Catro mil libros e máis de trescentas actividades na XXIV edición do Salón do Libro de Pontevedra, que se celebrou no Pazo da Cultura e programou máis accións nas parroquias. "Quen se achega á literatura infantil e xuvenil vai atopar felicidade", salientou a edil de Cultura
"Quen se achega á literatura infantil e xuvenil vai atopar felicidade", asegura a reponsable de Cultura do Concello de Pontevedra, Carme Fouces, tras a celebración da XXIV edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. "A valoración deste Salón é moi positiva. A pandemia fixo algo a favor: ser conscientes do que perdemos e agora que o recuperamos a xente o abrazou dunha forma alucinante", salientou no peche do certame.
No Salón do Libro fixeron das restricións de aglomeracións da pandemia unha virtude, que é o proxecto Rodalibros, unha furgoneta con libros, contacontos e monitores de xogos que van polas quince as parroquias da cidade celebrando "grandes algarabías" para a rapazada en espazos como as casas da cultura. "Puxémolo en marcha case por obriga e resultou ser un éxito, por iso decidimos que permaneza", explica Fouces. Esa descentralización das actividades, que na súa maioría decorren no Pazo da Cultura, supón que a veciñanza "recorde que nos lugares afastados do centro urbano tamén hai cultura" e que "desde o concello sabemos que están aí".
"Foi unha magnífica sorpresa traballar con persoas que lembraban ter vivido na súa idade escolar os primeiros Salóns do Libro e escoitar ata que punto as marcara aquela experiencia", dixo Manuel Lourenzo na súa homenaxe
O Salón do Libro finalizou o pasado 7 de maio cunha homenaxe especial para recoñecer as traxectorias da ilustradora pioneira María Fe Quesada e o escritor Manuel Lourenzo González, que foi tamén director do Salón nas primeiras edicións. "Podería utilizar unha morea de adxectivos se quixese dicir como me sinto, sen preocuparme de que raien no tópico: satisfeito, orgulloso, venturoso, feliz, emocionado… E non me refiro só a esta xornada, a este acto que teño que entender como o xeito protocolario de manifestar recoñecemento e cariño, senón ás dúas semanas precedentes, nas que se me depararon unha rolda de gratificantes actividades, e aínda máis ás semanas anteriores, ao tempo en que este XXIV Salón se foi xestanto e cociñando. Porque, con gran xenerosidade, se me permitiu botar unha man nalgúns elementos da montaxe e a ambientación, e ata suxerir algunha idea para o programa de actos", manifestou Manuel Lourenzo.
"Hai algo poético na creación de imaxes a partir de conceptos que a priori non teñen nada que ver", sinala Iván sobre o obradoiro de poesía visual que levou a cabo do Salón do Libro
"Foi marabilloso compartir sesións de traballo cun grupo de persoas novas, de talento, perfectamente organizadas e sabiamente dirixidas, e foi unha magnífica sorpresa que entre elas houbese unhas cantas que lembraban ter vivido na súa idade escolar os primeiros Salóns do Libro e escoitar ata que punto as marcara aquela experiencia. Dito isto, podedes comprender que me sentise maxicamente trasladado a aqueles afastados anos en que un selecto grupo de amigas e amigos botabamos a andar, con gran entusiasmo e enerxía creativa, e contando co respaldo do goberno municipal, este proxecto que hoxe, e non hai esaxeración nisto, é un dos máis relevantes do Estado español", agregou o escritor Manuel Lourenzo.
Entender a lectura como algo lúdico foi a esencia dun programa que se centrou nas relacións dos libros coa música, a danza e o teatro. Con obradoiros como o de poesía visual que impartiu o ilustrador Iván R. "Baseándome no libro que fixemos Ramón D. Veiga e mais eu sobre Gloria Fuertes [A miña amiga Gloria, editado por Triqueta] quixen experimentar coas imaxes e coas palabras. Traballamos con conceptos soltos, por exemplo, que teñen en común unha mazá e o fondo do océano? De boas a primeiras non teñen nada en común, pero creo que entre dúas palabras pode haber unha especie de intersección no noso imaxinario e que iso só se pode mostrar a través dunha ilustración. Penso que hai algo poético na creación de imaxes a partir de conceptos que a priori non teñen nada que ver", sinala Iván R.
Iván R quixo "crear un pequeno universo que tivese que ver coa lectura e co xogo" para a imaxe gráfica desta edición do Salón do Libro
Iván R tamén foi o encargado de deseñar a imaxe gráfica desta edición do Salón do Libro. Un reto que asumiu tratando de construír o cartaz como un xogo, aproveitando a proposta do Concello de Pontevedra de vincular a lectura e o xogo. "Non quería só chamar a atención, quería que chegase a mensaxe", debulla o ilustrador, que ideou un cartaz que ten sentido ao lonxe e permite descubrir pequenas historias de preto.
"Non tiña sentido aplicar as texturas que se usan nos álbums ilustrados, que son para ver moi de preto. Isto tiña que ser máis como un cadro, con figuras máis planas. Pensei nas pezas de madeira de construción e que cadraba bastante contar en módulos como se fosen abstraccións. Crear un pequeno universo que tivese que ver coa lectura e co xogo. A partir de aí empecei a construír o cartel e que de lonxe se poderían entender ben as pezas de cores coa idea do xogo e que máis de preto ves as figuriñas que case todas están lendo", engade.
Catro mil libros e máis de trescentas actividades, entre elas trece exposicións, completaron a programación deste ano, con Colombia como país convidado. "Colombia é un exemplo de como a literatura pode recuperar e sandar sociedades moi danadas. Tiñamos moitas ganas de contar con esta parcería e é fantástico contar con Diego Alejandro Ruíz e Carolina Rueda, que están detrás deses traballos, en Pontevedra para aprender do seu facer e poder ensinarlles o que facemos aquí", manifestou a concelleira de Cultura, Carme Fouces.
Durante os festexos deste Salón do Libro tamén tivo lugar V Congreso Internacional de Mediación Lectora dirixido a profesorado, que contou con dous premios estatais: Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Xove 2022 e Ana Garralón, Premio Nacional de Fomento da Lectura. A clausura estivo a cargo do pedagogo italiano Francesco Tonucci, principal defensor do xogo na infancia.