É a primeira vez nos 40 anos de historia do premio que un autor galego obtén o galardón, un recoñecemento do conxunto da obra literaria dun escritor
Nos últimos anos os autores e autoras galegas veñen recibindo un gran número de Premios Nacionais, os galardóns que entrega o Ministerio de Cultura nos diferentes ámbitos das artes. Hai pouco máis dun mes Chus Pato facíase co Premio Nacional de Poesía por 'Sonora' e esa mesma semana Bea Lema recibía o Premio Nacional de Cómic por 'O corpo de Cristo'. Uníanse a unha loga xeira de premiados e premiadas en tempos recentes: máis dunha vintena de galardóns dende o ano 2017.
Este martes o Ministerio de Cultura anunciou a concesión do Premio Nacional das Letras a Manuel Rivas, un galardón que se entrega dende o ano 1984 e que nestes 40 anos nunca recoñecera a un autor galego. O premio é un recoñecemento do conxunto da obra literaria dun escritor español en cualquera das linguas oficiais no Estado. Rivas únese a unha lista na que figuran Gabriel Celaya, Miguel Delibes, Carmen Martín Gaite, Manuel Vázquez Montalbán, Antonio Buero Vallejo, Francisco Umbral, Pere Gimferrer, Ana María Matute, Rafael Sánchez Ferlosio, Rosa Montero ou Bernardo Atxaga.
A súa obra "acompaña o seu activismo, cunha pluma que, sen adoutrinamento, axita conciencias, induce á reflexión e estimula o pensamento cara á defensa da pluralidade lingüística e cultural e cara á igualdade de xénero", destaca o xurado
O xurado do premio salienta "a extraordinaria calidade narrativa" de Rivas que "aúna forza emocional e beleza formal". E destaca a "solidez dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega". Engaden, neste senso que "poucos autores do panorama literario español, partindo dun compromiso firme coa súa lingua, conseguiron acadar tal recoñecemento a nivel mundial".
Ademais, o xurado sinalou que a súa obra "acompaña o seu activismo, cunha pluma que, sen adoutrinamento, axita conciencias, induce á reflexión e estimula o pensamento cara á defensa da pluralidade lingüística e cultural e cara á igualdade de xénero". "Manuel Rivas, cunha voz poderosa e singular, crea literatura e, con ela, volve situar a escritura galega no olimpo das Letras Nacionais", conclúen.
"Manuel Rivas, cunha voz poderosa e singular, crea literatura e, con ela, volve situar a escritura galega no olimpo das Letras Nacionais", conclúe o xurado
Hai tan só unhas semanas conversamos con Manuel Rivas ao fío da súa última novela, Tras do ceo. Nesa entrevista destacaba que o "poder actual" amósase como "poder dominante, despótico e que manifesta un gran desprezo cara a iso que chamamos cultura". Con todo, sinalaba que mantiña a esperanza na capacidade da cultura para cambiar o mundo: "Eu xa sei que co libro non vou facer a reforma agraria, pero manteño unha faísca de esperanza porque cando les algo que te conmove e te perturba notas que ese intre te transforma".
O xurado do premio, dotado con 50.000 euros, estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura. Nel figuran representantes da Real Academia Española,da Real Academia Galega (María López Sández), da Real Academia da Lingua Vasca/Euskaltzaindia, do Instituto de Estudos Cataláns/Institut d’Estudis Catalans, da Asociación Española de Críticos Literario, da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) ou Cristina Fernández Cubas, autora galardoada ea convocatoria anterior.