A relación entre o patrimonio e as persoas que o habitan centra o proxecto documental 'A festa do emigrante', dirixido por Sara Traba a partir dos traballos de investigación dun grupo de arqueólogos da Universidade de Santiago liderados por Rebeca Blanco-Rotea
O adro da igrexa da freguesía do Extremo (Arcos de Valdevez, Portugal) convértese cada agosto nunha celebración que funde música, comida, ritos e as saudades dos emigrantes que volven no verán á terra. É a festa do emigrante, unha xuntanza que vai máis aló dunha simple celebración, xa que supón un vínculo entre a xente e o seu territorio.
O documental A festa do emigrante, realizado por Sara Traba (autora de As vacas de Wisconsin) afonda nesta relación entre o patrimonio e as comunidades que o habitan. Trátase dun traballo que forma parte do proxecto de investigación 'Arquitecturas da Paisaxe e do Cambio', que lidera a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea do Grupo de Investigación Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela. Este xoves 16 de xuño proxéctase no Paraninfo da USC ás 18.30 horas cun debate posterior conducido por Encarna Otero.
Estréase este xoves, ás 18.30h, no Paraninfo da USC cun debate no que participa a veciñanza de Arcos de Valdevez
Rebeca Blanco-Rotea desenvolveu entre 2016 e 2021 xunto a unha equipa de arqueólogos dous proxectos de posdoutoramento, financiados polo programa I2C da Xunta, que ampliaron o estudo da raia na marxe portuguesa. Un espazo no que durante a Idade Moderna se contruíu un patrimonio hoxe común, pero que foi separado cun sistema defensivo formado por varios conxuntos fortificados cando a Guerra da Restauração Portuguesa (1640-1668) acadou a independencia de Portugal da Coroa de Castela. Estes estudos materializáronse no sitio web La construcción de una frontera.
O documental tamén forma parte dun proxecto de posta en valor dunhas fortificacións excepcionais que en parte son hoxe un campo de fútbol
Nestes traballos constatouse que os procesos de patrimonialización e os comportamentos das comunidades locais foron claramente distintos a un e outro lado da raia. O documental achega estes achados e e tamén forma parte dun proxecto de posta en valor dunhas fortificacións excepcionais polo seu estado de conservación financiado pola Câmara de Arcos de Valdevez (Portugal), elaborado na Universidade do Minho coa colaboración da USC, e dirixido por Blanco-Rotea. Un espazo singular porque unha destas fortificacións é hoxe o punto de encontro da comunidade ao ter sido convertida na década de 1970 nun campo de fútbol.
O paraninfo da USC acolle a estrea deste documental, na que estarán presentes a directora, Sara Traba, a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea (coguionista do documental) e varios veciños e veciñas de Arcos de Valdevez que participan no proxecto, como Emilio Dias ou Nelson Dias. Todos eles participarán no debate co público conducido por Encarna Otero.
Non é a primeira vez que Sara Traba e Rebeca Blanco-Rotea empregan o audiovisual como ferramenta para achegarse á relación entre as comunidades e o patrimonio. Comezaron taballar xuntas con O castelo da froita (2016), que analiza a recepción que a veciñanza de A Guarda tivo dos traballos de restauración do Forte de Santa Cruz situado na propia vila.
E volveron colaborar no ano 2018 en Arqueología (del conflicto), que ofrece unha reflexión sobre o papel da muller na arqueoloxía do conflito, como investigadoras e como consumidoras dun discurso sobre a guerra que normalmente é construído dende unha ollada masculina.