Unha ducia de premios nacionais da cultura galega nos últimos anos
Esta semana a coruñesa Bea Lema foi galardoada co Premio Nacional de Cómic 2024, que concede o Ministerio de Cultura e tamén Chus Pato recibiu o Premio Nacional de Poesía. Únense a unha longuísima lista de autores e autoras galegas que nos últimos anos veñen recibindo este recoñecemento nas súas distintas categorías: poesía, ensaio, narrativa, tradución, xornalismo cultural, teatro.... Unha vintena de premios nos últimos sete anos que confirman o excelente momento da cultura galega.
-
01
Bea Lema
A coruñesa Bea Lema recibe un merecido Premio Nacional de Cómic por O corpo de Cristo (Astiberri), unha arriscada obra no formal e no contido que afonda dende a súa propia experiencia persoal un tema tan complexo como o da saúde mental, afondando na cuestión dende a perspectiva dunha nena.
É a segunda vez que este galardón, creado en 2007, recoñece o traballo dun autor galego, despois do premio que en 2013 recibiu Miguelanxo Prado por Ardalén.
-
02
Chus Pato
Chus Pato foi a última en conseguilo. A ourensá gañou o Premio Nacional de Poesía por 'Sonora', unha obra publicada por Xerais que o xurado considerou "unha expansiva e concentrada conversa entre o poema e a morte".
Trátase da cuarta vez en seis anos que autoras galegas reciben o recoñecemento que entrega o Ministerio de Cultura, despois dos galardóns a Yolanda Castaño (2023), Olga Novo (2020) e Pilar Pallarés (2019).
-
03
Yolanda Castaño
O pasado ano Yolanda Castaño recibiu o Premio Nacional de Poesía 2023 por Materia (Xerais), obra na que reflexiona sobre a renuncia á maternidade e sinala as "implicacións de tipo social e político" que a autora atopou ao tomar esa decisión, como sinalaba nesta entrevista.
Este galardón, con varias décadas de historia, recoñeceu algúns dos máis importantes poetas españois de varias xeracións, cun gran protagonismo para os e as creadoras galegas nos últimos anos, como Olga Novo (2020), Pilar Pallarés (2019) ou Manuel Álvarez Torneiro (2013)
-
04
Paula Carballeira
Apenas uns días antes de que coñecéramos o galardón de Yolanda Castaño, Paula Carballeira foi recoñecida co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 pola peza teatral 'As alumnas', editada por Galaxia e levada a escena coa produción de Culturactiva, que recuperou a memoria da mestra María Barbeito, represaliada co golpe de 1936, a partir do relato das súas alumnas. "O teatro acontece sempre no presente, é moi difícil de controlar", dicía nesta entrevista.
Rubén Ruibal (2007) ou Manuel Lourenzo (1997) tamén recibiron este premio.
-
05
Marilar Aleixandre
En 2022 Marilar Aleixandre recibiu o Premio Nacional de Narrativa por As malas mulleres (Galaxia), obra sobre a situación carceraria das mulleres do século XIX que facía fincapé na "importancia da sororidade e do compromiso cos demais".
Aleixandre converteuse na cuarta muller en obter este galardón, que comezou a concederse en 1977: catro escritoras fronte a 39 escritores. Uníase ademais aos anteriores gañadores galegos, entre eles Xesús Fraga (2021) Suso de Toro (2003), Manuel Rivas (1996) Alfredo Conde (1986) e Gonzalo Torrente Ballester (1981)
-
06
Ismael Ramos
Ese mesmo ano Ismael Ramos fíxose co Premio Nacional no apartado de Poesía Nova pola súa obra 'Lixeiro' (Xerais, 2021), o terceiro poemario do autor nacido en Mazaricos. Uns poemas que falan das preguntas da súa xeración, sen pretender ser un relato xeracional dos que naceron nos 90, como destacaba nesta entrevista.
Nesa mesma categoría dous anos antes recibira o premio Alba Cid.
-
07
Xesús Fraga
No ano 2021 o Premio Nacional de Narrativa foi para Xesús Fraga por Virtudes (e misterios), a novela gañadora do Premio Blanco Amor en 2019 e publicada por Galaxia. A obra conta a emigración desde a parte dos retornados e constitúe o relato dunha epopea como a que protagonizaron tantas mulleres galegas que, levadas pola adversidade, rematan percorrendo o mundo á procura dun futuro mellor.
-
08
Olga Novo
A poesía galega dominou os galardóns poéticos no ano 2020, no que Olga Novo se fixo co Premio Nacional desta categoría, que un ano antes gañara Pilar Pallarés. Fíxoo coa obra Feliz Idade, editado por Kalandraka.
“A literatura pertence ao dominio da cáscara estética da linguaxe, pero a vida está máis alá e máis dentro. A Poesía é Amor ou non é nada”, dicía nesta entrevista.
-
09
Alba Cid
En 2020 tamén se fixo co Premio Nacional de poesía nova 'Miguel Hernández' Alba Cid, a poeta nacida en Ourense en 1989. Fíxoo con Atlas, un mapa poético co que Cid percorre os cinco continentes.
“En máis dun caso, a poesía galega contemporánea foi quen de adiantar exploracións temáticas ou abrir liñas de fuga”, dicía nesta entrevista.
-
10
Xosé Manuel Núñez Seixas
Os autores galegos tamén se fixeron nos últimos anos con galardóns na categoría de ensaio. En 2019 Xosé Manuel Núñez Seixas gañou o Premio Nacional con Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018 e un ano antes María Xesús Lama obtívoo por por Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade.
-
11
Ledicia Costas
Galicia leva moitos anos sendo unha potencia na literatura infantil e xuvenil e autores e autoras do país obtiveron en varias ocasións o Premio Nacional desta categoría. Fíxoo Antonio García Teijeiro en 2017 por Poemar ó mar e dous anos antes Ledicia Costas por Escarlatina, a cociñeira defunta. Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey e Agustín Fernández Paz contan tamén con este galardón.
Ledicia Costas: "Quería escribir unha novela de luz e bos momentos que conseguise arrincar algún sorriso"
Antonio García Teijeiro: A LIX segue demasiado vencellada á escola. Se desaparece a prescrición escolar, caería en picado"
-
12
Ana Romaní e Anxo Quintela
O Premio de Xornalismo Cultural é máis recente (creouse en 2007) e en dúas edicións consecutivas recoñeceu a profesionais galegos: en 2018 a Ana Romaní e en 2019 a Anxo Quintela. Dous xornalistas da CRTVG, implicados na mobilización de Defende a Galega e, ademais, responsables ambos do Diario Cultural da Radio Galega.
-
13
E moitas e moitos outros...
A lista podería continuar. Dende o ano 2017 unha vintena de autores e autoras e profesionais do país recibiron os Premios Nacionais que convoca o Ministerio de Cultura. Na relación podemos incluír a profesionais da tradución (Xavier Senín en 2020, Neila García Salgado en 2018 e Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle en 2014), da moda (Adolfo Domínguez, 2019), da arquitectura (Manuel Gallego Jorreto, 2018), do teatro (Chévere en 2014) e das Artes Plásticas (Ángela de la Cruz, 2017).