O sector cultural galego, en crecemento "moderado" e cun descenso das subvencións

Público asistente a un dos concertos de 'Atardecer no Gaiás' © Cidade da Cultura

O 37% das entidades e empresas enquisadas para a realización do estudo afirma que tivo un 2024 mellor que o ano anterior, mentres o 22% asegura que lle foi peor

O 2024 foi un ano moderadamente bo para o sector cultural galego, segundo destaca o Barómetro da cultura galega, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, e que foi presentado este martes no Consello da Cultura Galega. O 37% das entidades e empresas enquisadas para a realización do estudo afirma que tivo un 2024 mellor que o ano anterior, mentres o 22% asegura que lle foi peor.

Neste ano os custos fóronse moderando, a tendencia no emprego foi á estabilidade e medrou o número de entidades que non solicitaron subvencións para desenvolver a súa actividade. As entidades da cultura prevén que 2025 continúe nun escenario de estabilidade, afirma o estudo.

Como vén sendo habitual nos últimos tempos en diversos estudos sobre a evolución da economía, as valoracións sobre a situación da propia entidade ou sobre o sector concreto no que desenvolve a actividade son máis positivas que percepción sobre a situación xeral da economía do país ou sobre a situación xeral do sector cultural galego.

Así, mentres ese 37% de respostas valora o 2024 como un ano mellor ou moito mellor que o 2023, tan só un 28% pensa o mesmo sobre o seu ámbito de actividade (e un 30% cre que a sitación foi peor que a do ano anterior). De igual xeito, tan só o 23% que que a situación do sector cultural en xeral mellorou e unicamente o 27% cre que a economía xeral do país mellorou en relación ao ano prececente, fronte a un 36% de respostas negativas.

Por sectores, o Barómetro establece que entre as entidades que tiveron un ano positivo están os museos, as que desenvolven actividades relacionadas co patrimonio cultural, as da educación cultural e tamén os departamentos de cultura das administracións. Tamén na parte están as artes gráficas, as bibliotecas e arquivos, a música e o audiovisual, e, con algo de distancia, o teatro, a danza e os espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas. No plano negativo están as artes visuais e o comercio de libros e xornais. 

En 2024 solicitaron subvencións o 46,6% das entidades enquisadas, das que o 4,2% non as recibiu. O 51,7% das entidades non as solicitou, é a cifra máis alta desde que se fai o barómetro, o ano 2021

O estudo tamén analiza as subvencións e axudas públicas. En 2024 solicitaron subvencións o 46,6% das entidades enquisadas, das que o 4,2% non as recibiu. O 51,7% das entidades non as solicitou, é a cifra máis alta desde que se fai o barómetro, o ano 2021.

Son sobre todo as empresas dedicadas ao comercio de libros e publicacións periódicas, ás artes visuais, á arquitectura e á publicidade as que non chegaron a solicitar este tipo de axudas. Segundo o documento, son os empresarios autónomos os que maioritariamente non as solicitaron. Polo demais, o informe asegura que o cruzamento por facturación e volume de persoal amosa que foron as entidades máis grandes as que maioritariamente solicitaron e obtiveron subvencións.

En canto á internacionalización, o Barómetro rexistra un “lixeiro incremento na porcentaxe de produción dedicada ao mercado internacional”, aínda que segue lonxe das cifras colleitadas nos dous anos xacobeos, e desde o Observatorio consideran que cómpre esperar a vindeiras edicións para ver se a tendencia se confirma. O que si queda constatado é que son os ámbitos do audiovisual e da edición de libros os que en maior medida logran penetrar nos mercados internacionais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.