavedra. Esta primeira parte do proxecto, xa dispoñible na rede, consiste en tres vídeos curtos que permiten entrar no universo literario de cada un dos autores seleccionados a través da súa propia experiencia.
As autoras e autores galegos que debullan os seus modos de facer e entender a literatura conversan sobre temas de gran relevancia no panorama editorial europeo contemporáneo. O primeira deles é a ecoliteratura, a escrita da natureza (nature writing), que reúne ensaios, ficcións e prospectivas ao redor da relación entre o home e o medio e que, segundo Vilavedra "conecta coa nosa tradición que vai máis atrás de Rosalía". Olga Novo explica por que na súa obra a natureza non é observada como un recurso externo, pois forma parte da súa vida por terse criado nun rural que é distinto ao de hoxe. E Manuel Rivas conta como na literatura galega, xa desde Martín Códax, os escritores e escritoras falan coa natureza e fanlle constantes preguntas.
A segunda temática que abordan as autoras e autores é o papel que desempeña a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) na representación dos importantes cambios sociais das últimas décadas na composición familiar, na multiculturalidade e na inmigración ou nas transformacións vinculadas á identidade sexual. Ledicia Costas lembra que non escribe para educar, escribe para entreter e divertir, sen medo a falarlle de todo ás rapazas e rapaces máis novos. Pola súa banda, Fina Casalderrey defende que os prexuízos non están na mocidade, apréndenllos os adultos; por iso, aposta por unha literatura que remexa conciencias e faga ver as inxustizas. "A LIX galega asomou unha grande sensibilidade cara os grandes cambios sociais", salienta Vilavedra.
O terceiro é a literatura da memoria entendida de xeito amplo. É a exploración da identidade e da memoria familiar e colectiva do século XX e a súa relación cos acontecementos traumáticos do pasado. Aquí Xesús Fraga, Xosé Manoel Núñez Seixas e Suso de Toro reflexionan sobre o papel do pasado, da herdanza e das súas fracturas, a relación entre o espazo público e o privado, o territorio, as orixes e como as evocan as persoas.
Manuel Gago, coordinador técnico do proxecto, sinalou que estes materiais audiovisuais se complementan con reportaxes elaboradas por culturagalega.gal. Tanto os textos como os vídeos están dispoñibles en inglés e galego e pódese acceder a eles desde un novo espazo web do Consello da Cultura: culture.gal, no que se ofrecen recursos da institución orientados a un público internacional e se irán incorporando estes novos contidos da iniciativa Galicia, unha cultura por descubrir, dentro do Plan de Acción Exterior do Consello.