Narciso Luaces converteu a súa casa na parroquia ortegana de Freires nun relevante museo etnográfico de 4.000 pezas que leva dous anos pechado
En 1999, un labrego da parroquia ortegana de Freires decidiu poñer en marcha na súa casa un museo con todas as pezas tradicionais de diferentes oficios do agro e do rural da zona e de toda Galicia. Desde todo tipo de apeiros ata antigas máquinas de coser, ferros de pasar, ferramentas de zoqueiros ou carpinteiros, sellas ou potes... Perto de 4.000 obxectos que Narciso Luaces, coa axuda da súa muller, foi conseguindo, mercando ou recibindo durante anos e que centos e centos de persoas puideron contemplar durante os máis de vinte anos que mantivo esta parte do seu fogar aberto ao público. Ata 2020 cando, coa súa morte, pechou as portas definitivamente logo dun tempo sen apenas atención.
Agora, a Asociación Terras do Ortegal, a través do seu departamento de Amigos do Museo de Meixido, trata de salvar un patrimonio único -pola calidade e cantidade das pezas acumuladas- que suma xa case tres anos sen poder ser visitado e co risco de sufrir a deterioración lóxica ao situarse nunha zona xa deshabitada e sen as condicións axeitadas para a súa conservación.
Terras do Ortegal leva anos denunciando o desleixo co legado de Luaces por parte das administracións, ás que presenta agora a súa proposta de musealización
"Nunca tivo unha subvención nin a pediu, pero as pezas alí seguen, co risco de estragarse. O fillo de Narciso non está en disposición de atender o patrimonio dun home que foi recoñecido en vida pero cuxo legado precisa agora tamén dese recoñecemento e protección", lembra Xosé María Torres, membro da directiva de Terras do Ortegal, que destaca a figura dun home sabio e conversador nado en 1929 e que publicou varias obras (O carreiro. Memorias do Tío Santos, Romaxe a Santo André de Teixido ou Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos).
No pasado mes de marzo, Terras do Ortegal e o Concello de Ortigueira reuníronse para estudar vías de colaboración para protexer o legado deste labrego no lugar de Meixido, logo de anos nos que a asociación denunciou o desleixo por parte das administracións á hora de buscar unha alternativa para conservar todo o patrimonio acumulado.
Ademais, en próximas datas, o municipio ortegano acollerá a presentación do catálogo do museo etnográfico, elaborado por Narciso Luaces e editado polo propio Concello e a entidade, coa axuda da Deputación da Coruña, logo de anos de espera. Será aí cando se lle formule ás administracións a necesidade de implicarse de vez na salvación do importante legado etnográfico e histórico.
"As administracións deberían velar por isto, desde o Concello ata a Deputación pasando pola Xunta; parece que por fin amosan interese, pero ata o de agora non houbo movemento ningún e agardamos que a publicación deste catálogo supoña un cambio na actitude", di Torres, un dos directivos que presentou ao alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, un documento cunha proposta de musealización para o patrimonio de Luaces.
A asociación comarcal busca o apoio de Concello, Xunta e Deputación da Coruña para catalogar e conservar as pezas nun renacido Museo Etnográfico de Meixido
"Este debería ser o documento-base", di Torres, que asegura que o cálculo dos gastos para todo o proceso, excluíndo a localización do espazo que acolla o museo, sería de 200.000 euros. "Entendemos que non debera ser problema de haber colaboración entre as diferentes administracións: Concello, Deputación e Xunta", engade quen advirte que "o primeiro" debería ser levar a cabo "un inventario e unha catalogación ao detalle de todas as pezas" do museo, máis aló do xa elaborado polo propio Luaces.
"Apelamos ao Concello para esta primeira fase, á que parece disposto, e á Xunta para abordar a restauración e conservación", insiste.
A idea é conformar un espazo que sexa museo pero tamén centro pedagóxico e didáctico a onde acudan escolares. E aí hai debate. Mentres hai expertos que cren que o ideal sería que continuase no lugar onde se conformou, outros consideran que o feito de que sexa un lugar xa deshabitado e de difícil acceso -a cinco quilómetros da vila de Ortigueira- complicaría moito as visitas.
"O museo pode ser sustentable cun pequeno investimento anual", di Torres en referencia a experiencias semellantes noutras localidades galegas, como os museos etnográficos da Casa do Patrón, en Lalín, ou do Monte Caxado, nas Pontes. Agora di ser "máis optimista" respecto da protección do legado de Narciso Luaces pero que ten claro que, a partir de agora, "compete ás administracións". "É a súa obriga e responsabilidade legal conservar este patrimonio", remata.
"Feiticeiros de soños cumpridos no Museo Etnográfico de Meixido", reza a placa que Terras do Ortegal colocou no pasaso verán no panteón dun matrimonio, o de Narciso e Herminia, para a quen a comarca busca agora unha homenaxe maior: a de ver protexido, catalogado e ao alcance de toda a sociedade do seu importante legado.