O 'Zeca' Afonso, presente no Culturgal coa reedición de oito discos e a alianza entre Nordesía e o selo luso mais5

Portadas de seis dos sete álbums de Zeca Afonso reeditados © Nordesía

35 anos despois do seu falecemento, Zeca Afonso segue de actualidade, como demostra a reedición de oito álbums da súa discografía a cargo do selo luso mais5

José Zeca Afonso mantivo sempre unha intensa relación con Galicia. Hai 50 anos, o 10 de maio de 1972, nun concerto celebrado no Burgo das Nacións de Compostela ante centos de estudantes, o cantautor luso interpretou en directo por primeira vez o 'Grândola Vila Morena', que dous anos despois se convertiría no símbolo da Revolução dos Cravos.

Pero o vencello do Zeca con Galicia en absoluto se limitou a ese concerto. Nos anos seguintes actuou e gravou cun gran número de artistas galegos e galegas, en especial con Benedicto. Así mesmo, ofreceu moitos concertos en Galicia e nas súas cancións e discos a influencia de Galicia e da música galega está moi presente. Ademais, tanto nos seus últimos anos de vida coma despois do seu falecemento, as homenaxes e mostras de afecto recibidas ao norte do Miño foron importantísimas, como o recital colectivo organizado en 1985 no Auditorio de Castrelos. A relación continúa hoxe a través da Associaçom José Afonso - Galiza, que dende 2018 vén realizando un gran número de actividades para manter o legado do cantautor e difundir a súa obra no país.

Detalle do mural que lembra ao Zeca Afonso e a Benedicto no Burgo das Nacións (Santiago) © AJA Galiza

No Culturgal  poderán adquirirse as reedicións en CD e vinilo de oito discos de Zeca Afonso

35 anos despois do seu falecemento, Zeca Afonso segue de actualidade, como demostra a reedición de oito álbums da súa discografía a cargo do selo luso mais5. E tamén se mantén inalterable o seu interese por parte do público galego, razón pola que estas reedicións estarán presentes no Culturgal que se celebra esta fin de semana, grazas á alianza establecida entre mais5 e Nordesía producións.

Así, na feira galega das industrias culturais poderán adquirirse as reedicións en CD e vinilo de Cantares do Andarilho (1968), Contos Velhos Rumos Novos (1969), Traz Outro Amigo Também (1970), Cantigas do Maio (1971), Eu Vou Ser Como a Toupeira (1972), Coro dos Tribunais (1974) e Venhan mais cinco (1974). 

Coincidindo coa celebración do Culturgal, este 25 de novembro publicarase o último dos álbums reeditados neste ano, Com as minhas tamanquinhas (1976)

Ademais, coincidindo coa celebración do Culturgal, este 25 de novembro publicarase o último dos álbums reeditados neste ano, Com as minhas tamanquinhas (1976). O representante do selo mais5, Nuno Saraiva, acudirá ao stand da feira o sábado 26 para presentar este proxecto que vai xa polo seu oitavo lanzamento, e que ten previsto continuar no 2023. "Será a quenda doutros títulos dun músico sen igual que a mediados do século pasado iniciou unha extensa carreira musical, sempre da man da intervención cívica e política", destacan dende Nordesía.

Com as minhas tamanquinhas (1976) ©

En Com as minhas tamanquinhas, ilustrado polo artista plástico João de Azevedo e cun ton máis festivo que en anteriores traballos, José Afonso colaborou cun mozo que na altura tiña 28 anos chamado Quim Barreiros. No álbum inclúense, por exemplo, 'Os Indios da Meia-Práia', "considerada por moitos unha das mellores cancións feitas en Portugal na segunda metade do século XX", ou 'Os fantoches de Kissinger'.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.