O dicionario online da Real Academia Galega superou xa os 15 millóns de visitas no que vai de ano, mellorando os 14.4 millóns cos que pechou o 2016. O número de consultas diarias rolda as 55.000. A esta cifra habería que sumarlle as 1,6 millóns de visualizacións -máis do dobre que en todo 2016- nas aplicacións do dicionario para Android e iOS, que suman case 70.000 descargas. Tendo en conta esta evolución, é probable que o dicionario conclúa este exercicio chegando aos 19 millóns de buscas. O número de usuarios e usuarias únicas tamén medra: son máis de 873.700 en dez meses, por riba das 867.555 contabilizadas durante todo o 2016.
No último mes as dez palabras máis buscadas foron conacha, afouteza, máis, luscofusco, dioiva, présa, botar, fóra, mañá e bóla. Se en boa medida podemos responsabilizar ao Celta do espectacular interese pola palabra afouteza, noutros momentos do ano -nomeadamente antes do verán- chimpín estivo tamén entre as verbas máis procuradas, coincidindo precisamente coas semanas previas e posteriores á celebración do Festival de Cans. Outras palabras que tamén apareceron neste top ten de buscas foron cona, trosma ou canon.
A RAG estreou en 2013 a versión dixital do seu dicionario, que ofrece máis de 56.000 termos que poden ser consultados nesta iniciativa compartida coa Fundación Barrié. Ademais, o Portal das Palabras ofrece xogos interactivos e outros recursos lúdicos e didácticos de lexicografía. O dicionario dispón ademais dun bot para Facebook que define termos por medio do Messenger desta rede social.