O Son do Camiño consolídase como o evento "máis destacado" para os xestores da cultura galega

Os cinco destacados da cultura galega en 2024 polos xestores das entidades culturais CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal

O festival de música O Son do Camiño, o escritor Manuel Rivas e o seu Premio Nacional das Letras, a Culturgal, o grupo vigués Fillas de Cassandra e o Día das Letras Galegas dedicado á artista coruñesa Luísa Villalta son os fitos culturais "máis destacados" do ano 2024 para as persoas responsables das entidades culturais do país, segundo recolle o adianto da nova entrega do Barómetro da Cultura Galega, iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega

O informe inclúe unha pregunta sobre "a oferta cultural máis destacada de 2024", unha cuestión aberta e de resposta múltiple, para a que se solicita identificar os tres eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis salientables do ano pasado. As persoas entrevistadas responden sen opcións predefinidas, podendo mencionar ata tres referentes. Procesáronse 872 cuestionarios, recollidos entre o 20 de xaneiro e o 20 de febreiro deste 2025. 

O Son do Camiño no monte do Gozo en Santiago o ano pasado © Esmerarte/Bring the noise

A mención do Son do Camiño, evento sinalado como un dos máis relevantes de Galicia durante 2024 polo 12,5% das persoas enquisadas (2,1 puntos porcentuais máis que en 2023) sobresae especialmente e supera en case 7 puntos á segunda categoría máis citada, o Premio Nacional das Letras, que outorga o Ministerio de Cultura, de Manuel Rivas. "O festival, que na pasada edición do estudo se situaba na segunda posición, acada agora a primeira e segue consolidándose como un dos principais eventos culturais do país", destaca o informe.

O avance do Barómetro da Cultura Galega confirma o bo momento do eido musical, que foi o que máis respostas reuniu (57,3%)

Culturgal, a feira das industrias culturais, tamén gaña protagonismo ao acadar un 4,7% e a terceira posición na táboa. Un ano cargado de concertos fixo que Fillas de Cassandra subira agora ata o cuarto chanzo, cun 4,2% da mostra. Por cuarto ano consecutivo, Tanxugueiras mantéñénse entre os máis citados. A Cidade da Cultura, os eventos culturais do Camiño de Santiago e os Premios Mestre Mateo organizados pola Academia Galega do Audiovisual aparecen nos primeiros postos da clasificación.

Por sectores, o avance do Barómetro da Cultura Galega confirma o bo momento do eido musical, que foi o que máis respostas reuniu (57,3%). Dunha banda polo protagonismo dos festivais, que suman un 28,2% do peso total no conxunto, entre os que se atopan o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, o Resurrection Fest, o PortAmérica, o Sinsal, o Festival da Luz, as Revenidas ou o Festival de Pardiñas de Guitiriz. Da outra, pola mención individual de formacións e músicos como Baiuca, Carlos Núñez, Sés, Guadi Galego, Caamaño & Ameixeiras, A Banda da Loba.... mais tamén polo papel das bandas de música e os seus certames tradicionais. 

Actividades infantís na pasada edición da Culturgal © Culturgal

Seguindo coa clasificación por sectores culturais, o libro e a literatura ocupan o segundo lugar, co 24,9% das mencións. Os premiados en 2024 como Manuel Rivas ou Chus Pato, destacan canda nomes como Yolanda Castaño, Ledicia Costas, Pedro Feijoo ou Paula Carballeira. O Salón do Libro infantil e Xuvenil de Pontevedra, a gala de entrega dos Premios Follas Novas ou o labor editorial de Kalandraka figuran entre os citados.

Os Premios Mestre Mateo, os Premios Feroz (entregados en Pontevedra) e o Festival de Cans son os máis mencionados do sector audiovisual en 2024

En terceiro lugar sitúase o sector audiovisual, co 22,7% do total de mencións máis salientables para o ano 2024. Os Premios Mestre Mateo, os Premios Feroz (entregados en Pontevedra) ou o Festival de Cans e filmes que xa apareceran en 2023 como as As Neves, de Sonia Méndez; O Corno, de Jaione Camborda; Matria, de Álvaro Gago; ou As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen; así como series como Rapa, de Jorge Coira e producida por Portocabo, a coprodución galego portuguesa Lume ou os traballos de Bambú Producciones. Tamén hai espazo para intérpretes que repiten, como Luis Zahera e Luis Tosar, xunto con nomes novos como Lucía Veiga. Entre os espazos da TVG que se citan destaca de forma específica o Dígocho eu

As artes escénicas sitúanse en quinto lugar, por detrás das institucións da cultura, e acadan un 13,8% das mencións. Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, e o seu espectáculo Somos criminais e punto final, son os máis citados. A obra teatral Iribarne, o Centro Dramático Galego, a Mostra de Teatro de Ribadavia e as compañías Sarabela teatro e Chévere destacan tamén na clasificación de 2024.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.